Ir ó contido

Ir ó índice

PREGUNTA 5

Que fago se sufro acoso escolar?

Que fago se sufro acoso escolar?

POR QUE É IMPORTANTE

A túa reacción pode mellorar a situación ou empeorala.

TI QUE FARÍAS?

Imaxina a seguinte situación. Rubén non quere ir hoxe a clase. Nin mañá. En realidade, non quere volver máis. Todo comezou hai tres meses, cando uns compañeiros seus empezaron a contar mentiras sobre el. Despois viñeron os alcumes. Algunhas veces, tirábanlle os libros ó chan facendo coma se fose sen querer. Outras, alguén dun grupo empurrábao por detrás, e cando el se viraba todos disimulaban. Onte, o acoso volveuse aínda peor: a Rubén chegoulle unha ameaza ó móbil.

Se ti foses Rubén, como reaccionarías?

PÁRATE A PENSAR

Non estás totalmente indefenso. Podes vencer o acoso sen devolver o golpe. Queres ver como?

  • MANTÉN A CALMA. A Biblia di: “O parvo déixase levar de calquera impulso, mais o sabio reprímeo e acálmao” (Proverbios 29:11). Se consegues estar o máis tranquilo posible, polo menos por fóra, poida que se acaben aburrindo e te deixen en paz.

  • NON A DEVOLVAS. A Biblia di: “Non volvades mal por mal a ninguén” (Romanos 12:17). Se intentas vingarte, só vas conseguir que as cousas vaian a peor.

  • EVITA OS PROBLEMAS. A Biblia di: “O asisado ve o perigo e apártase” (Proverbios 22:3). Evita todo o posible a xente problemática e as situacións perigosas.

  • PROBA CON ALGO QUE NON ESPEREN. A Biblia di que unha resposta tranquila pode calmar os ánimos (Proverbios 15:1). Ás veces, pode funcionar rirse dun mesmo. Por exemplo, se un abusón se mete co teu peso, proba a encollerte de ombros e dicir algo así como: “Si, non me viría mal baixar uns quiliños”.

  • MARCHA. Nora, de 19 anos, di: “Se marchas sen responderlles demostras que tes personalidade, fortaleza e autocontrol, algo que os que abusan dos demais non teñen” (2 Timoteo 2:24).

  • TRABALLA A TÚA AUTOESTIMA. Normalmente, os abusóns notan quen ten pouca confianza en si mesmo e probablemente non se vaia defender. En cambio, moitos deles deixarán de meterse contigo se ven que non te poden mangonear.

  • CÓNTALLO A ALGUÉN. Un ex-profesor aconsella: “A miña recomendación é que conte todo o que lle está pasando. Ademais de ser o correcto, pode evitar que alguén máis o sufra”.

A confianza en ti mesmo darache unha forza que o abusón non ten.