Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 20

Seis pragas máis

Seis pragas máis

Moisés e Aharón foron onda o Faraón con esta mensaxe de Xehová: “Como non deixes marchar o meu pobo, vouvos mandar tabáns”. E así foi. Por todo o país, enxames de tabáns invadiron as casas dos exipcios, tanto as dos ricos coma as dos pobres. Pero na rexión de Goxén, onde vivían os israelitas, non había ningún. Esta cuarta praga e as seguintes só as sufrirían os exipcios. O Faraón rogou: “Suplicádelle a Xehová que saque os tabáns de aquí, e os israelitas poderán marchar”. Pero cando Xehová fixo desaparecer os tabáns, o Faraón cambiou de opinión. Pensas que algún día aprendería a lección?

Xehová dixo: “Se o Faraón insiste en non deixar marchar o meu pobo, os animais de Exipto enfermarán e morrerán”. O día seguinte, os animais dos exipcios empezaron a morrer, pero os dos israelitas non. Aínda así, o Faraón seguiu igual de testán, e non deixou marchar o pobo.

Xehová díxolle a Moisés que volvese xunto do Faraón e botase borralla ó aire. A borralla converteuse en po e espallouse por onde había exipcios. Entón, tanto a eles coma ós seus animais saíronlles unhas feridas terribles. Pero nin así o Faraón deixou que os israelitas marchasen.

De novo, Xehová enviou a Moisés onda o Faraón cunha mensaxe: “Segues negándote a deixar marchar o meu pobo? Mañá caerá pedrazo en Exipto”. O día seguinte, Xehová mandou pedrazo, tronos e lume. Botáronse a perder tódalas árbores e as colleitas. Foi a peor tormenta que endexamais ocorrera en Exipto. Mais en Goxén non pasou nada. O Faraón dixo: “Rogádelle a Xehová que pare todo isto! Despois poderedes marchar”. Pero segundo parou o pedrazo, o Faraón cambiou de opinión.

Entón Moisés dixo: “Agora as lagostas comerán todo o que quedou do pedrazo”. Millóns de lagostas comeron todo o que quedara nos campos e nas árbores. O Faraón suplicou: “Pedídelle a Xehová que bote de aquí as lagostas”. Pero o Faraón seguiu na súa teima, mesmo despois de que Xehová fixese desaparecer as lagostas.

Xehová díxolle a Moisés: “Ergue a man cara ó ceo”. Nese momento, o ceo púxose negro. Os exipcios non puideron ver nada durante tres días, pero onde vivían os israelitas seguía habendo luz.

O Faraón díxolle a Moisés: “Ti e o teu pobo podedes marchar, pero os vosos animais teñen que quedar aquí”. Moisés contestoulle: “Temos que levar os animais para ofrecerllos ó noso Deus”. Entón, o Faraón enfadouse moitísimo e berrou: “Fóra de aquí! Como te me volvas poñer diante, mátote!”.

“Entón veredes de novo a diferencia entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve” (Malaquías 3:18)