Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 66

Esdras ensina a Lei de Xehová

Esdras ensina a Lei de Xehová

Pasaran uns setenta anos dende que os israelitas volveran a Xerusalén. Pero algúns quedaran a vivir en diferentes partes do imperio persa. Un deles foi un sacerdote chamado Esdras, que ensinaba a Lei de Xehová. Cando Esdras soubo que en Xerusalén non obedecían a Lei, quixo ir alí a axudalos. O rei persa Artaxerxes díxolle: “Deus deuche sabedoría para ensinar a Lei. Vai e leva contigo a quen queira ir”. Esdras reuniuse con tódolos que querían volver a Xerusalén. Antes de saír, pedíronlle a Xehová que os protexese na longa viaxe.

Catro meses despois, chegaron a Xerusalén. Os gobernadores da cidade dixéronlle a Esdras: “Os israelitas desobedeceron a Xehová e casaron con mulleres que adoran deuses falsos”. Que faría Esdras? Inclinouse diante de todo o pobo e orou: “Xehová, ti fixeches tantas cousas boas por nós... e nós pecamos contra ti”. Os israelitas arrepentíronse, pero necesitaban axuda para facer o correcto. Entón, Esdras escolleu anciáns e xuíces para axudalos. Durante os seguintes tres meses, botaron da cidade a tódolos que non adoraban a Xehová.

Pasaron doce anos. Durante ese tempo, os muros de Xerusalén quedaron reconstruídos. Esdras xuntou o pobo na praza da cidade para lerlle da Lei de Deus. Abriu o libro e todos se puxeron en pé. Despois, Esdras louvou a Xehová e o pobo levantou as mans para demostrar que estaba de acordo. Logo, Esdras comezou a ler e explicar a Lei mentres eles escoitaban con atención. Déronse conta de que volveran afastarse de Xehová e empezaron a chorar. O día seguinte, Esdras seguiu léndolles da Lei, e decatáronse de que pronto debían celebrar a Festa das Cabanas. Así que puxéronse a organizala deseguida.

Durante os sete días da festa, os israelitas estiveron moi contentos e déronlle as grazas a Xehová pola boa colleita. Dende os días de Xosué, non houbera unha Festa das Cabanas coma aquela. Despois, o pobo xuntouse e orou: “Xehová, salváchesnos da escravitude, e déchesnos comida no deserto e este país tan bonito. Pero nós desobedecémoste unha e outra vez. Enviaches os teus profetas pero non lles fixemos caso. Aínda así, fuches paciente con nós e mantiveches a promesa que lle fixeras a Abraham. Agora nós prometemos que te imos obedecer”. Escribiron a súa promesa, e os gobernadores, os levitas e os sacerdotes firmárona cun selo.

“Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan” (Lucas 11:28)