Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 39

O primeiro rei de Israel

O primeiro rei de Israel

Xehová déralles xuíces ós israelitas para guialos, pero eles querían un rei. Dixéronlle a Samuel: “Tódalas nacións darredor teñen rei. Nós tamén queremos un”. Como Samuel pensaba que aquilo non estaba ben, consultoullo a Xehová. El respondeulle: “O pobo non te está rexeitando a ti. Estame rexeitando a min. Dilles que poden ter un rei, pero que lles vai esixir moitas cousas”. Aínda así seguiron insistindo e dixéronlle: “Tanto nos ten. Nós queremos un rei!”.

Xehová díxolle a Samuel que Xaúl ía ser o primeiro rei de Israel. Xaúl foi visitar a Samuel, que estaba en Ramah. Entón Samuel fíxoo rei botándolle aceite por riba da cabeza.

Despois, Samuel xuntou os israelitas para presentarlles o seu novo rei. Pero Xaúl non aparecía. Sabes por que? Porque estaba escondido entre unhas equipaxes. Cando por fin o atoparon, collérono e puxérono no medio da xente. Xaúl era o máis alto de todos, e era moi guapo. Samuel dixo: “Aquí tendes o rei que Xehová escolleu”. Entón a xente berrou: “Viva o rei!”.

Ó principio, o rei Xaúl facíalle caso a Samuel e obedecía a Xehová. Pero despois cambiou. Por exemplo, aínda que el non podía facer sacrificios, nunha ocasión na que Samuel non daba chegado, decidiu non esperar e facelos el mesmo. Que lle pareceu isto a Samuel? Díxolle: “Fixeches mal en desobedecer a Xehová”. Aprendería Xaúl do seu erro?

Noutra ocasión, Xaúl foi pelexar contra os amalecitas. Aínda que Samuel lle dixera que non deixase vivo a ninguén, decidiu deixar con vida a Agag, o rei dos amalecitas. Xehová díxolle a Samuel: “Xaúl abandonoume e non me obedece”. Samuel estaba moi triste e díxolle a Xaúl: “Como deixaches de obedecer a Xehová, el vai escoller outro rei”. Cando Samuel deu a volta para marchar, Xaúl tiroulle do manto e rachoullo. Entón Samuel díxolle: “Así che vai quitar Xehová a ti o reino de Israel”. Iso significaba que Xehová lle ía dar o reino a alguén que o obedecese e o amase.

“A obediencia vale máis cós sacrificios” (1 Samuel 15:22)