Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 31

Xosué e os gabaonitas

Xosué e os gabaonitas

Cando souberon do que lle pasara a Iericó, os reis das nacións veciñas decidiron xuntarse para loitar contra os israelitas. Pero os gabaonitas argallaron un plan ben distinto. Puxeron roupas vellas e gastadas, foron onda Xosué e dixéronlle: “Vimos dunha terra remota. Soubemos de todo o que fixo Xehová por vós en Exipto e mais en Moab. Se prometedes non atacarnos, seremos os vosos servos”.

Xosué creunos e prometeulles que non os atacaría. Tres días despois, descubriu que non viñan de lonxe. Eran da terra de Canaán. Entón preguntoulles: “Por que nos mentistes deste xeito?”. Eles contestaron: “Porque collemos medo! Sabemos que o voso Deus, Xehová, está a loitar por vós. Por favor, non nos matedes”. Xosué cumpriu a súa promesa e deixounos con vida.

Pouco despois, cinco reis cananeos e os seus exércitos declaráronlles a guerra ós gabaonitas. Despois de camiñar durante toda a noite para ir rescatalos, Xosué e mailo seu exército atacaron. Os cananeos fuxiron en tódalas direccións. Alá onde ían, Xehová facía caer grandes pedras de graínzo sobre eles. Entón Xosué pediulle a Xehová que detivese o Sol. Por que lle pediría algo así se o Sol nunca antes se parara? Porque confiaba en Xehová. O Sol estivo un día enteiro sen poñerse ata que os israelitas venceron os reis cananeos e os seus exércitos.

“Falade, logo, deste xeito: ‘Si’, cando é si; ‘Non’, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo” (Mateo 5:37)