Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 67

As murallas de Xerusalén

As murallas de Xerusalén

Vaiamos uns anos atrás. Nehemías, un criado do rei Artaxerxes, era un israelita que vivía na cidade persa de Xuxán. Un día, seu irmán veu de Xudá con malas noticias. Díxolle: “Os que volveron a Xerusalén están en perigo. Aínda non reconstruíron as murallas nin as portas que destruíron os babilonios”. Nehemías desgustouse moito e quixo ir a Xerusalén a axudar. Entón, oroulle a Xehová para que o rei o deixase ir.

Un día, o rei decatouse de que Nehemías estaba triste e díxolle: “Nehemías, nunca te vira así. Pasou algo?”. El respondeulle: “Estou triste porque a miña cidade, Xerusalén, está en ruínas”. O rei respondeulle: “Hai algo que eu poida facer?”. Nese intre, Nehemías orou en silencio, e despois díxolle: “Por favor, déixame ir a Xerusalén a reconstruír as murallas”. O rei Artaxerxes aceptou e deulle todo o precisaba para que non lle pasase nada polo camiño. Ademais, nomeouno gobernador de Xudá e deulle madeira para facer as portas da cidade.

Cando chegou a Xerusalén, Nehemías foi ver como estaban as murallas. Entón, xuntou os sacerdotes e mailos gobernadores, e díxolles: “Isto é unha desfeita! Temos que poñernos a traballar”. Eles estiveron de acordo e comezaron as obras.

Mentres traballaban, algúns dos seus inimigos comezaron a facerlles burla. Dicíanlles: “Ata unha raposa podería tirarvos coa muralla”. Pero eles non lles fixeron caso, e seguiron construíndo unhas murallas cada vez máis altas e fortes.

Entón, os inimigos decidiron atacar Xerusalén por sorpresa dende diferentes sitios. Cando os xudeus o souberon, asustáronse moito. Pero Nehemías díxolles: “Non lles teñades medo. Xehová vainos axudar”. Puxeron gardas para protexer os traballadores e así os inimigos non foron quen de atacalos.

As murallas e as portas quedaron reconstruídas en só 52 días. Para a inauguración, Nehemías trouxo tódolos levitas a Xerusalén. Dividiunos en dous coros e subiron á muralla. Logo, cada coro foi nunha dirección rodeando a cidade. Mentres camiñaban, ían tocando as trompetas, os címbalos e mailas arpas, e cantábanlle cancións a Xehová. Esdras acompañou a un grupo e Nehemías a outro, ata que se xuntaron no templo. Homes, mulleres e nenos ofreceron sacrificios a Xehová e participaron na festa. Estaban tan contentos que as súas voces se escoitaban dende lonxe.

“Toda arma que se faga para ir contra ti, non terá éxito” (Isaías 54:17)