Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 40

David e Goliat

David e Goliat

En certa ocasión, Xehová díxolle a Samuel: “Vai á casa de Ixaí. Un dos seus fillos será o seguinte rei de Israel”. Cando chegou e viu o fillo máis vello, pensou: “Este mozo debe ser o escollido”. Pero Xehová indicoulle que non era ese, e díxolle: “Eu ben sei como é a xente no fondo, non me deixo levar polas aparencias”.

Ixaí presentoulle seis fillos máis, pero Samuel dixo: “Xehová non escolleu ningún deles. Tes máis fillos?”. Ixaí respondeu: “Aínda queda o máis novo, David. Está coidando das ovellas”. Cando chegou David, Xehová díxolle a Samuel: “El é o escollido”. Así que Samuel botou aceite na cabeza de David, nomeándoo futuro rei de Israel.

Tempo despois, os israelitas estaban en guerra cos filisteos. Do bando dos filisteos había un xigante chamado Goliat que se ría dos israelitas tódolos días. Berráballes: “Mandade a alguén a pelexar comigo. Se gaña el, nós seremos os vosos escravos. Pero se gaño eu, vós seredes os nosos escravos”.

David chegou ó campamento do exército israelita con comida para seus irmáns, que eran soldados. Cando sentiu falar a Goliat, dixo: “Eu pelexarei con el!”. O rei Xaúl díxolle: “Pero se só es un rapaz...”. David contestoulle: “Xehová vaime axudar”.

Xaúl deixoulle a súa armadura a David, pero el dixo: “Con isto non hai quen pelexe”. Así que colleu a súa fonda e achegouse a un regato. Colleu cinco pedras lisas, meteunas nunha bolsa de coiro e correu onda Goliat. O xigante gritoulle: “Ven acó, raparigo. Vou botar a túa carne ós paxaros e ás feras do monte”. Pero David non lle tiña medo, e berroulle: “Ti vés cara a min cunha espada e unha lanza, pero eu vou cara a ti co nome de Xehová! Ti non loitas contra nós, loitas contra Deus. Todos verán que Xehová é máis poderoso ca calquera arma. El daranos a vitoria”.

David puxo unha das pedras na fonda e fíxoa xirar tan rápido como puido. Grazas á axuda de Xehová, a pedra saíu disparada e foise espetar na fronte de Goliat. O xigante caeu morto ó chan. Entón os filisteos botaron a correr e fuxiron. Confías ti en Xehová igual que David?

“Para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus” (Marcos 10:27)