Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 96

Xesús escolle a Saulo

Xesús escolle a Saulo

Saulo era un cidadán romano nacido en Tarso. Era un fariseo experto na lei xudía e odiaba os cristiáns. Sacábaos a rastro das súas casas e botábaos no cárcere. Nunha ocasión, ata quedou de pé mirando como mataban o discípulo Estevo a pedradas.

Pero a Saulo non lle abondaba con arrestar os cristiáns de Xerusalén. Así que pediulle permiso ó sumo sacerdote para ir perseguir os cristiáns de Damasco. Cando estaba chegando aló, de súpeto, rodeouno unha luz moi brillante. Caeu ó chan e sentiu unha voz que lle dicía: “Saulo, por que me persegues?”. Saulo preguntoulle: “Quen es?”. A voz contestou: “Son Xesús. Vai a Damasco e alí diranche que facer”. Nese momento, Saulo quedou cego e tiveron que levalo pola man ata a cidade.

En Damasco, había un cristián fiel chamado Ananías. Xesús díxolle nunha visión: “Vai á rúa Dereita, e busca na casa de Xudas un home chamado Saulo”. Ananías respondeulle: “Señor, ben sei quen é ese home! Está metendo no cárcere os teus discípulos!”. Entón Xesús díxolle: “Ti vai, porque o escollín para predicar as boas novas a xente de moitas nacións”.

Así que Ananías foi buscar a Saulo e díxolle: “Irmán Saulo, Xesús mandoume onda ti para que recuperes a vista”. Nese intre, Saulo recuperou a vista. Despois, aprendeu sobre Xesús e fíxose seguidor seu. Bautizouse como cristián e empezou a predicar nas sinagogas xunto a outros cristiáns. Podes imaxinar o abraiados que quedaron os xudeus cando viron a Saulo ensinando sobre Xesús? Dixeron: “E logo este non é o que perseguía os discípulos de Xesús?”.

Durante tres anos, Saulo predicoulle á xente que vivía en Damasco. Como os xudeus odiaban a Saulo, argallaron un plan para matalo. Pero os seus irmáns cristiáns souberon do plan e axudárono a escapar. Metérono nun cesto e baixárono por un burato que había na muralla da cidade.

Saulo foi a Xerusalén e intentou xuntarse cos cristiáns que vivían alí. Pero eles tíñanlle medo. Entón, un discípulo moi bo chamado Bernabé levouno onda os apóstolos e convenceunos de que Saulo cambiara de verdade. Uniuse á congregación de Xerusalén e empezou a predicar con entusiasmo as boas novas. Co tempo, a xente empezou a chamalo Paulo.

“Cristo Xesús veu ó mundo para salva-los pecadores, dos que eu son o primeiro” (1 Timoteo 1:15)