Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 5

A arca de Noé

A arca de Noé

Co tempo, a terra foise enchendo de xente. Case tódalas persoas eran malas. Mesmo algúns anxos se volveran malos. Marcharon da súa casa no ceo e viñeron á terra. Sabes por que fixeron iso? Porque querían ter un corpo humano e casar coas mulleres da terra.

Os anxos tiveron fillos coas mulleres. Cando creceron, fixéronse moi fortes e volvéronse uns abusóns. Facíanlle dano á xente. Xehová non podía deixar que seguisen pasando aquelas cousas. Por iso decidiu acabar coa xente mala mandando un diluvio.

Pero había un home que era diferente ós demais. Chamábase Noé e quería moito a Xehová. Estaba casado e tiña tres fillos, Sem, Cam e Iafet, que tamén estaban casados. Xehová díxolle a Noé que fixese unha arca para que el e maila súa familia puidesen sobrevivir ó Diluvio. Unha arca é unha caixa grande que pode flotar. Xehová tamén lle dixo a Noé que metese moitos animais dentro da arca para que se salvasen.

Noé púxose a construír a arca deseguida. El e maila súa familia tardaron uns cincuenta anos en rematala. Fixeron a arca exactamente como Xehová lles mandara. Mentres a facían, Noé avisou a xente de que viña o Diluvio, pero ninguén lle fixo caso.

Por fin chegara o momento de meterse na arca. Que pasaría despois?

“Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home” (Mateo 24:37)