Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 22

O milagre do Mar Rubio

O milagre do Mar Rubio

Tan pronto como Faraón soubo que os israelitas saíran de Exipto, arrepentiuse de deixalos marchar. Ordenoulles ós seus soldados: “Preparade tódolos carros de guerra. Vaiamos tras eles! Non podemos permitir que marchen”. Así que o Faraón e os seus homes saíron tras dos israelitas.

Xehová guiaba o seu pobo cunha nube polo día e con lume pola noite. Conduciunos cara ó Mar Rubio e díxolles que acampasen.

Os israelitas decatáronse de que o Faraón e os seus soldados os perseguían. Estaban atrapados entre o mar e o exército dos exipcios. Nese momento, comezaron a gritarlle a Moisés: “Imos morrer! Para que nos sacaches de Exipto?”. Pero Moisés díxolles: “Non teñades medo. Tranquilos, xa veredes como Xehová nos salva”. Moito confiaba Moisés en Xehová, verdade?

Xehová mandoulles levantar o campamento. Aquela noite puxo a nube entre os exipcios e os israelitas. No lado dos exipcios había moita escuridade, pero no lado dos israelitas había luz.

Xehová pediulle a Moisés que estendese a man cara ó mar. Entón, comezou a soprar un vento forte toda a noite. O mar abriuse en dous, e polo medio quedou un camiño seco. Millóns de israelitas cruzaron ata o outro lado entre as dúas paredes de auga.

O exército do Faraón seguiu os israelitas polo leito do mar. Entón Xehová confundiu os exipcios, e as rodas dos carros comezaron a saírselles. Os soldados berraban: “Lisquemos de aquí! Xehová está loitando por eles!”.

Xehová díxolle a Moisés: “Estende a túa man cara ó mar”. De súpeto, as paredes de auga caeron sobre os exipcios. O Faraón e o seu exército morreron. Non sobreviviu ningún.

Na outra beira, todo o pobo louvaba a Deus cunha canción: “Cantade a Xehová, que se cubriu de gloria. Cabalo e cabaleiro afogou no mar”. Mentres o pobo cantaba, as mulleres bailaban tocando as pandeiretas. Agora que de verdade eran libres, todo o mundo estaba feliz.

“De xeito que, cheos de confianza, podemos dicir: ‘Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo, total ¿que me vai poder facer un home?’” (Hebreos 13:6)