Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 10

Lémbrate da muller de Lot

Lémbrate da muller de Lot

Lot vivía co seu tío Abraham na terra de Canaán. Co tempo, Abraham e Lot chegaron a ter tantos animais que non había terra dabondo para todos. Entón, Abraham díxolle a Lot: “Xa non podemos seguir vivindo aquí todos xuntos. Escolle en que parte che gustaría vivir, e eu irei para outro lado”. Verdade que Abraham demostrou que non era unha persoa egoísta?

A Lot gustoulle moito unha zona onde había moita auga e herba verde, preto dunha cidade chamada Sodoma. Así que decidiu ir vivir alí coa súa familia.

As persoas que vivían en Sodoma e na cidade veciña, Gomorra, eran moi malas. Eran tan malas que Xehová decidiu destruír as dúas cidades. Pero como quería salvar a Lot e a súa familia, mandou dous anxos para avisalos: “Axiña! Marchade desta cidade! Xehová vaina destruír!”.

Lot non se foi decontado. Como non daba marchado, os anxos agarráronos da man a el, a súa muller e as dúas fillas, e sacáronos fóra da cidade, dicíndolles: “Correde! Escapade para salvar a vida e non miredes atrás. Se mirades atrás, morreredes!”.

Cando chegaron a unha cidade chamada Soar, Xehová fixo chover xofre e lume sobre Sodoma e Gomorra. As dúas cidades quedaron completamente destruídas. A muller de Lot desobedeceu a Xehová e mirou cara atrás. Entón, transformouse nunha estatua de sal! Pero Lot e mailas súas fillas salváronse porque obedeceron a Xehová. Seguro que se puxeron tristes porque a muller de Lot desobedecera, pero ó mesmo tempo estaban contentos por facer o que Xehová lles mandara.

“Que vos acorde o caso da muller de Lot” (Lucas 17:32)