Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 51

Como podes agradarlle a Xehová coa túa fala?

Como podes agradarlle a Xehová coa túa fala?

Cando Xehová nos creou deunos un marabilloso agasallo: a capacidade de falar. Impórtalle como usemos este regalo? Claro que si! (Le Santiago 1:26) Como podemos usar a nosa fala dun xeito que lle agrade a Xehová?

1. Como deberiamos usar o regalo da fala?

A Biblia dinos: “Aconselládevos e confortádevos uns a outros” (1 Tesalonicenses 5:11). Ocórreseche alguén que necesite que o animen? Que podes facer para que se sinta mellor? Asegúralle que te preocupas por el. Quizais lle poderías dicir que é o que máis valoras del. Hai moitos textos que poderías usar para animar a alguén. Lembras algún? Ademais, recorda que non só o que dis pode animar a outros, senón tamén a forma na que o dis. Así que intenta falar sempre de maneira amable e calmada (Proverbios 15:1).

2. Que tipo de fala debemos evitar?

A Biblia di: “Que non saia da vosa boca unha palabra ruín” (le Efesios 4:29). Isto significa que non debemos ser malfalados nin dicir cousas crueis e ofensivas que poidan ferir os sentimentos de alguén. Tamén debemos evitar falar mal doutros, contar cousas privadas e calumniar, é dicir, acusar falsamente a alguén coa intención de facerlle dano (le Proverbios 16:28).

3. Que pode axudarnos a falar sempre de xeito animador?

Normalmente as cousas das que falamos deixan ver o que de verdade temos na mente e no corazón (Lucas 6:45). Así que debemos educar a nosa mente para centrarnos en cousas positivas, é dicir, cousas que sexan xustas, puras, estimables e que merezan louvanza (Filipenses 4:8). Para centrarnos nestas cousas temos que escoller ben as nosas diversións e os nosos amigos (Proverbios 13:20). Tamén é bo que pensemos ben o que imos dicir antes de falar. Pensa tamén en como lles vai afectar a outros o que dis. A Biblia di: “Persoas hai que falan a estocadas, a fala dos sabios é medicina” (Proverbios 12:18).

AFONDA MÁIS

Aprende como podes falar dun xeito que lle agrade a Xehová e que anime a outros.

4. Controla o que dis

Todos dicimos algunha vez cousas das que despois nos arrepentimos (Santiago 3:2). Lede Gálatas 5:22, 23 e logo comentade estas preguntas:

  • Cal destas calidades lle poderías pedir a Xehová para que che axude a controlar o que dis? Como cres que che poden axudar?

Lede 1 Corintios 15:33 e logo comentade esta pregunta:

  • Que efecto poderían ter os amigos e as diversións que escolles na túa forma de falar?

Lede Eclesiastés 3:1, 7 e logo comentade esta pregunta:

  • Cando podería ser prudente quedar calado ou esperar a un momento mellor para dicir algo?

5. Fala ben dos demais

Como podemos evitar ofender a outros ou dicirlles cousas pouco amables? Poñede o VÍDEO e logo comentade estas preguntas:

  • Por que o irmán do vídeo quería cambiar a maneira na que lles falaba ós demais?

  • Que fixo para cambiar?

Lede Eclesiastés 7:16 e logo comentade esta pregunta:

  • Que debemos lembrar cando sentimos a tentación de falar mal doutros?

Lede Eclesiastés 7:21, 22 e logo comentade esta pregunta:

  • Como pode axudarche este texto a non reaccionar de maneira esaxerada cando alguén fala mal de ti?

6. Fálalle con cariño á túa familia

Xehová quere que lle falemos á nosa familia dun xeito cariñoso e amable. Poñede o VÍDEO e logo comentade esta pregunta:

  • Que che vai axudar a falarlle con cariño á túa familia?

Lede Efesios 4:31, 32 e logo comentade esta pregunta:

  • Que maneira de falar pode facer que toda a familia se sinta querida?

Xehová dixo o que sentía polo seu Fillo, Xesús. Lede Mateo 17:5 e logo comentade esta pregunta:

  • Como podes imitar a Xehová na forma de falarlle á túa familia?

Busca oportunidades para felicitar a outros

HAI QUEN DI: “Eu digo o que penso. Se a alguén non lle gusta, é problema seu”.

  • Estás de acordo? Por que pensas así?

RESUMO

As palabras teñen moito poder. Temos que pensar moi ben o que imos dicir, cando o imos dicir e como o imos dicir.

Repaso

  • De que maneiras podes usar a fala para axudar a outros?

  • Que tipo de fala queres evitar?

  • Que nos pode axudar a falar sempre de xeito amable e animador?

Intenta isto

INVESTIGA

Que nos axudará a falar sempre de forma positiva?

Esfórzate por ter a fala dos sabios (8:04)

Aprende que che pode axudar a non ser malfalado.

“De verdade é tan grave ser malfalado?” (Artigo web)

Mira como podes resistir o impulso de falar mal doutros ou espallar rumores.

Non andes con contos! (2:36)

Descubre como Xehová axudou a un home na súa loita por deixar de ser un malfalado.

“Empecei a pensar seriamente no rumbo que levaba a miña vida” (La Atalaya, 1 agosto 2013)