Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 78

Xesús fala do Reino de Deus

Xesús fala do Reino de Deus

Pouco despois do seu bautismo, Xesús comezou a predicar, dicindo: “O Reino de Deus está cerca!”. Os seus discípulos viaxaban con el por toda Galilea e Xudea. Cando chegou a Nazaret, a cidade onde se criara, entrou na sinagoga, abriu o rolo de Isaías e leu en voz alta: “Xehová deume espírito santo para que eu poida predicar as boas novas”. Que significaba isto? É certo que a xente quería velo facer milagres. Pero el recibira espírito santo para algo máis importante: predicar as boas novas do Reino. Entón declarou diante de todos: “Hoxe cumpriuse esta profecía”.

Despois, Xesús foi ó mar de Galilea. Alí viu catro pescadores que chegarían a ser discípulos seus. Chamábanse Pedro, Andrés, Santiago e Xoán. Invitounos a seguilo, dicíndolles: “Vide comigo e fareivos pescadores de homes”. Deseguida deixaron o seu negocio de pesca e marcharon con el. Percorreron toda Galilea falando do Reino de Xehová. Predicaban nas sinagogas, nos mercados e nas rúas e había moita xente que os seguía. As noticias acerca de Xesús chegaron a todas partes, mesmo a Siria, que estaba moi lonxe.

Co tempo, Xesús deulles a algúns discípulos o poder de curar enfermos e expulsar demos. Outros ían con el mentres predicaba de cidade en cidade, e de aldea en aldea. Tamén ían moitas mulleres que os atendían, como por exemplo, María Magdalena, Xoana e Susana.

Xesús preparou os seus discípulos e mandounos a predicar. Segundo viaxaban por Galilea, moitos crían en Xesús e bautizábanse. Como moita xente quería seguilo, comparounos a un campo listo para a sega. Díxolles: “Pedídelle a Xehová que envíe máis obreiros para apañar a colleita”. Máis tarde, escolleu setenta dos seus discípulos e mandounos ir predicar a Xudea. Eles falaban do Reino con todo tipo de persoas. Cando volveron onda Xesús, estaban desexando contarlle todo o que pasara. Estaba claro que o Demo non podería parar a obra de predicar.

Xesús asegurouse de que os seus discípulos seguirían facendo este traballo tan importante cando el volvese ó ceo. Así que díxolles: “Predicade as boas novas por toda a terra. Ensinádelle á xente a Palabra de Deus e bautizádeos”.

“Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron” (Lucas 4:43)