Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 21

A décima praga

A décima praga

Moisés prometeulle ó Faraón que non faría por velo de novo. Pero antes de marchar, díxolle: “Á media noite, tódolos fillos máis vellos de cada familia de Exipto morrerán, dende o fillo do Faraón ata os fillos dos escravos”.

Xehová mandoulles ós israelitas que preparasen unha cea especial. Díxolles: “Matade un año ou un cabrito dun ano, e poñede un pouco do seu sangue na porta da entrada da casa. Asade a carne e comédea con pan sen levedar. Facédeo vestidos, coas sandalias postas, e listos para marchar. Esta noite vouvos liberar”. Podes imaxinar o contentos que debían estar os israelitas?

Á media noite, un anxo de Xehová percorreu tódalas casas de Exipto. Pasou por alto as que estaban marcadas co sangue, pero nas que non había sangue na porta, o fillo máis vello, ou primoxénito, morreu. Tódalas familias de Exipto, tanto ricas coma pobres, perderon os seus primoxénitos. Pola contra, ningún dos fillos dos israelitas morreu.

Mesmo o Faraón perdeu o seu fillo. Entón, xa non puido aguantar máis e chamou deseguida a Moisés e Aharón. Díxolles: “Erguédevos e saíde de aquí. Ide adorar o voso Deus. Collede os vosos animais e marchade!”.

Baixo a lúa chea, os israelitas saíron de Exipto organizados por familias e tribos. En total eran uns 600.000 homes, e moitas mulleres e nenos. Ademais, moitas persoas que non eran israelitas acompañáronos porque tamén querían adorar a Xehová. Por fin eran libres!

Para que se lembrasen de como Xehová os salvara, os israelitas terían que preparar aquela cea especial tódolos anos. Chamóuselle a Pascua.

“Para isto te levantei: para mostrar en ti o meu poder e para que se proclame o meu nome en toda a terra” (Romanos 9:17)