Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 16

Quen foi Xob?

Quen foi Xob?

En Us vivía un home que adoraba a Xehová. Chamábase Xob. Era moi rico e tiña unha familia moi grande. Tamén era moi xeneroso. Axudaba os pobres, as viúvas e os nenos que non tiñan pais. Quería dicir isto que, por facer o que estaba ben, Xob nunca ía ter problemas?

Xob non o sabía, pero Satán, o Demo, estaba axexando. Xehová díxolle a Satán: “Seica reparaches no meu servo Xob? Non hai ninguén coma el na terra. El obedéceme e fai o que está ben”. Satán contestoulle: “Non me estraña que te obedeza. Ti protéxelo, e bendícelo con terras e animais. Pero quítallo todo e xa verás como deixa de adorarte”. Xehová respondeulle: “Podes poñer a proba a Xob, pero non podes matalo”. Por que deixou Xehová que Satán puxese a proba a Xob? Porque estaba seguro de que non lle fallaría.

Satán puxo a proba a Xob con moitas desgrazas. Primeiro enviou unhas persoas, os xabeos, a roubarlle o gando e mailas burras. Despois, o lume queimoulle as ovellas todas. Máis tarde, outra xente, os caldeos, roubáronlle os camelos e asasinaron os servos que andaban coidando deles. Entón pasou o peor. Mentres celebraban unha festa, a casa caeu enriba dos fillos de Xob e morreron todos. Xob estaba afundido na tristeza, pero non deixou de adorar a Xehová.

Como Satán quería que Xob sufrise aínda máis, fixo que lle saísen unhas feridas que lle doían moitísimo. Aínda que non entendía o que lle estaba a pasar, Xob seguiu adorando a Xehová. Deus púxose moi contento ó ver que se mantiña fiel a pesar das probas.

Máis tarde, Satán enviou tres homes para meterse con Xob. Eles dixéronlle: “Seguro que fixeches algo malo e non queres que ninguén o saiba. Por iso Deus te castiga”. Pero Xob dixo: “Eu non fixen nada malo”. Entón comezou a pensar que era Xehová quen lle causaba todos eses problemas, e afirmou que Deus non estaba sendo xusto con el.

Elihú, un mozo que escoitara toda a conversa, dixo: “Estades moi equivocados. Non podemos chegar a entender a grandeza de Deus. El nunca faría nada malo. Pode velo todo e axuda á xente cos seus problemas”.

Entón, Xehová díxolle a Xob: “Onde estabas ti cando fixen o ceo e a terra? Por que dis que non son xusto? Falas sen saber por que pasan as cousas”. Xob admitiu o seu erro, e dixo: “Equivoqueime. Algo sabía de ti, pero agora coñézote de verdade. Para ti non hai nada imposible. Sinto moito o que dixen”.

Cando remataron as probas, Xehová devolveulle a saúde a Xob e deulle moito máis do que tiña antes. Xob viviu feliz moitos anos. Xehová bendiciuno por obedecelo mesmo nos momentos difíciles. Serás ti coma Xob e servirás a Xehová pase o que pase?

“Tedes oído falar da paciencia de Xob e xa véde-la fin que lle concedeu o Señor” (Santiago 5:11)