Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 88

Arrestan a Xesús

Arrestan a Xesús

Xesús e mailos apóstolos ían camiñando polo val de Cedrón cara ó Monte das Oliveiras. Pasaba de media noite e había lúa chea. Cando chegaron ó xardín de Xetsemaní, Xesús díxolles: “Quedade aquí e vixiade”. Xesús apartouse un pouco e axeonllouse. Estaba moi angustiado e pregoulle a Xehová: “Que se faga a túa vontade”. Entón, Xehová mandou un anxo para darlle ánimos. Cando Xesús volveu onda os apóstolos, atopounos durmindo e díxolles: “Espertade! Agora non é momento de durmir! Chegou a hora na que me van entregar ós meus inimigos”.

Deseguida chegou Xudas. Con el viña un montón de xente armada con espadas e paus. El sabía onde atopar a Xesús porque estiveran xuntos moitas veces neste xardín. Xudas dixéralles ós soldados que lles faría un sinal para indicarlles quen era Xesús. Foi directo cara a el e díxolle: “Ola, Mestre”. Entón bicouno. Xesús respondeulle: “Xudas, traizóasme cun bico?”.

Xesús deu un paso ó fronte e preguntou: “A quen buscades?”. A xente contestou: “A Xesús de Nazaret”. El díxolles: “Son eu”. Entón retrocederon e caeron ó chan. Xesús volveu preguntar: “A quen buscades?”. Eles volveron contestar: “A Xesús de Nazaret”. E Xesús respondeu: “Díxenvos que son eu. Deixade marchar a estes”.

Cando Pedro se decatou do que estaba a pasar, sacou a espada e cortoulle a orella a Malco, un criado do sumo sacerdote. Pero Xesús tocoulle a orella e curouno. Logo, díxolle a Pedro: “Garda a espada. Se loitas coa espada, morrerás pola espada”. Despois, os soldados arrestaron a Xesús, e os apóstolos fuxiron. A xente levou a Xesús onda o sacerdote principal, Anás. El interrogouno e mandouno á casa do sumo sacerdote Caifás. E os apóstolos? Que sería deles?

“No mundo haberedes ter apretos; pero tede ánimo: eu vencín o mundo” (Xoán 16:33)