Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 87

A última cea de Xesús

A última cea de Xesús

Tódolos anos, os xudeus celebraban a Pascua o 14 do mes de nisán. Facíano para recordar como Xehová os liberara de ser escravos en Exipto e os levara á Terra Prometida. No ano 33, Xesús e mailos seus apóstolos celebraron a Pascua en Xerusalén, nunha habitación que había na parte de arriba dunha casa. Cando acabaron de cear, Xesús dixo: “Un de vós vaime traizoar”. Os apóstolos sorprendéronse moito e preguntaron: “Quen?”. Xesús respondeu: “Aquel a quen lle dea deste pan”. Entón, deulle un anaco a Xudas Iscariote, que se levantou decontado e marchou.

Logo, Xesús fixo unha oración, partiu o pan e déullelo ó resto dos apóstolos. Despois dixo: “Comede deste pan. Representa o meu corpo que entregarei por vós”. Tamén orou sobre o viño e déullelo ós apóstolos, dicindo: “Bebede deste viño. Representa o meu sangue que entregarei para que se poidan perdoar os vosos pecados. Prométovos que seredes reis comigo nos ceos. Facede isto tódolos anos en lembranza miña”. Os seguidores de Xesús seguen reuníndose cada ano nesta data. Esta reunión chámase a Cea do Señor.

Despois da cea, os apóstolos comezaron a discutir sobre cal deles era o máis importante. Pero Xesús explicoulles: “O maior entre vós é o que se ten polo máis pequeno, ou menos importante”.

Ademais engadiu: “Vós sodes meus amigos. Expliqueivos todo o que meu Pai quería que vos dixese. Agora vou onda El ó ceo. Vós quedaredes aquí e a xente saberá que sodes os meus discípulos polo amor que vos teñades. Tendes que amarvos uns ós outros tal como eu vos amei”.

Por último, Xesús fixo outra oración. Pediulle a Xehová que protexese tódolos discípulos e que os axudase a traballar xuntos en paz. Tamén orou pola santificación do nome de Xehová. Despois, Xesús e os apóstolos cantaron louvanzas a Xehová e saíron para fóra. Faltaba moi pouco para que arrestasen a Xesús.

“Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino” (Lucas 12:32)