Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 72

A adolescencia de Xesús

A adolescencia de Xesús

Xosé e María vivían en Nazaret con Xesús e o resto dos seus fillos e fillas. Xosé coidaba da familia traballando de carpinteiro, pero tamén lles ensinaba acerca de Xehová e a Súa Lei. Todos xuntos ían regularmente á sinagoga para adorar a Xehová, e viaxaban a Xerusalén cada ano para celebrar a Pascua.

Cando Xesús tiña 12 anos, toda a familia fixo a longa viaxe ata Xerusalén, como adoitaban facer tódolos anos. A cidade estaba chea de xente que tamén viñera celebrar a Pascua. Despois da festa, Xosé e María comezaron a viaxe de volta á casa, pensando que Xesús ía coa familia. Pero cando se puxeron a buscalo, non o atoparon!

Entón, regresaron a Xerusalén e pasaron tres días buscando a Xesús na cidade. Por último, foron ó templo e atopárono sentado no medio dos mestres, escoitándoos con atención e facéndolles preguntas. Os mestres estaban tan impresionados con Xesús que mesmo empezaron a facerlle preguntas. Xesús daba tan boas respostas que os mestres quedaban abraiados. Era evidente que Xesús entendía a Lei de Xehová.

Xosé e María estiveran moi preocupados por Xesús. Por iso María lle dixo: “Meu fillo, buscámoste por todas partes! Onde andabas?”. Pero Xesús respondeulle: “Non sabiades que tiña que estar aquí, na casa de meu Pai?”.

Xesús volveu cos seus pais a Nazaret, e Xosé ensinoulle o traballo de carpinteiro. Que clase de rapaz cres que foi Xesús? Co paso dos anos, Xesús converteuse nunha persoa moi sabia. Deus queríalle moito, e o resto da xente tamén.

“Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero; a túa lei está no fondo de min mesmo” (Salmo 40:9 [40:8NM])