Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 42

Que di a Biblia sobre estar solteiro ou casado?

Que di a Biblia sobre estar solteiro ou casado?

Nalgunhas culturas a xente pensa que unha persoa non pode ser feliz se non está casada. Pero, nin tódolos casados son felices, nin tódolos solteiros son infelices. O certo é que a Biblia di que tanto estar solteiro como estar casado son regalos.

1. Cales son algúns beneficios de estar solteiro?

A Biblia di: “Quen casa coa súa noiva obra ben e o que non casa obrará aínda mellor” (le 1 Corintios 7:32, 33, 38). Por que di a Biblia que un solteiro obra mellor? Os cristiáns solteiros non teñen que atender as necesidades do seu home ou da súa muller. Por iso, normalmente teñen máis liberdade. Por exemplo, algúns poden facer máis no seu servizo a Xehová de maneiras moi emocionantes, como viaxando a outros países para predicar as boas noticias. Pero o máis importante é que poden dedicar máis tempo a achegarse a Xehová.

2. Cales son algúns beneficios de estar casados legalmente?

Estar casado, igual que estar solteiro, ten as súas vantaxes. A Biblia di que “mellor son dous ca un” (Eclesiastés 4:9). Isto é certo sobre todo no caso dos cristiáns que aplican os principios da Biblia no seu matrimonio. As parellas que están legalmente casadas comprométense a amarse, respectarse e coidarse sempre un ó outro. Como resultado, normalmente séntense máis seguras que as parellas que simplemente viven xuntas. O matrimonio tamén lles dá ós fillos un ambiente seguro no que medrar.

3. Como ve Xehová o matrimonio?

Cando Xehová formou o primeiro matrimonio, dixo: “Deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller” (Xénese 2:24). Xehová quere que o home e a muller se queiran e estean xuntos durante toda a súa vida. Só permite o divorcio cando un dos dous comete adulterio. Nese caso, Xehová dálle á parte inocente o dereito a decidir se se vai divorciar ou non (Mateo 19:9, TNM). a Xehová non aproba a poligamia entre os cristiáns (1 Timoteo 3:2).

AFONDA MÁIS

Aprende como podes ser feliz e facer feliz a Xehová sen importar se estás solteiro ou casado.

4. Aproveita ben o regalo de estar solteiro

Xesús dixo que estar solteiro é como un regalo (Mateo 19:11, 12). Lede Mateo 4:23 e logo comentade esta pregunta:

  • Como aproveitou Xesús que estaba solteiro para servir a seu Pai e axudar a outros?

Os cristiáns poden imitar a Xesús e desfrutar das vantaxes de estar solteiros. Poñede o VÍDEO e logo comentade esta pregunta:

  • De que maneiras poden aproveitar as súas circunstancias os solteiros?

Sabíalo?

A Biblia non pon unha idade mínima para casar. Pero si que nos anima a esperar ata que pase “a flor da xuventude”, o tempo no que os desexos sexuais son moi fortes e poderían facer que unha persoa nova tomase unha mala decisión (1 Corintios 7:36, TNM).

5. Escolle ben con quen vas casar

Escoller con quen vas casar é unha das decisións máis importantes da túa vida. Lede Mateo 19:4-6, 9, TNM e logo comentade esta pregunta:

  • Por que un cristián non debería ter présa por tomar a decisión de casar?

A Biblia pode axudarche a saber o que tes que buscar nunha persoa se queres casar. O máis importante é que ame a Xehová. b Lede 1 Corintios 7:39 e 2 Corintios 6:14 e logo comentade estas preguntas:

  • Por que deberiamos casar só con alguén que tamén serve a Xehová?

  • Como pensas que se sentirá Xehová se casamos con alguén que non o ama?

Se dous animais moi diferentes se poñen debaixo do mesmo xugo, os dous van sufrir. Do mesmo xeito, se un cristián casa con alguén que non serve a Xehová, tamén vai ter moitos problemas

6. Mira o matrimonio da mesma forma que Xehová

No antigo Israel, algúns homes divorciábanse das súas mulleres por motivos egoístas. Lede Malaquías 2:13, 14, 16, TNM e logo comentade esta pregunta:

  • Por que odia Xehová os divorcios por motivos que a Biblia non permite?

O adulterio e o divorcio cáusanlles moito sufrimento á persoa inocente e ós fillos

Poñede o VÍDEO e logo comentade esta pregunta:

  • Se estás casado con alguén que non serve a Xehová, que podes facer para ter un matrimonio feliz?

7. Obedece as normas de Xehová para o matrimonio

Poida que non sexa fácil seguir as normas de Xehová para o matrimonio. c Pero el bendice os que se esforzan por obedecelo. Poñede o VÍDEO.

Lede Hebreos 13:4 e logo comentade estas preguntas:

  • Pensas que as normas de Xehová para o matrimonio son razoables? Por que pensas así?

Na maioría dos países é un requisito legal rexistrar os matrimonios e os divorcios. Por iso Xehová espera que os cristiáns cumpran este requisito. Lede Tito 3:1 e logo comentade esta pregunta:

  • Se estás casado, estás seguro de que o teu matrimonio está rexistrado legalmente?

ALGUÉN PODERÍA PREGUNTAR: “E logo, por que non pode unha parella vivir xunta sen casar?”.

  • Ti que lle dirías?

RESUMO

Tanto estar solteiro como estar casado son regalos de Xehová que nos poden facer felices se seguimos as súas normas.

Repaso

  • Como poden aproveitar os solteiros as súas circunstancias?

  • Por que di a Biblia que só debemos casar con alguén que tamén serve a Xehová?

  • Cal é a única base que dá a Biblia para o divorcio?

Intenta isto

INVESTIGA

Que significa casar só “no Señor”?

“Preguntas dos lectores” (La Atalaya, 1 xullo 2004)

Mira un vídeo que che pode axudar a tomar boas decisións se estás pensando en saír con alguén ou casar.

Como prepararse para o matrimonio (11:53)

Aprende por que un irmán pensa que o que lle deu Xehová é moito máis valioso que todo ó que renunciou.

Tiña a esperanza de que ela aprendese a verdade (1:56)

Que debería ter en conta unha persoa antes de pensar no divorcio ou na separación?

“Honremos ‘o que Deus uniu’” (La Atalaya, decembro 2018)

a Para máis información sobre a separación cando non hai adulterio, mira a Nota 4.

b Nalgunhas culturas, os pais escollen con quen vai casar o seu fillo ou a súa filla. Neses casos, os pais amorosos non se centran nos cartos nin na posición social, senón en se esa persoa ama a Xehová.

c Se estás vivindo con alguén e non estades casados, cortar con esa persoa ou casar con ela é unha decisión persoal.