Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 94

Os discípulos reciben espírito santo

Os discípulos reciben espírito santo

Dez días despois de Xesús volver ó ceo, os seus discípulos recibiron espírito santo. Era o Pentecostés do ano 33, e moita xente fora a Xerusalén a celebrar a festa. Na habitación dunha casa, había 120 discípulos reunidos. Entón, pasou algo impresionante. Enriba da cabeza de cada un deles pousouse algo que parecía unha chama de lume, e comezaron a falar nunha morea de idiomas! De súpeto, sentiuse por toda a casa un ruído moi forte coma o dun vendaval.

Moitas persoas que viñeran doutros países para celebrar a festa en Xerusalén tamén sentiron o ruído. Correron á casa onde estaban os discípulos para ver o que pasara, e quedaron abraiados ó sentilos falar en diferentes idiomas. Dixeron: “Pero esta xente non é de Galilea? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma?”.

Entón, Pedro e os demais apóstolos puxéronse de pé diante de todos. Pedro explicou como morrera Xesús e que Xehová o resucitara. Despois dixo: “Agora Xesús está no ceo á dereita de Deus e deunos o espírito santo que nos prometeu. Iso é o que estades vendo e escoitando”.

As persoas quedaron moi impresionadas polas palabras de Pedro e preguntaron: “Que temos que facer?”. Pedro contestoulles: “Arrepentídevos dos vosos pecados e bautizádevos no nome de Xesús. Entón vós tamén recibiredes o espírito santo”. Aquel día, bautizáronse unhas 3000 persoas. De alí en diante, a cantidade de discípulos en Xerusalén aumentou moi rápido. Coa axuda do espírito santo, os apóstolos formaron moitas congregacións para ensinar tódalas cousas que Xesús lles mandara.

“Se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo” (Romanos 10:9)