Ir ó contido

Ir ó índice

PREGUNTA 8

Que debo saber sobre as agresións sexuais?

Que debo saber sobre as agresións sexuais?

POR QUE É IMPORTANTE

Tódolos anos, millóns de persoas son vítimas de violación ou doutros tipos de agresión sexual. Moitas delas son adolescentes. *

TI QUE FARÍAS?

Para cando Annette se quixo dar conta, o seu agresor xa a tirara no chan. Ela relata: “Intentei quitalo de enriba con tódalas miñas forzas. Quixen berrar, pero non me saía a voz. Empurreino, deille patadas, golpeeino e rabuñeino. Foi entón cando sentín que me fería cun coitelo. Quedei totalmente paralizada”.

Nunha situación coma esta, ti como reaccionarías?

PÁRATE A PENSAR

Aínda que teñas coidado, por exemplo tomando precaucións cando vaias de noite pola rúa, estas cousas poden pasar. A Biblia di que nin os máis veloces gañan sempre a carreira, nin ós máis listos sempre lles sae todo ben, senón que “a ocasión e a sorte cáenlles por igual a todos” (Eclesiastés 9:11).

No caso de Annette, o seu agresor era un descoñecido. Noutros casos, son coñecidos ou mesmo algún familiar. Natalie tiña só dez anos cando un rapaz da súa zona abusou sexualmente dela. “Estaba tan asustada e tan avergoñada que ó principio non llo contei a ninguén”, explica ela.

TI NON TES A CULPA

Annette aínda segue a loitar con sentimentos de culpa. “Non deixo de repasar mentalmente unha e outra vez todo o que pasou aquela noite. Creo que non pelexei o suficiente. É certo que quedei paralizada polo medo despois da coitelada. Aínda así, sigo pensando que non fixen todo o que puiden”.

Natalie tamén loita con sentimentos de culpa. “Fun demasiado confiada. Os meus pais só nos deixaban saír a xogar fóra se a miña irmá e mais eu estabamos xuntas, pero non lles fixen caso. Así que creo que llo puxen fácil ó veciño. O que pasou afectou moito a miña familia, e síntome culpable polo dano que lles fixen. Iso é o que máis me doe”.

Se experimentas sentimentos semellantes ós de Annette e Natalie, nunca esquezas que unha violación sempre se comete en contra da vontade da vítima. Algunha xente quítalle importancia a este tipo de agresión, dicindo que foi a vítima quen a provocou. Pero ninguén merece que lle pase algo así. Se fuches vítima dun acto tan atroz, non foi culpa túa.

O certo é que unha cousa é dicilo, e outra moi distinta, crelo. Algunhas vítimas non contan o que lles pasou e enfróntanse soas a sentimentos de culpa e outras emocións negativas. Pero, quen se beneficia deste silencio? Ti ou o teu agresor? Non cres que é mellor buscar axuda?

CONTA O QUE CHE PASOU

A Biblia fala dun home bo chamado Xob que, no peor momento da súa vida, dixo: “Hei falar con corazón amargo” (Xob 10:1). Quizais che veña ben facer o mesmo. Falar con alguén de confianza pódeche axudar a aceptar o que pasou e a sentirte mellor.

Non loites ti soa cos teus sentimentos. Por que non falas deles con alguén que poida axudarte?

Annette fíxoo e funcionoulle. Ela di: “Falei cunha boa amiga, e ela animoume a contárllelo a dous dos responsables da miña congregación. Foi unha boa decisión. Sentaron a falar comigo varias veces e dixéronme xusto o que precisaba oír: que eu non tivera a culpa de nada do que pasara”.

Natalie tamén lles contou ós seus pais o que lle pasara. “Apoiáronme e animáronme a falar do tema. Iso axudoume a aliviar a tristura e a rabia que sentía por dentro”.

Tamén a consolou moito orar. “A oración axudoume moito, sobre todo cando non me sentía capaz de falar do tema con ninguén. Pero a Deus podo contarlle todo o que sinto, e iso tranquilízame e dáme moita paz”.

Ti tamén verás como chegará o momento en que curarán as túas feridas (Eclesiastés 3:3). Coida da túa saúde física e emocional. Descansa o suficiente. E o máis importante: refúxiate en Xehová, o Deus que nos dá consolo (2 Corintios 1:3, 4).

TES IDADE PARA SAÍR CON ALGUÉN?

Se o teu mozo che insiste para que fagas algo que consideras inmoral, non pasa nada por dicirlle con firmeza: “Non fagas iso!”, ou “Non me toques!”. Non quedes calada por medo a perdelo. Se che deixa por algo así, entón é que non pagaba a pena que estiveses con el. Mereces algo mellor: alguén que te respecte a ti e os teus principios.

QUE SABES DO ACOSO SEXUAL?

“No instituto, os rapaces tirábanme do suxeitador por detrás e dicíanme cousas de mal gusto sobre o ben que o ía pasar se me deitaba con eles” (Coretta).

Que cres que estaban a facer estes rapaces?

  1. Gastándolle unha broma

  2. Coqueteando con ela

  3. Acosándoa sexualmente

“Unha vez no bus, un rapaz empezou a tocarme e a dicirme obscenidades. Aparteille a man e díxenlle que me deixase en paz. Miroume coma se estivese tola” (Candice).

Que cres que estaba a facer este rapaz?

  1. Gastándolle unha broma

  2. Coqueteando con ela

  3. Acosándoa sexualmente

“Un rapaz botou todo o ano dicíndome que lle gustaba e que quería saír comigo. Eu non facía máis que dicirlle que non. Ás veces, acariciábame o brazo. Eu mandáballe parar, pero el seguía. Un día, mentres me estaba atando o cordón do zapato, deume unha palmada no traseiro” (Bethany).

Que cres que estaba a facer este rapaz?

  1. Gastándolle unha broma

  2. Coqueteando con ela

  3. Acosándoa sexualmente

En tódolos casos a resposta correcta é a C.

En que se diferencia o acoso sexual do coqueteo ou das bromas?

O acoso sexual fai sentir incómoda á persoa que o sofre. Segue mesmo se a vítima lle di ó que a está a acosar que pare.

O acoso é algo moi serio. Podería terminar en agresión sexual.

^ par.4 Aínda que a información se dirixe principalmente ás rapazas, os consellos tamén son válidos para os rapaces.