Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 35

Ana pídelle un fillo a Xehová

Ana pídelle un fillo a Xehová

Un israelita chamado Elcanah tiña dúas mulleres, Ana e Peninah, pero quería máis a Ana. Peninah tiña moitos fillos e burlábase de Ana porque ela non tiña ningún. Como cada ano, Elcanah levou a súa familia a adorar a Xehová no tabernáculo en Xiloh. Ó chegar, caeu na conta de que Ana estaba moi triste. Díxolle: “Non chores, Ana. Tesme a min, e eu quérote moito”.

Máis tarde, Ana apartouse un pouco para orarlle a Xehová. Mentres lle suplicaba que a axudase, choraba a todo chorar. Prometeulle: “Xehová, se me dás un fillo, cedereicho e servirate tódolos días da súa vida”.

Elí, o sumo sacerdote, viu a Ana e pareceulle que estaba falando soa. Así que pensou que estaba borracha. Pero Ana díxolle: “Non, señor, non estou bébeda. Teño unha preocupación moi grande e estoulla contando a Xehová”. Elí deuse conta de que se equivocara e díxolle: “Que Deus che conceda o que lle pediches”. Ana sentiuse mellor e marchou. Antes de que pasase un ano tivo un fillo e chamoulle Samuel. Imaxinas como se debeu sentir Ana? Moi feliz, verdade?

Ana non se esqueceu da promesa que lle fixera a Xehová. Cando deixou de darlle o peito a Samuel, levouno para que servise a Xehová no tabernáculo. Díxolle a Elí: “Este é o rapaz polo que estiven a orar. Cédollo a Xehová tódolos días da súa vida”. Cada ano, Elcanah e Ana visitaban a Samuel e levábanlle unha túnica nova sen mangas. Grazas a Xehová, Ana tivo tres fillos máis e dúas fillas.

“Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes” (Mateo 7:7)