Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 57

Que pasa se cometes un pecado grave?

Que pasa se cometes un pecado grave?

Aínda que queres moito a Xehová e te esforzas por evitar calquera cousa que lle podería facer dano, de vez en cando farás algo que está mal. Pero algúns erros ou pecados son máis graves ca outros (Gálatas 5:19-21). Se cometes un pecado grave, recorda que Xehová non deixou de quererte e que está disposto a perdoarte e axudarche.

1. Que debemos facer para que Xehová nos perdoe?

Os que aman a Xehová séntense moi tristes cando se dan conta de que cometeron un pecado grave. Pero alíviaos saber o que Xehová lle prometeu ó seu pobo: “Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán” (Isaías 1:18). Se nos arrepentimos de corazón, Xehová perdoaranos por completo. Como nos arrepentimos? Debemos lamentar profundamente o que fixemos. Iso impúlsanos a deixar de facer o que está mal e a rogarlle a Xehová que nos perdoe. Ademais, debemos esforzarnos por cambiar os pensamentos ou hábitos que nos levaron a ese erro e intentar vivir de acordo coas limpas normas de Xehová (le Isaías 55:6, 7).

2. Como nos axuda Xehová mediante os anciáns cando pecamos?

Se cometemos un pecado grave, Xehová dinos que falemos cos anciáns da congregación (le Santiago 5:14, 15). Estes irmáns nomeados aman a Xehová e as súas ovelliñas, e están capacitados para axudarnos a recuperar a nosa amizade con el (Gálatas 6:1).

Como nos axudan os anciáns se comentemos un pecado grave? Dous ou tres anciáns usarán os consellos da Biblia para mostrarnos por que non está ben o que fixemos. Tamén nos darán ánimo e consellos prácticos que nos axudarán a non cometer de novo ese erro. Poida que durante algún tempo lle poñan un límite ás actividades nas que podemos participar coa congregación ata que volvamos a estar ben en sentido espiritual. Para protexer a congregación de influencias que lle poidan facer dano, os anciáns expulsan a calquera que cometa un pecado grave e non se arrepinta.

AFONDA MÁIS

Fai máis forte o teu aprecio pola axuda que nos dá Xehová se cometemos un pecado grave.

3. Contar o que fixemos axúdanos a estar mellor

Calquera pecado que cometemos aféctalle a Xehová. Por iso o correcto é que llo confesemos a el. Lede Salmo 32:1-5 e logo comentade esta pregunta:

  • Por que é bo para nós que lle confesemos os nosos pecados a Xehová en vez de intentar ocultalos?

Ademais de confesarlle os nosos pecados a Xehová, sentimos alivio cando lles pedimos axuda ós anciáns. Poñede o VÍDEO e logo comentade esta pregunta:

  • Como axudaron os anciáns a Canon a volver a Xehová?

Os anciáns están aí para axudarnos. Por iso debemos ser sinceros e honrados con eles. Lede Santiago 5:16 e logo comentade esta pregunta:

  • Por que ós anciáns lles será máis fácil axudarnos se somos sinceros con eles?

Confesa o teu pecado, sé sincero cos anciáns e acepta a amorosa axuda de Xehová

4. Como axuda a expulsión

Se unha persoa que cometeu un pecado grave non quere seguir as normas de Xehová, non pode seguir formando parte da congregación. Esa persoa é expulsada, e nós deixamos de xuntarnos con ela e incluso de falarlle. Lede 1 Corintios 5:6, 11 e 2 Xoán 9-11 e logo comentade esta pregunta:

  • Igual que o lévedo fermenta o pan, como lle afectaría á congregación xuntarse con alguén que cometeu un pecado grave e non se arrepinte?

Moitos que foron expulsados, co tempo, acabaron volvendo á congregación. Aínda que a disciplina que recibiron foi dolorosa, axudoulles a darse conta de que o que fixeran estivo mal (Salmo 141:5). Poñede o VÍDEO e logo comentade esta pregunta:

  • Como lle axudou a expulsión a Sonja?

De que xeito a expulsión...

  • honra o nome de Xehová?

  • demostra que Xehová é razoable e cariñoso?

5. Xehová perdóanos cando nos arrepentimos

Xesús usou un exemplo para axudarnos a entender como se sente Xehová cando unha persoa se arrepinte. Lede Lucas 15:1-7 e logo comentade esta pregunta:

  • Que che ensina isto sobre Xehová?

Lede Ezequiel 33:11 e logo comentade esta pregunta:

  • Que importante paso temos que dar para demostrar que estamos arrepentidos?

Igual que a un pastor, a Xehová impórtanlle moito as súas ovelliñas

HAI QUEN DI: “Teño medo de que os anciáns me expulsen se lles conto o que fixen”.

  • Que lle dirías a alguén que se sente así?

RESUMO

Se cometemos un pecado grave pero nos arrepentimos de corazón e estamos decididos a deixar de facer o que está mal, Xehová vainos perdoar.

Repaso

  • Por que é bo para nós que lle confesemos os nosos pecados a Xehová?

  • Que debemos facer para que Xehová perdoe os nosos pecados?

  • Por que deberiamos buscar a axuda dos anciáns se cometemos un pecado grave?

Intenta isto

INVESTIGA

Mira como un home puido ver a misericordia de Xehová que se describe en Isaías 1:18.

Nunca dubides da misericordia de Xehová (5:02)

Como pode a expulsión beneficiar a tódalas partes implicadas?

“Por que a expulsión é unha mostra de amor?” (La Atalaya, 15 abril 2015)

Aprende como podes explicarlle a alguén que non é testemuña de Xehová o que implica a expulsión.

“Evitan as testemuñas de Xehová o contacto cos que xa non pertencen á súa relixión?” (Artigo web)

No relato “Necesitaba volver a Xehová”, aprende como un home que se apartara da verdade sentiu que Xehová quería que volvese onda el.

“A Biblia cambioulles a vida” (La Atalaya, 1 abril 2012)