Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 65

Ester salva o seu pobo

Ester salva o seu pobo

Ester era unha rapaza xudía que vivía na cidade persa de Xuxán. A súa familia era unha das que Nabucodonosor levara de Xerusalén había moitos anos. Ester criouse co seu primo Mardoqueo, un servo do rei Axuero de Persia.

O rei Axuero quería unha nova raíña, así que os seus criados trouxéronlle as mulleres máis fermosas do país, incluída Ester. O rei escolleuna para que fose a nova raíña. Mardoqueo díxolle a Ester que non contase que era xudía.

Había un home moi orgulloso chamado Hamán. Era o xefe dos gobernadores e gustáballe que todos se inclinasen diante del. Como Mardoqueo non o facía, Hamán enfadouse tanto que quixo matalo. Cando soubo que Mardoqueo era xudeu, argallou un plan para matar tódolos xudeus do país. Díxolle ó rei: “Os xudeus son un pobo perigoso. Hai que acabar con eles”. Axuero respondeulle: “Fai o que teñas que facer”. Entón, deixoulle crear unha lei que mandaba matar tódolos xudeus o día 13 do mes de adar. Pero Xehová estaba a velo todo.

Ester non sabía nada daquela lei, así que Mardoqueo envioulle unha copia e díxolle: “Tes que falar co rei”. Ester respondeulle: “Se alguén se presenta diante do rei sen invitación pode morrer. E a min hai trinta días que non me invita! Pero irei. Se estende o seu cetro cara a min, vivirei; e se non, morrerei”.

Ester presentouse no patio do rei. Cando el a viu, estendeu o cetro cara a ela. Ela achegouse e o rei preguntou: “Que podo facer por ti, Ester?”. Ela dixo: “Gustaríame que viñeses con Hamán a un banquete que preparei”. O rei e Hamán aceptaron. Cando estaban alí, ela invitounos a outro banquete para o día seguinte. No segundo banquete, o rei preguntoulle: “Que podo facer por ti, Ester?”. Ela respondeulle: “Hai alguén que quere matarnos, a min e o meu pobo! Por favor, sálvanos”. O rei dixo: “Quen quere matarvos?”. E ela dixo: “Este home malvado, Hamán!”. Axuero enfadouse tanto que deseguida o mandou matar.

Pero ninguén podía anular a lei de Hamán, nin sequera o rei. Así que Axuero nomeou a Mardoqueo xefe dos gobernadores, e deulle permiso para facer unha nova lei. Grazas a esta lei, os xudeus poderían defenderse cando os atacasen. Chegou o 13 de adar e os xudeus derrotaron os seus inimigos. Dende aquel día celebraron esa vitoria tódolos anos.

“Pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis, así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns” (Mateo 10:18)