Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 46

A proba do monte Carmelo

A proba do monte Carmelo

O reino de dez tribos de Israel tivo moitos reis malos, pero Acab foi un dos peores. Casou con Iezabel, unha muller malvada que adoraba a Baal. Acab e Iezabel fixeron que todo o país adorase a Baal, e asasinaron os profetas de Xehová. Que faría Xehová? Mandou o profeta Elías a darlle unha mensaxe a Acab.

Elías díxolle ó rei Acab que, por ser tan malo, ía deixar de chover en Israel. Por máis de tres anos non houbo colleitas e a xente pasou moita fame. Entón Xehová mandoulle a Elías que volvese onda Acab. O rei díxolle: “Non me dás máis que problemas! Todo isto é culpa túa”. Elías contestoulle: “Eu non fixen nada. Se non adorases a Baal non estariamos a sufrir esta seca. Imos facer unha proba. Xunta o pobo e mailos profetas de Baal no cume do monte Carmelo”.

Na montaña, Elías díxolle ó pobo: “Aclarádevos. Se Xehová é o Deus verdadeiro, poñédevos da súa parte. Se non, seguide con Baal. Propóñovos unha proba. Que os 450 profetas de Baal preparen unha ofrenda e chamen polo seu deus, e eu prepararei outra e chamarei por Xehová. O que responda con lume é o Deus verdadeiro”. O pobo aceptou o desafío.

Os profetas de Baal prepararon a ofrenda e estiveron todo o día berrando: “Baal, contéstanos!”. Pero Baal non respondía nada. Elías burlábase deles dicindo: “Berrade máis forte! Ó mellor está durmindo e tedes que espertalo”. Á noitiña, os profetas de Baal seguían chamando polo seu deus, pero Baal non contestaba.

Elías puxo a súa ofrenda nun altar, botoulle auga por riba e orou: “Xehová, por favor, fai que saiban que ti es o Deus verdadeiro”. Entón, Xehová fixo que baixase lume do ceo e queimase a ofrenda. A xente empezou a berrar: “Xehová é o Deus verdadeiro!”. Elías dixo: “Non deixedes escapar os profetas de Baal”. Ese día morreron os 450 profetas de Baal.

Cando apareceu unha pequena nube sobre o mar, Elías díxolle a Acab: “Vai caer unha treboada. Monta no teu carro e vaite para a casa”. Entón, o vento cubriu o ceo de nubes e comezou a chover moito. Por fin rematara a seca. Acab ía no seu carro tan rápido como podía pero, coa axuda de Xehová, Elías corría máis rápido ca el! Rematarían xa os problemas de Elías? Imos descubrilo.

“Que aprendan que só ti, Señor, e-lo Altísimo en toda a terra” (Salmo 83:19 [83:18NM])