Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 61

Non adoran a estatua

Non adoran a estatua

Algún tempo despois de soñar coa estatua, o rei Nabucodonosor mandou facer unha imaxe de ouro moi grande e colocouna na chaira de Dura. Despois, xuntou alí toda a xente importante do país, entre eles a Xadrac, Mixac e Abednegó, e mandoulles: “En canto escoitedes o son das trompetas, as arpas e as gaitas, inclinádevos diante da estatua! A quen non o faga botareino nun forno con lume”. Que farían os tres hebreos? Inclinaríanse diante da estatua ou adorarían só a Xehová?

Entón, o rei mandou que tocasen a música, e todos se inclinaron e adoraron a estatua. Pero Xadrac, Mixac e Abednegó non o fixeron. Cando algúns homes se decataron diso, fóronllo dicir ó rei: “Hai tres hebreos que non queren adorar a túa estatua”. Nabucodonosor mandounos chamar e díxolles: “Vouvos dar outra oportunidade. Se desta vez non adorades a estatua botareivos no forno. Non hai ningún deus que vos poida salvar de min”. Eles respondéronlle: “Noso rei, non precisamos outra oportunidade. O noso Deus pode salvarnos. Pero aínda que non o fixese, non adoraremos a túa estatua”.

Nabucodonosor enfadouse moitísimo e díxolle ós seus homes: “Quentade o forno sete veces máis do normal!”. Despois mandoulles ós soldados: “Atade a eses tres e botádeos no lume!”. O forno estaba tan quente que os soldados morreron ó achegarse, e os tres hebreos caeron no medio do lume. Pero cando Nabucodonosor mirou dentro, viu catro homes camiñando polo forno. Asustouse moito e díxolle ós oficiais: “Pero non botamos tres homes no lume? Como é que agora hai catro? E un deles parece un anxo!”.

Nabucodonosor achegouse ó forno aínda máis e berrou: “Saíde, servos do Deus Altísimo!”. Todo o mundo quedou abraiado ó ver que Xadrac, Mixac e Abednegó saían camiñando do forno sans e salvos. A súa pel, o seu pelo e a súa roupa non se queimaran, e nin sequera cheiraban a fume!

Entón Nabucodonosor dixo: “O Deus de Xadrac, Mixac e Abednegó é moi poderoso. Mandou o seu anxo a salvalos. Non hai outro deus coma El”.

Os tres hebreos estaban decididos a ser leais a Xehová sen importar o que pasase. E ti? Serás coma eles?

“Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto” (Mateo 4:10)