Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 07

Como é Xehová?

Como é Xehová?

Que che vén á mente cando pensas en Xehová? Algúns veno como alguén impresionante, pero que está moi lonxe de nós, como as estrelas dunha galaxia afastada. Outros imaxinan que é unha forza impersoal moi poderosa, como unha tormenta. Pero como é Xehová en realidade? Na súa Palabra, a Biblia, Xehová ensínache cales son algunhas das súas calidades, e tamén che demostra que se interesa por ti.

1. Por que non podemos ver a Deus?

“Deus é espírito” (Xoán 4:24). Xehová non ten un corpo físico. É un espírito que vive no ceo, un sitio que non podemos ver.

2. Cales son algunhas das calidades de Xehová?

Aínda que Xehová é invisible, é unha persoa real. Ten calidades tan fermosas que fan que os que o coñecen se queiran achegar a el. A Biblia di: “O Señor ama a xustiza e non abandona os seus fieis” (Salmo 37:28). Tamén é “compasivo e misericordioso”, sobre todo cos que están a sufrir (Santiago 5:11). “O Señor está preto do aflixido, salva ó asoballado” (Salmo 34:19 [34:18, TNM]). E sabías que a Xehová lle afecta o que facemos? Se unha persoa decide facer cousas malas, decepciónao e pono triste (Salmo 78:40, 41). Pero se unha persoa decide facer o que está ben, faino moi feliz (le Proverbios 27:11).

3. Como demostra Xehová que nos quere moito?

A calidade que máis destaca de Xehová é o amor. De feito, “Deus é amor” (1 Xoán 4:8; cursiva nosa). Xehová demostra o amor que nos ten non só por medio da Biblia senón tamén por todo o que creou (le Feitos 14:17). Por exemplo, pensa en como nos fixo: deunos a capacidade de ver fermosas cores, escoitar música agradable e saborear comidas deliciosas. El quere que desfrutemos da vida.

AFONDA MÁIS

Aprende de que se vale Xehová para facer cousas impresionantes. Despois mira como nos dá a coñecer as súas fermosas calidades e como as demostra.

4. O espírito santo, a forza activa de Deus

Igual que nós usamos as nosas mans para traballar, Xehová usa o seu espírito santo. A Biblia explica que o espírito santo non é unha persoa, senón a forza que Deus usa para facer as cousas. Lede Lucas 11:13 e Feitos 2:17 e logo comentade estas preguntas:

  • Deus vai espallar o seu espírito santo sobre os que llo piden. Entón, cres que o espírito santo é unha persoa ou a forza activa de Deus? Por que pensas así?

Xehová usa o seu espírito santo para facer cousas impresionantes. Lede Salmo 33:6 a e 2 Pedro 1:20, 21 e logo comentade esta pregunta:

  • Cales son algunhas das cousas que fixo Xehová co seu espírito santo?

5. Xehová ten calidades moi atraentes

Aínda que Moisés era un servo fiel de Deus, sentiu a necesidade de coñecer mellor o seu Creador. Por iso lle dixo: “Ensíname o teu camiño, para que eu te coñeza” (Éxodo 33:13). Xehová respondeulle dándolle a coñecer algunhas das súas calidades. Lede Éxodo 34:4-6 e logo comentade estas preguntas:

  • Que calidades lle deu a coñecer Xehová a Moisés?

  • Que calidade de Xehová che gusta máis?

6. Xehová preocúpase pola xente

Os hebreos, o pobo de Deus no pasado, eran escravos en Exipto. Como lle afectou o seu sufrimento a Xehová? Poñede o AUDIO e seguide a lectura, ou lede Éxodo 3:1-10. Logo comentade estas preguntas:

  • Que nos ensina este relato sobre como se sente Xehová ó vernos sufrir? (Ver os versículos 7 e 8).

  • Pensas que Xehová de verdade quere axudar ás persoas e que ten a capacidade para facelo? Por que pensas así?

7. A natureza demostra as calidades de Xehová

Xehová ensínanos as súas calidades nas cousas que creou. Poñede o VÍDEO. Logo lede Romanos 1:20 e comentade esta pregunta:

  • Que calidades de Xehová ves nas cousas que fixo?

HAI QUEN DI: “Deus non é unha persoa, é só unha forza que está por todas partes”.

  • Ti que pensas?

  • Por que pensas así?

RESUMO

Xehová é un espírito invisible con moitas calidades que fan que a xente queira achegarse a el. A máis importante é o amor.

Repaso

  • Por que non podemos ver a Xehová?

  • Que é o espírito santo?

  • Cales son algunhas das calidades de Xehová?

Intenta isto

INVESTIGA

Entende mellor como é Xehová aprendendo sobre catro das súas calidades máis importantes.

“Como é Deus?” (La Atalaya, núm. 1 2019)

Analiza as probas de que Xehová non está en todas partes.

“Está Deus en todas partes? É omnipresente?” (Artigo web)

Mira por que a Biblia se refire ó espírito santo como “a man de Deus”.

“Que é o espírito santo?” (Artigo web)

A un home cego custáballe crer que Deus se preocupase por el. Descubre que lle fixo cambiar de parecer.

“Agora sinto que podo axudar os demais” (La Atalaya, 1 outubro 2015)

a A palabra hebrea que se traduce como alento en Salmo 33:6 tamén se pode traducir como espírito santo.