Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 19

Continúa a carón de Xehová

Continúa a carón de Xehová

1, 2. Onde podemos atopar un bo refuxio?

IMAXINA que estás fóra da casa e o ceo empeza a poñerse cada vez máis negro. Entón ves lóstregos, escoitas tronar e comeza a chover a chuzos. Así que botas a correr e buscas onde agocharte. Menos mal que ó final atopas un bo refuxio!

2 Vivimos nunha situación parecida. O mundo vai de mal en peor. Poida que te preguntes: “Onde podo atopar un bo refuxio?”. Un escritor da Biblia díxolle a Xehová: “Meu refuxio, miña forza, meu Deus, en quen confío” (Salmo 91:2). Xehová pode axudarnos cos nosos problemas. Ademais, dános unha fermosa esperanza para o futuro.

3. Que temos que facer para que Xehová nos axude?

3 Como pode axudarnos Xehová? El é moito máis poderoso que calquera persoa que intente facernos dano. Pode axudarnos a afrontar calquera problema que teñamos. Mesmo se nos pasa algo malo, podemos estar seguros de que no futuro Xehová reparará ese dano. Para que nos axude, precisamos estar a carón del. A Biblia di: “Mantédevos no amor de Deus” (Xudas 21). Como podemos facelo?

DEMOSTRA QUE AGRADECES O AMOR DE DEUS

4, 5. Como demostrou Xehová o amor que nos ten?

4 Para continuar a carón de Xehová, precisamos entender o moito que nos ama. Pensa en todo o que fixo por nós. Deunos un fermoso planeta e encheuno de plantas e animais abraiantes. Tamén nos deu boa comida e auga dabondo. Ademais, na Biblia ensínanos cal é o seu nome e as súas fermosas calidades. Pero, sobre todo, demostrounos o seu amor ó enviar o seu benquerido Fillo, Xesús, á Terra para que dese a súa vida por nós (Xoán 3:16). E grazas a ese sacrificio, temos unha marabillosa esperanza para o futuro.

5 Xehová estableceu o Reino Mesiánico no ceo. Este goberno pronto acabará co sufrimento e fará da Terra un paraíso, onde viviremos para sempre, felices e en paz (Salmo 37:29). Xehová tamén nos demostrou o seu amor ó ensinarnos cal é o mellor xeito de vivir. Ademais, anímanos a orarlle e sempre está disposto a escoitarnos. É evidente que Xehová demostrou o amor que nos ten a cada un de nós.

6. Que debemos facer ó ver canto nos ama Xehová?

6 Que debemos facer ó ver canto nos ama Xehová? Demostrar que llo agradecemos moito. Por desgraza, a maioría das persoas non o fai. Cando Xesús estivo na Terra pasaba o mesmo. Por exemplo, nunha ocasión curou dez leprosos, pero só un lle deu as grazas (Lucas 17:12-17). Queremos ser coma ese home e demostrarlle sempre a Xehová o agradecidos que estamos.

7. Como debemos amar a Xehová?

7 Ademais, tamén debemos amar a Xehová. Xesús díxolles ós seus discípulos que debían amar a Xehová con todo o corazón, alma e entendemento (le Mateo 22:37). Que significa isto?

8, 9. Como podemos demostrarlle a Xehová que o amamos?

8 Abonda con dicir que amamos a Xehová? Non. Se de verdade o amamos con todo o noso corazón, alma e entendemento, demostrarémolo coas nosas accións (Mateo 7:16-20). A Biblia deixa claro que, se amamos a Deus, obedeceremos os seus mandamentos. É difícil facelo? Non, porque “os mandamentos de Deus non son pesados” (le 1 Xoán 5:3).

9 Cando obedecemos a Xehová, a nosa vida ten sentido e somos felices (Isaías 48:17, 18). Imos ver que nos axudará a continuar a carón de Xehová.

ACHÉGATE CADA VEZ MÁIS A XEHOVÁ

10. Por que debes seguir aprendendo sobre Xehová?

10 Como chegaches a ser amigo de Xehová? Ó estudares a Biblia, fúchelo coñecendo cada vez mellor ata chegares a ser o seu amigo. Pero esa amizade é coma un lume: se non queres que se apague, tes que botarlle máis leña. Isto quere dicir que debes seguir aprendendo sobre Xehová para que a vosa amizade se manteña viva (Proverbios 2:1-5).

O teu amor por Xehová é coma un lume: se queres que non se apague, tes que mantelo vivo

11. Que pasará a medida que vaias aprendo máis da Biblia?

11 Logo de Xesús explicarlles o significado dalgunhas profecías a dous dos seus discípulos, eles dixeron: “¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?” (Lucas 24:32). A medida que vaias aprendendo máis cousas sobre a Biblia, ti tamén sentirás que che arde o corazón.

12, 13. a) Que lle podería pasar ó amor que sentimos por Deus? b) Como podemos manter vivo o noso amor por Xehová?

12 Cando empezaches a entender a Biblia, seguro que sentiches o mesmo entusiasmo que aqueles discípulos. Isto axudouche a coñecer mellor a Xehová e a amalo. Ben seguro que non queres que ese amor arrefríe! (Mateo 24:12).

13 Unha vez que chegas a ser amigo de Deus, precisas traballar duro para manter forte esa amizade. Así que sigue aprendendo de Xehová e de Xesús. Ademais, debes reflexionar no que aprendes e pensar en como levalo á práctica na túa vida (Xoán 17:3). Ó leres ou estudares a Biblia, pregúntate: “Que me ensina isto sobre Xehová? Como me axuda a amalo máis?” (Xosué 1:8).

14. Como nos axuda a oración a manter forte o noso amor por Xehová?

14 Cando tes un bo amigo, seguro que falas con el a miúdo. Isto fai que a vosa amizade se manteña forte. Do mesmo xeito, cando falamos con Xehová acotío, o noso amor por el mantense forte (le 1 Tesalonicenses 5:17). A oración é un fermoso agasallo do noso Pai. Pero non debemos repetir unha e outra vez oracións aprendidas de memoria. Máis ben, debemos pensar o que dicimos e falarlle sempre dende o corazón (Salmo 62:9 [62:8, NM]). Se facemos isto e seguimos estudando a Biblia, o noso amor por Xehová seguirá sendo forte.

FÁLALLES DE XEHOVÁ A OUTROS

15, 16. Que pensas da predicación?

15 Se queremos continuar a carón de Xehová, tamén precisamos falarlles a outros das nosas crenzas. Falarlles de Xehová a outros é un grande honor. Ademais, é unha responsabilidade que Xesús nos encargou a tódolos cristiáns verdadeiros. Así que cada un de nós debe predicar as boas noticias do Reino. Ti xa empezaches a predicar? (Mateo 24:14; 28:19, 20).

16 O apóstolo Paulo valoraba tanto o labor de predicar que dixo que era un tesouro (2 Corintios 4:7). Falarlles a outros de Xehová e o seu propósito é a obra máis importante que podemos facer. Este é un xeito de servirmos a Xehová, e el valora moito todo o que facemos por el (Hebreos 6:10). A predicación axudarache a ti e ós que te escoitan a estardes máis preto de Xehová e, no futuro, terdes vida eterna (le 1 Corintios 15:58). Pode haber algún traballo mellor?

17. Por que é tan urxente predicar?

17 A Biblia di: “Pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo” (2 Timoteo 4:2). Este labor é moi urxente. As persoas precisan escoitar sobre o Reino de Deus porque “está cerca o grande día do Señor, próximo e a caer” (Sofonías 1:14). A fin “non demorará”. Dentro de moi pouco Xehová acabará co mundo de Satán (Habacuc 2:3). Antes de que isto pase, temos que avisar as persoas e darlles a oportunidade de escoller servir a Xehová.

18. Por que debemos xuntarnos con outros cristiáns verdadeiros para adorar a Xehová?

18 Xehová quere que nos xuntemos con outros cristiáns verdadeiros para adoralo. A Biblia di: “Considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras. E non faltedes endexamais á nosa reunión, como fan algúns, senón que nos animemos uns ós outros e tanto máis canto que ollades que está a chegar aquel día” (Hebreos 10:24, 25). Debemos facer todo o posible por ir a tódalas reunións. Alí temos a oportunidade de animarnos uns ós outros e darnos azos.

19. Que che vai axudar a querer os irmáns?

19 Nas reunións atoparás bos amigos que che axudarán a adorar a Xehová. Coñecerás irmáns con diferentes personalidades e antecedentes que tamén se esforzan por servir a Xehová. Igual ca ti, son imperfectos e cometen erros. Por iso debes estar disposto a perdoalos (le Colosenses 3:13). Céntrate sempre nas boas calidades dos irmáns da congregación. Facer isto axudarache a querelos e achegarate inda máis a Xehová.

“A VERDADEIRA VIDA”

20, 21. Que é “a verdadeira vida”?

20 Xehová quere que tódolos seus amigos teñan a mellor vida posible. A Biblia ensina que, no futuro, a nosa vida será moi diferente á de agora.

Xehová quere que os seus amigos desfruten da “verdadeira vida”. Serás ti un deles?

21 Entón viviremos para sempre, non só setenta ou oitenta anos, e teremos saúde perfecta. Seremos felices e viviremos en paz nun fermoso paraíso. Iso é o que a Biblia chama “a verdadeira vida”. Xehová promete darnos esa vida, pero nós debemos loitar por ela (1 Timoteo 6:12, 19).

22. a) Como podemos conseguir “a verdadeira vida”? b) Por que non podemos gañar a vida eterna por méritos propios?

22 Como podemos loitar pola vida eterna? Temos que facer o ben, ser ricos “en boas obras” (1 Timoteo 6:18). Isto implica que debemos poñer en práctica o que aprendemos na Biblia. Con todo, acadar a verdadeira vida non depende dos nosos propios méritos. Non é algo que poidamos gañar, é un agasallo que Xehová lles dá ós seus servos fieis porque quere, unha mostra da súa xenerosidade (Efesios 2:8).

23. Por que é importante que escollas ben e que o fagas deseguida?

23 Pregúntate: “Estou a adorar a Xehová como el quere?”. Se ves que precisas facer algúns cambios, fainos deseguida. Se confiamos en Deus e facemos canto podemos por obedecelo, el será o noso refuxio. Xehová protexerá os seus servos fieis durante os derradeiros días do mundo de Satán. Despois, poderemos vivir para sempre no Paraíso, tal como El prometeu. Se escolles ben agora, no futuro poderás desfrutar da verdadeira vida!