Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 16

Adora a Deus como el quere

Adora a Deus como el quere

1, 2. Que decisión debemos tomar cada un de nós?

GRAZAS ó teu estudo da Biblia, aprendiches que moitas persoas que din adorar a Deus en realidade ensinan e fan cousas que El odia (2 Corintios 6:17). Por iso Xehová nos manda saír de Babilonia a Grande, a relixión falsa (Apocalipse 18:2, 4). E ti que farás? Cada un de nós debemos decidir se adoraremos a Deus como El quere ou se o seguiremos adorando á nosa maneira.

2 Se xa saíches da relixión falsa ou presentaches a túa renuncia, tomaches unha boa decisión. Pero poida que inda che guste participar nalgunhas prácticas ou costumes relacionados coa relixión falsa. Neste capítulo imos falar dalgúns deles. Tamén veremos por que é tan importante velos como Xehová os ve.

AS IMAXES E A ADORACIÓN ÓS DEFUNTOS

3. a) Por que pode ser difícil deixar de usar imaxes na adoración? b) Que ensina a Biblia sobre usar imaxes para adorar a Deus?

3 Algunhas persoas levan moitos anos usando imaxes ou altares para adorar a Deus. Se é o teu caso, poida que te sintas raro ou mesmo penses que está mal adorar a Deus sen usar estes obxectos. Pero lembra que Xehová nos ensina como adoralo. E a Biblia deixa moi claro que Xehová non quere que usemos imaxes na súa adoración (le Éxodo 20:4, 5; Salmo 115:4-8; Isaías 42:8; 1 Xoán 5:21).

4. a) Por que non debemos adorar os mortos? b) Por que lles mandou Xehová ós israelitas que non intentasen falar cos mortos?

4 En moitos países a xente celebra festas en honor ós defuntos. Nalgunhas partes do mundo mesmo adoitan adorar os mortos. Hai quen dedica moito tempo e enerxías para intentar compracelos. Pero xa aprendemos que os mortos non poden axudarnos nin facernos mal ningún. Tampouco seguen vivos noutro lugar. De feito, é perigoso intentar comunicarnos con eles porque calquera mensaxe que pensemos que vén dun familiar que morreu, en realidade, vén dos demos. Por iso, Xehová lles mandou ós israelitas que non tratasen de comunicarse cos mortos. Tamén lles dixo que non tivesen nada que ver con ningunha outra forma de ocultismo (Deuteronomio 18:10-12; ver as notas 2631).

5. Que che pode axudar a non usar imaxes nin adorar os mortos?

5 Que che pode axudar a non usar imaxes nin adorar os mortos? Le a Biblia e trata de entender o que pensa Xehová destas cousas. Nela aprendemos que son unha “abominación para o Señor”, é dicir, que as detesta (Deuteronomio 27:15). Ademais, óralle a Xehová tódolos días e pídelle que che axude a ver as cousas como el as ve e a adoralo como el quere (Isaías 55:9). Podes estar seguro de que Xehová che dará as forzas que precisas para deixar todo o que estea relacionado coa adoración falsa.

DEBERIAMOS CELEBRAR O NADAL?

6. Por que se escolleu o 25 de decembro para celebrar o nacemento de Xesús?

6 O Nadal é unha das festas máis populares do mundo. A maioría das persoas pensa que é a celebración do nacemento de Xesús. Pero en realidade está relacionado coa adoración falsa. Unha enciclopedia explica que, en Roma, os que non eran cristiáns celebraban o nacemento do Sol o 25 de decembro. Os líderes da Igrexa querían que máis persoas se fixesen cristiás, por iso decidiron celebrar o nacemento de Xesús nesa data. Pero Xesús non naceu o 25 de decembro (Lucas 2:8-12). Os discípulos de Xesús non celebraban o Nadal. O libro Sacred Origins of Profound Things (As orixes sagradas das cousas profundas) explica que nos primeiros douscentos anos despois do nacemento de Xesús “ninguén sabía, e a poucas persoas lles importaba, a data exacta do seu nacemento”. De feito, o Nadal empezouse a celebrar máis de trescentos anos despois de nacer Xesús.

7. Por que non celebran o Nadal os verdadeiros cristiáns?

7 Moitas persoas coñecen a orixe pagá do Nadal e as súas tradicións, como xuntarse coa familia para comer e dar regalos. Por exemplo, en Inglaterra e nalgunhas partes de Norteamérica houbo un tempo no que estaba prohibido celebrar o Nadal pola súa orixe pagá, e castigábase a calquera que o celebrase. Pero co tempo a xente volveuno celebrar de novo. Mais os cristiáns verdadeiros queren agradarlle a Deus en todo o que fan, e por iso non celebran o Nadal.

DEBERIAMOS CELEBRAR OS ANIVERSARIOS DE NACEMENTO?

8, 9. Por que os primeiros cristiáns non celebraban os aniversarios de nacemento?

8 Outra celebración moi popular son os aniversarios de nacemento. Deberían celebralos os cristiáns? Os únicos aniversarios de nacemento dos que fala a Biblia foron de persoas que non adoraban a Xehová (Xénese 40:20; Marcos 6:21). Nestes aniversarios adoitábase honrar deuses falsos. Por ese motivo, os primeiros cristiáns consideraban estas celebracións como “reliquias de prácticas pagás” (Las cosas nuestras de cada día).

9 Na antigüidade, os gregos e os romanos pensaban que cada persoa tiña un espírito que estivera presente no seu nacemento. Crían que ese espírito estaba relacionado cun deus que nacera ese mesmo día e que debían celebrar o aniversario de nacemento para estaren protexidos toda a vida.

10. Por que os cristiáns non deberían celebrar os aniversarios de nacemento?

10 Pensas que Deus aproba as celebracións que están relacionadas coa relixión falsa? (Isaías 65:11, 12) Non. Ese é o motivo polo que os cristiáns non celebramos os aniversarios de nacemento nin ningunha outra festa que teña relación coa relixión falsa.

IMPORTARÁ A ORIXE?

11. a) Por que algunhas persoas celebran festas relacionadas coa relixión falsa? b) Que debería ser o máis importante para ti?

11 Algunhas persoas seguen a celebrar o Nadal e outras festas malia coñeceren a súa orixe pagá. Pensan que estas celebracións simplemente son unha boa ocasión para xuntarse coa familia. Ti que pensas? Non ten nada de malo querer pasar tempo cos nosos. De feito, foi Xehová quen creou a familia e quere que nos levemos ben. Pero a nosa amizade con Xehová debe ser máis importante que querer agradarlle á familia celebrando festas relacionadas coa relixión falsa. Por iso o apóstolo Paulo dixo: “Tende sempre o ollo no que agrada ao Señor” (Efesios 5:10, ONT1978).

12. Que clase de festas non aproba Xehová?

12 Moita xente pensa que non importa a orixe que teña unha festa. Pero Xehová non pensa así. El non aproba as celebracións que teñen a súa orixe na adoración falsa. Tampouco aproba as festas que se fan en honor a persoas ou símbolos nacionais. Por exemplo, os exipcios celebraban moitas festas en honor a deuses falsos. Despois de saíren de Exipto, os israelitas copiaron unha destas festas pagás e dixeron que sería unha “festa en honor do Señor”. Pero Xehová castigounos por facer iso (Éxodo 32:2-10). Disto aprendemos que debemos facer o que dixo o profeta Isaías: “Non toquedes cousa impura” (le Isaías 52:11).

SÉ AMABLE Ó FALAR DAS TÚAS CRENZAS

13. Que preguntas poida que te fagas cando deixes de celebrar unha festa?

13 Cando decides deixar de celebrar unha festa, poida que te fagas moitas preguntas. Por exemplo: “Que fago se os meus compañeiros de traballo me preguntan por que non celebro o Nadal? E se alguén me fai un agasallo nesas datas? Que fago se o meu marido ou a miña muller quere que celebre unha festa que Deus non aproba? Como podo axudarlles ós meus fillos para que non se sintan mal por non celebrar certa festa ou o seu aniversario de nacemento?”.

14, 15. Que podes facer se alguén che desexa felices festas ou che dá un agasallo?

14 É importante utilizar o sentido común á hora de decidir que dicir e que facer en cada caso. Por exemplo, se alguén che desexa felices festas, non tes por que ignoralo. Poderías simplemente darlle as grazas. Pero se alguén quere saber máis, poderías explicarlle por que decidiches non celebrar esa festa. En calquera caso, lembra que sempre debes falar con agarimo, tacto e respecto. A Biblia di: “Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada” (Colosenses 4:6). Poderías explicar que a ti tamén che gusta dar regalos e pasar tempo con outros, pero que prefires facelo en ocasións que non estean relacionadas con esas festas.

15 E que deberías facer se alguén che dá un agasallo? A Biblia non dá unha listaxe de normas nin di o que facer en cada caso, pero di que sempre debemos ter unha boa conciencia (1 Timoteo 1:18, 19). Poida que a persoa que che dá o agasallo non saiba que non celebras esa festa. Ou poida que che diga: “Sei que non celebras esta festa, pero inda así quero darche isto”. En situacións así, podes decidir aceptalo ou non. Pero asegúrate sempre de que a decisión que tomes te deixe coa conciencia limpa. Non queremos facer nada que poida danar a nosa amizade con Xehová.

CANDO A TÚA FAMILIA NON PENSA IGUAL

Os que serven a Xehová son felices

16. Que deberías facer se a túa familia quere celebrar unha festa que non lle agrada a Xehová?

16 Que deberías facer se a túa familia quere celebrar unha festa que a Xehová non lle agrada? Non discutas con eles. Recorda que tamén teñen dereito a decidir o que queren facer. Así que sé amable. Respecta as súas decisións igual que ti queres que respecten as túas (le Mateo 7:12). Pero, e se a túa familia quere que pasedes tempo xuntos nesas datas? Antes de decidir, óralle a Xehová para que che axude a tomar a decisión correcta. Pensa en todo o que está envolto e busca información sobre o tema. Lembra que o máis importante é agradarlle a Xehová.

17. Que podes facer para que os teus fillos non sintan envexa cando outros celebran festas que non lle agradan a Xehová?

17 Que podes facer para que os teus fillos non se sintan mal cando ven a outros celebrar estas festas? De vez en cando podes preparar algo especial para eles. Por exemplo, podes darlles unha sorpresa e facerlles un regalo. E lembra que un dos mellores agasallos que lles podes facer é pasar tempo con eles e darlles moito agarimo.

ADORA A XEHOVÁ COMO EL QUERE

18. Por que debemos ir ás reunións?

18 Para agradarlle a Xehová, precisamos abandonar a relixión falsa e os costumes e festas relacionados con ela. Pero ademais diso, tamén temos que practicar a relixión verdadeira. Como? Un xeito é asistindo regularmente ás reunións que celebran as testemuñas de Xehová (le Hebreos 10:24, 25). Estas reunións son unha parte moi importante da adoración a Deus (Salmo 22:23 [22:22, NM]; 122:1). Nelas tamén podemos animarnos uns ós outros (Romanos 1:12).

19. Por que é importante que lles fales a outros do que estás a aprender na Biblia?

19 Outra maneira de practicar a relixión verdadeira é falándolles a outras persoas do que estás aprendendo na Biblia. Moita xente está preocupada polas cousas malas que están a pasar no mundo. Quizais coñezas a alguén que se sinta así. Fálalle sobre a fermosa esperanza que tes para o futuro. A medida que vaias ás reunións e lles fales a outros do que di a Biblia, sentirás que xa non necesitas ser parte da relixión falsa nin participar nos seus costumes. Se escolles adorar a Xehová do xeito que a el lle agrada, podes estar seguro de que serás feliz e El bendicirá os teus esforzos (Malaquías 3:10).