Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 19

Xehová manda tres pragas

Xehová manda tres pragas

Os israelitas tiñan que traballar moi duro como escravos. Xehová enviou a Moisés e Aharón a darlle esta mensaxe ó Faraón: “Deixa marchar o meu pobo para que me adore no deserto”. Entón, o orgulloso Faraón contestou: “Tanto me ten o que diga Xehová. Non vou deixar que os israelitas marchen”. De feito, o Faraón obrigou o pobo de Deus a traballar aínda máis. Pero Xehová íalle dar unha lección ó Faraón. Sabes cal? Mandaría dez pragas a Exipto. Xehová díxolle a Moisés: “Faraón non me está obedecendo. Mañá vai estar onda o río Nilo. Dille que a auga do río vaise converter en sangue porque non deixou marchar o meu pobo”. Moisés obedeceu e foi onda o Faraón. Aharón golpeou o río Nilo co seu bastón, e o Faraón viu como todo o río se convertía en sangue. Despois diso, a auga do río non se podía beber, cheiraba e mesmo os peixes morreron. Aínda así, o Faraón non deixou marchar os israelitas.

Sete días máis tarde, Xehová mandou a Moisés con outra mensaxe para o Faraón: “Se non deixas marchar o meu pobo, vou encher Exipto de ras”. Logo, Aharón ergueu o seu bastón no aire e a terra empezou a encherse de ras. Estaban por todas partes! Aparecían dentro das casas, nas camas e ata nas artesas. Faraón pediulle a Moisés que lle suplicase a Xehová que parase a praga, e prometeu que deixaría ir os israelitas. Só entón Xehová detivo a praga. Os exipcios tiveron que xuntar as ras en moreas, e todo o país comezou a cheirar. Pero esta vez o Faraón tampouco deixou marchar o pobo.

Entón Xehová díxolle a Moisés: “Que Aharón bata na terra co bastón, e o po trocará en mosquitos”. Nese momento, apareceron mosquitos por todas partes! A xente e os animais quedaron cheos de picaduras. Mesmo algúns achegados ó Faraón lle dixeron: “Esta praga mandouna Deus”. Pero nin con esas o Faraón deixou marchar os israelitas.

“Eu móstrolle-lo meu poder e maila miña forza, e saberán que o meu nome é ‘Iavé’” (Xeremías 16:21)