Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 09

Achégate a Deus mediante a oración

Achégate a Deus mediante a oración

Sentiches algunha vez que precisabas orientación na vida? Tes preguntas importantes que queres que che respondan? Precisas ánimo ou consolo? Gustaríache sentirte máis preto de Xehová? A oración pode axudarche a conseguir todo isto. Pero, cal é a maneira correcta de orar? Escoita Deus tódalas oracións? E que podes facer para asegurarte de que escoite as túas? Ímolo ver.

1. A quen lle debemos orar e sobre que podemos facelo?

Xesús ensinounos que só lle debemos orar ó noso Pai celestial, Xehová, igual que fixo el. Dixo: “Vós, rezade así: Noso Pai que estás no ceo” (Mateo 6:9). Cando lle oramos a Xehová, a nosa amizade con el faise máis forte.

Podemos orar sobre practicamente calquera cousa. Pero, para que Deus responda as nosas oracións, o que lle pedimos ten que estar de acordo coa súa vontade. “Estamos certos de que [Deus] nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14). Xesús puxo algún exemplo sobre cousas polas que está ben que oremos (le Mateo 6:9-13). Ademais de orar por cousas persoais, non debemos esquecernos de darlle grazas a Deus polo que fai por nós e de pedirlle que axude a outras persoas.

2. Como debemos orar?

A Biblia anímanos a desafogar diante de Deus o noso corazón (Salmo 62:9 [62:8, TNM]). Así que as nosas oracións deberían ser sinceras e saír do corazón. Podemos orar en calquera lugar e en calquera momento. Podemos facelo en voz alta ou en silencio e en calquera postura que demostre que respectamos a Xehová.

3. Como responde Deus as nosas oracións?

Faino de varias maneiras. Xehová deunos a súa Palabra, a Biblia, onde podemos atopar as respostas a moitas das nosas preguntas. Ler a Palabra de Deus “fai sabio ó inxenuo” (Salmo 19:8 [19:7, TNM]; le Santiago 1:5). Tamén pode darnos paz interior cando afrontamos problemas. E pode motivar os seus servos a que nos axuden cando máis o necesitamos.

AFONDA MÁIS

Aprende como podes facer oracións que che saian do corazón e que lle agraden a Deus. E descubre como te pode beneficiar a oración.

4. Que oracións acepta Deus

Que factores determinan se Deus acepta ou non as nosas oracións? Poñede o VÍDEO.

Xehová quere que lle oremos. Lede Salmo 65:3 (65:2, TNM) e logo comentade estas preguntas:

  • Pensas que Xehová, quen escoita as oracións, quere que ti lle ores? Por que pensas así?

Temos que intentar vivir de acordo coas normas de Deus se queremos que escoite as nosas oracións. Lede Miqueas 3:4 e 1 Pedro 3:12 e logo comentade esta pregunta:

  • Que podemos facer para asegurarnos de que Xehová escoite as nosas oracións?

Nunha guerra os dous bandos rezan para conseguir a vitoria. É lóxico esperar que Deus responda esas oracións?

5. Debemos orar dende o corazón

A moita xente ensináronlle que para orar teñen que repetir certas oracións palabra por palabra. Pero de verdade quere Deus que lle oremos así? Lede Mateo 6:7 e logo comentade esta pregunta:

  • Que podemos facer para non ser “lareteiros”, ou dicir sempre o mesmo, nas nosas oracións?

Pensa cada día en algo bo polo que poidas darlle as grazas a Xehová. Faino tódolos días durante unha semana e ó final teraslle orado sobre sete cousas diferentes sen repetirte.

Un bo pai quere que o seu fillo lle conte como se sente de verdade. Xehová tamén quere que lle oremos dende o corazón

6. A oración é un agasallo de Deus

Como pode darche forzas a oración especialmente nos malos momentos? Poñede o VÍDEO.

A Biblia promete que a oración pode darnos verdadeira paz interior. Lede Filipenses 4:6, 7 e logo comentade estas preguntas:

  • Aínda que a oración non sempre nos vai quitar os problemas, como nos axuda?

  • Sobre que cousas che gustaría orar?

Sabíalo?

A palabra amén significa “así sexa” ou “de seguro”, e lévase dicindo ó final das oracións dende tempos bíblicos (1 Crónicas 16:36).

7. Saca tempo para orar

Ás veces estamos tan ocupados que nos esquecemos de orar. Canta importancia tiña para Xesús a oración? Lede Mateo 14:23 e Marcos 1:35 e logo comentade estas preguntas:

  • Que fixo Xesús para sacar tempo para orar?

  • Cando poderías sacar tempo ti para orar?

HAI QUEN DI: “Orar é unha perda de tempo, ninguén te vai escoitar”.

  • Ti que lle dirías?

RESUMO

As oracións sinceras achégannos a Deus e axúdannos a ter paz interior. Tamén nos dan as forzas que precisamos para facer o que Xehová espera de nós.

Repaso

  • A quen lle debemos orar?

  • Como debemos orar?

  • Cales son algúns dos beneficios da oración?

Intenta isto

INVESTIGA

Atopa a resposta a preguntas que moita xente se fai sobre a oración.

“Sete preguntas sobre a oración” (La Atalaya, 1 outubro 2010)

Aprende por que é importante orar e como podes mellorar as túas oracións.

“Por que debería orar?” (Artigo web)

Analiza o que ensina a Biblia sobre a quen lle debemos orar.

“Debería rezarlles ós santos?” (Artigo web)

É importante onde e cando oramos? Descúbreo neste vídeo.

Sempre podo falar con Xehová (1:22)