Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 58

A destrución de Xerusalén

A destrución de Xerusalén

Durante moitos anos, Xehová intentou axudar os habitantes de Xudá mandándolles moitos profetas para avisalos. Pero non lles facían caso e ata se rían deles. Desobedecían a Xehová unha e outra vez e adoraban deuses falsos. Como acabaría Xehová con aquela idolatría?

Nabucodonosor era o rei de Babilonia e estaba conquistando moitas nacións. A primeira vez que conquistou Xerusalén, capturou o rei Ioaquim, e mais os gobernadores, os soldados e os artesáns, e levounos presos a Babilonia. Ademais, colleu tódolos tesouros do templo de Xehová e puxo a Sedecías como rei de Xudá.

Ó principio, Sedecías obedeceu a Nabucodonosor. Pero despois, as nacións veciñas e os profetas falsos aconselláronlle que se rebelase contra Babilonia. Xeremías avisouno: “Se te rebelas, haberá morte, fame e enfermidades en Xudá”.

Despois de reinar por oito anos, Sedecías decidiu rebelarse contra Babilonia. Para iso pediulle axuda ó exército de Exipto. Entón, Nabucodonosor mandou ós seus soldados que atacasen Xerusalén, e acamparon ó redor da cidade. Xeremías díxolle a Sedecías: “Isto é o que vos di Xehová: se vos entregades, ti e mailo pobo ides sobrevivir. Pero se non, os babilonios van queimar Xerusalén e levarante preso”. Sedecías contestou: “Non me vou render!”.

Despois dun ano e medio, o exército de Babilonia destruíu as murallas de Xerusalén e prendeulle lume á cidade. Queimaron o templo, mataron moita xente e levaron miles de prisioneiros.

Sedecías escapou de Xerusalén, pero os babilonios perseguírono. Ó final collérono cerca de Iericó e levárono onda Nabucodonosor. Alí Sedecías tivo que ver como mataban os seus fillos diante del. Despois o rei deixouno cego e meteuno na cadea, onde máis tarde morreu. Xehová prometeulle ó pobo de Xudá: “Despois de setenta anos traereivos de volta a Xerusalén”.

Pero tamén levaran mozos presos a Babilonia. Que pasaría con eles? Seríanlle fieis a Xehová?

“Señor Deus, que todo o sostés, verdadeiras e xustas son as túas sentencias” (Apocalipse 16:7)