Ir ó contido

Ir ó índice

PREGUNTA 6

Como podo vencer a presión de grupo?

Como podo vencer a presión de grupo?

POR QUE É IMPORTANTE

Se es capaz de defender aquilo no que cres, serás ti quen controle a túa vida, en vez de deixar que outros a controlen por ti.

TI QUE FARÍAS?

Imaxina a seguinte situación. Nada máis ver que se achegan dous compañeiros, a Diego encólleselle o estómago. No que vai de semana, xa lle ofreceron fumar dúas veces. E aquí vén a terceira.

Un deles dille:

“Que? Outra vez só? Vouche presentar un ‘colega’, para que non te aburras”.

Chíscalle un ollo, saca algo do peto e ofrécello.

A Diego encólleselle o estómago aínda máis ó ver que é un cigarro.

“Perdoa, pero xa che dixen que eu non...”, di Diego.

O outro rapaz dille: “Que pasa? Non te atreves?”.

“Non, non é iso”, contesta Diego co pouco valor que lle queda.

Entón, colle a Diego polo ombro e dille en ton amigable: “Veña, cólleo”.

O primeiro rapaz achégalle o cigarro e dille ó oído: “Ti tranquilo, que non llo imos dicir a ninguén. Queda aquí entre nós”.

Se foses Diego, ti que farías?

PÁRATE A PENSAR

Cres que os compañeiros de Diego saben o que fan? Pensas que toman as súas propias decisións? Máis ben parece que non. Posiblemente se deixan levar polo que fan os demais. Como queren ser aceptados, deixan que outros decidan por eles.

Neste tipo de situacións, que farías para non deixarte levar pola presión dos compañeiros?

  1. PREPÁRATE

    A Biblia di: “O asisado ve o perigo e apártase; os docas tiran para diante, e páganas” (Proverbios 22:3).

    Moitas veces, os problemas vense vir. Por exemplo, imaxina que ves un grupo de compañeiros de clase fumando. Se contas con que é probable que che ofrezan un cigarro, estarás preparado para saber como actuar.

  2. PENSA

    A Biblia di: “Tede a conciencia limpa” (1 Pedro 3:16).

    Pregúntate: “Co tempo, como me vou sentir se fago o mesmo cá maioría?”. Poida que durante algún tempo consigas ser aceptado polos compañeiros. Pero, como te vas sentir despois? De verdade vas renunciar a ser ti mesmo só para caerlles ben? (Éxodo 23:2).

  3. DECIDE

    A Biblia di: “O sabio é cauto” (Proverbios 14:16).

    Antes ou despois, todos temos que tomar decisións e asumir as consecuencias. A Biblia fala de homes que escolleron ben, como Xosé, Xob e Xesús. Pero tamén fala doutros que tomaron malas decisións, como Caín, Esaú e Xudas. Ti que vas facer?

A Biblia di: “Fai o ben” (Salmo 37:3). Se xa pensaches nas consecuencias e tes claro o que vas facer, dicir o que pensas pode ser máis fácil do que imaxinas. Ademais, farache sentir ben.

Non te preocupes, non fai falta que lles soltes un discurso. Un simple NON pode ser dabondo. E se queres deixar claro que non vas cambiar de opinión por moito que insistan, proba con isto:

  • “Comigo non contes”.

  • “A min iso non me vai”.

  • “Xa sabes o que penso diso”.

A clave está en responder axiña e con seguridade. Se o fas, poida que te sorprenda o rápido que os compañeiros deixan de insistir.

E SE ME FAN BURLA?

Se cedes, poderán facer contigo o que queiran, coma se foses un robot

E se os compañeiros se burlan de ti? Supón que che din algo así: “Que pasa? Non te atreves ou que?”. Este tipo de frases son típicas da presión de grupo. Como vas reaccionar? Tes, como mínimo, dúas opcións:

  • Seguirlles a corrente. Podes dicir algo así: “É certo. Non o vou facer”. E a continuación explicarlles por que.

  • Darlle a volta á situación. Primeiro explica por que non o fas e logo utiliza a súa intelixencia como argumento: “Ti sabes que o intelixente é non fumar”.

Se aínda así seguen a burlarse, marcha. Non o esquezas: canto máis tempo te quedes, máis van insistir. Ó marchar, demostrarás que eles non poden controlarte.

Sexamos realistas: non podes escapar da presión de grupo. Pero podes decidir o que vas facer, deixar claro o que pensas, e controlar a situación. Ti decides! (Xosué 24:15).