Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 79

Xesús fai moitos milagres

Xesús fai moitos milagres

Xesús veu á terra para predicar as boas novas do Reino de Deus. Xehová quería que as persoas visen o que Xesús faría cando fose rei. Así que deulle espírito santo para facer milagres. Xesús podía curar calquera enfermidade. Alí onde ía, os enfermos pedíanlle axuda e el curábaos. Os cegos podían ver, os xordos podían ouvir e os coxos podían andar. Algúns ata curaban con só tocarlle a roupa. Xesús tamén podía expulsar demos. A xente seguíao a todas partes e, mesmo cando quería estar só, el nunca lles dicía que marchasen.

Unha vez levaron un home que non se podía mover á casa onde estaba Xesús. Pero había tanta xente que non podían pasar. Así que levantaron o tellado e baixárono por alí. Entón Xesús díxolle: “Érguete e anda”. Cando viron que se poñía de pé, todos quedaron abraiados.

Noutra ocasión, Xesús estaba entrando nunha vila e dez leprosos berraron dende lonxe: “Xesús, axúdanos!”. Naquel tempo, os enfermos de lepra non se podían achegar á xente. A Lei de Xehová dicía que os leprosos tiñan que ir ó templo cando curaban. Así que Xesús mandounos ir alí. De camiño, os homes curaron! Cando un deles viu que curara, foille dar as grazas a Xesús e louvou a Deus. Dos dez, foi o único que lle deu as grazas.

Unha muller que levaba doce anos enferma estaba desesperada por curar. Abriuse paso entre a multitude e tocoulle a roupa a Xesús por detrás. Nese momento quedou curada! Entón Xesús dixo: “Quen me tocou?”. A muller asustouse moito porque, segundo a Lei, ela non podía estar entre a xente. Aínda así, diante de todo o mundo, recoñeceu que fora ela. Xesús tranquilizouna dicíndolle: “Filla, vai en paz”.

Un oficial chamado Xairo rogoulle a Xesús: “Ven á miña casa! A miña filla está moi enferma”. Pero cando Xesús chegou, a nena xa morrera. Na casa había moita xente chorando coa familia, así que díxolles: “Non choredes, a nena só está durmindo”. Entón, colleuna pola man e exclamou: “Pequena, esperta!”. A nena espertou e Xesús mandou que lle desen algo de comer. Imaxina como se sentiron seus pais!

“Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el” (Feitos 10:38)