Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 69

O anxo Gabriel visita a María

O anxo Gabriel visita a María

Isabel tiña unha parente máis nova ca ela chamada María, que vivía na cidade de Nazaret, en Galilea. María ía casar con Xosé, que era carpinteiro. Cando Isabel estaba no sexto mes de embarazo, o anxo Gabriel aparecéuselle a María e díxolle: “Bos días, María. Tes o favor de Xehová”. Como ela non entendía o que lle quería dicir, Gabriel engadiu: “Vas quedar embarazada e terás un fillo. Deberás chamarlle Xesús. El chegará a ser o Rei dun Reino que durará para sempre”.

María contestoulle: “Pero eu son virxe. Como vou ter un neno?”. Entón Gabriel respondeu: “Para Xehová, nada é imposible. O espírito santo fará que teñas un fillo. A túa parente Isabel tamén quedou embarazada, aínda que xa é maior para ter fillos”. Finalmente, María díxolle: “Velaquí a escrava de Xehová. Que se cumpra en min todo o que dixeches”.

María foi a unha cidade que había nas montañas para visitar a Isabel. Cando María a saudou, o bebé de Isabel brincoulle dentro da barriga. Coa axuda do espírito santo, Isabel dixo: “María, Xehová bendiciute. É un honor recibir a nai do Mesías”. Ela contestou: “Louvado sexa Xehová!”. Pasaron xuntas tres meses e despois María marchou de volta para Nazaret.

Cando Xosé soubo que María estaba embarazada, quixo romper con ela porque pensaba que ía ter un fillo doutro home. Pero aparecéuselle un anxo nun soño e díxolle: “Non teñas medo de casar con ela, que non fixo nada malo”. Así que Xosé casou con María.

“O Señor fai canto se propón no ceo e mais na terra” (Salmo 135:6)