Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 52

Os cabalos e os carros de lume de Xehová

Os cabalos e os carros de lume de Xehová

Benhadad, o rei de Siria, atacou varias veces a Israel. O profeta Eliseo sempre avisaba o rei de Israel para que puidese escapar. Entón Benhadad decidiu secuestrar a Eliseo. Cando soubo que estaba en Dotán, enviou o seu exército a por el.

Os sirios chegaron a Dotán de noite. A mañá seguinte, o criado de Eliseo viu un grande exército rodeando a cidade. Asustouse moitísimo e berrou: “Eliseo! E agora que facemos?”. Eliseo respondeulle: “Hai máis con nós que con eles”. Nese momento, Xehová fixo que o criado de Eliseo vise as montañas arredor da cidade cheas de cabalos e carros de lume.

Cando os soldados intentaron capturar a Eliseo, el orou a Deus: “Xehová, por favor, deixa cega a esta xente”. De súpeto, aínda que os soldados seguían vendo, non sabían onde estaban. Eliseo díxolles: “Estades na cidade equivocada. Seguídeme, que eu vos levarei onda o home que buscades”. Eles seguírono ata Samaría, onde vivía o rei de Israel.

Cando os sirios se decataron de onde estaban, xa era demasiado tarde. O rei de Israel preguntoulle a Eliseo: “Debería matalos?”. Que faría Eliseo? Aproveitaría para vingarse dos que intentaran facerlle dano? Non. Díxolle ó rei: “Non os mates. Dálles de comer e mándaos de volta”. Así que o rei preparoulles un banquete e despois mandounos para a casa.

“Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14)