Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 42

Ionatán, un home valente e leal

Ionatán, un home valente e leal

Ionatán, o fillo máis vello do rei Xaúl, era un soldado valente. David dixo del que era máis veloz ca unha aguia e máis forte ca un león. Un día, Ionatán viu uns soldados filisteos nun outeiro. Entón díxolle ó seu escudeiro: “Atacarémolos só se Xehová nos dá un sinal. Se os filisteos nos din que subamos onda eles, ese será o sinal”. Os filisteos berráronlles: “Vinde aquí a loitar!”. Así que eles subiron ó outeiro e mataron vinte soldados.

Como era o fillo máis vello de Xaúl, Ionatán tiña dereito a ser o seguinte rei. Cando soubo que Xehová escollera a David, non se puxo celoso. David e Ionatán fixéronse moi amigos. Prometeron que se protexerían e se defenderían un ó outro. Como símbolo da súa amizade, Ionatán regaloulle a David o seu manto, a súa espada, o seu arco e o seu cinto.

Cando David andaba fuxindo de Xaúl, Ionatán foi onda el e díxolle: “Non teñas medo e sé valente. Xehová escolleute a ti como rei. Ata meu pai o sabe”. Gustaríache ter un amigo tan bo coma Ionatán?

Ionatán arriscou a súa vida máis dunha vez para axudar a seu amigo. El sabía que seu pai quería matar a David. Así que díxolle a Xaúl: “Matar a David é un pecado. El non che fixo mal ningún”. Xaúl enfadouse moitísimo con Ionatán. Algúns anos despois, Xaúl e Ionatán morreron na mesma batalla.

Despois da morte de Ionatán, David púxose a buscar a Mefibóxet, o fillo de Ionatán. Cando o atopou, díxolle: “Teu pai foi un bo amigo meu, así que coidarei sempre de ti. Vivirás no meu pazo e comerás á miña mesa”. David nunca esqueceu o seu amigo Ionatán.

“Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos” (Xoán 15:12, 13)