Ir ó contido

Ir ó índice

Notas

Notas
  1.  Quen é Babilonia a Grande

  2.  Cando aparecería o Mesías?

  3.  Procedementos médicos que implican o uso do sangue

  4.  Separación

  5.  Festas e celebracións

  6.  Enfermidades contaxiosas

  7.  Negocios e asuntos legais

 1. Quen é Babilonia a Grande

Por que sabemos que Babilonia a Grande representa a tódalas relixións falsas? (Apocalipse 17:5) Imos ver tres razóns:

  • Está presente e activa por todo o mundo. A Biblia di que Babilonia a Grande está sentada sobre multitudes e nacións, e que “reina sobre os reis da terra” (Apocalipse 17:15, 18).

  • Non pode ser unha potencia política nin comercial. “Os reis da terra” e “os comerciantes” sobreviven á súa destrución (Apocalipse 18:9, 15, TNM).

  • Deshonra a Deus. Chámaselle prostituta porque fai alianzas cos gobernos a cambio de cartos e doutros privilexios (Apocalipse 17:1, 2). Engana a xente de tódalas nacións e é responsable da morte de moitas persoas (Apocalipse 18:23, 24).

Volver á lección 13, punto 6

 2. Cando aparecería o Mesías?

A Biblia predixo que pasarían 69 semanas ata que chegase o Mesías (le Daniel 9:25, TNM).

  • Cando empezaron as 69 semanas? No ano 455 antes da nosa era. Ese ano, o gobernador Nehemías chegou a Xerusalén para reconstruír a cidade (Nehemías 2:1, 5-8; Daniel 9:25).

  • Canto duraron as 69 semanas? Nalgunhas profecías da Biblia, un día equivale a un ano (Números 14:34; Ezequiel 4:6). Isto significa que cada semana equivale a sete anos. Así que, nesta profecía, as 69 semanas equivalen a 483 anos (69 semanas x 7 días).

  • Cando remataron as 69 semanas? Se contamos 483 anos dende o ano 455 antes da nosa era, chegamos ó ano 29 da nosa era. a Ese é o ano exacto no que Xesús foi bautizado e se converteu no Mesías (Lucas 3:1, 2, 21, 22).

Volver á lección 15, punto 5

 3. Procedementos médicos que implican o uso do sangue

Hai procedementos médicos que usan o sangue do propio paciente. Algúns deles, como por exemplo doar ou almacenar o sangue propio antes da operación, non son aceptables para os cristiáns (Deuteronomio 15:23).

Pero outros procedementos si que poderían ser aceptables, como por exemplo as análises de sangue, a hemodiálise, a hemodilución e o uso de máquinas de recuperación sanguínea ou de circulación extracorpórea (tamén coñecida como baipás cardiopulmonar ou bomba de derivación cardiopulmonar). Cada cristián debe decidir por si mesmo como se usará o seu propio sangue durante o proceso dunha operación, unha proba médica ou un tratamento. Poida que cada médico aplique estes procedementos dun xeito un pouco diferente. Así que, antes de aceptar calquera intervención cirúrxica, proba médica ou tratamento, un cristián debe saber como se vai usar exactamente o seu sangue. Analiza estas preguntas:

  • Que pasa se parte do meu sangue se desvía fóra do meu corpo e a circulación sanguínea quizais se interrompe por un tempo? Permitiríame a miña conciencia considerar que ese sangue aínda forma parte de min e que non teño que vertelo “na terra”? (Deuteronomio 12:23, 24).

  • Que pasa se durante un procedemento médico se extrae parte do meu sangue, se trata e despois se reintroduce no meu corpo ou se aplica sobre el como tratamento? Molestaríame a miña conciencia educada pola Biblia ou permitiríame aceptar ese procedemento?

Volver á lección 39, punto 3

 4. Separación

A Palabra de Deus recoméndalles ós casados que non se separen e deixa claro que a separación non lles dá dereito a ningún dos dous a casar con outra persoa (1 Corintios 7:10, 11). Pero hai situacións nas que algúns cristiáns pensaron na posibilidade de separarse.

  • Negativa a manter a familia. O marido négase a cubrir as necesidades materiais da familia ata o punto de deixala sen as cousas básicas para a vida (1 Timoteo 5:8).

  • Maltrato físico moi grave. O maltrato pode chegar ó punto de poñer en perigo a saúde física ou a vida do cónxuxe (Gálatas 5:19-21).

  • Risco moi grave de perder a amizade con Xehová. O cristián non pode servir a Deus porque o seu home ou a súa muller llo fai imposible (Feitos 5:29).

Volver á lección 42, punto 3

 5. Festas e celebracións

Os cristiáns non participan en festas que lle desagradan a Xehová. Pero hai situacións nas que cada cristián debe decidir que facer baseándose na súa conciencia educada pola Biblia. Imos ver algúns exemplos.

  • Alguén che desexa felices festas. Poderías simplemente responder: “Graciñas”. Se a persoa quere saber máis, podes explicarlle por que non celebras esa festa.

  • O teu home ou a túa muller, que non é testemuña de Xehová, diche de ir comer coa familia durante unha festa. Se a túa conciencia che permite ir, deberías explicarlle antes á túa parella que non participarás en ningún costume pagán que poida incluír esa celebración.

  • O teu xefe dáche uns cartos extra durante unha festa coma o Nadal. Deberías rechazalos? Non necesariamente. Pensa o teu xefe que ese regalo é parte da celebración? Ou simplemente o ve como unha forma de darche as grazas polo teu bo traballo?

  • Alguén che dá un agasallo durante unha festa. Esa persoa podería dicirche: “Sei que non celebras esta festa, pero quero darche isto”. Quizais a persoa só quere ser amable. Pero, hai razóns para pensar que está poñendo a proba a túa fe ou intentando que participes nesa festa? Despois de pensar nisto, é decisión túa se aceptarás o regalo ou non. Ó tomar calquera decisión, queremos ter a conciencia limpa e ser leais a Xehová (Feitos 23:1).

Volver á lección 44, punto 1

 6. Enfermidades contaxiosas

Amamos as persoas e por iso temos moito coidado de non transmitirlle a ninguén ningunha enfermidade contaxiosa. Isto é así tanto se temos síntomas como se temos razóns para crer que poderiamos estar infectados. Facemos isto porque a Biblia di: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo” (Romanos 13:8-10).

Que implica obedecer este mandato? Unha persoa que está infectada debería evitar o contacto físico con outras persoas, o que inclúe dar a man, abrazos ou bicos. Tampouco debería reaccionar mal se alguén pensa que, para protexer á súa familia, non pode invitalo á súa casa. Antes de bautizarse, debería avisar da súa situación ó coordinador do corpo de anciáns para que se fagan os plans necesarios para protexer as outras persoas que se van bautizar. Ademais, antes de empezar unha relación de parella con alguén, unha persoa que puido estar exposta a unha enfermidade contaxiosa debería facerse voluntariamente unha análise de sangue. Facendo todo isto demostra que se preocupa polos demais e que obedece o mandato de “non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros” (Filipenses 2:4).

Volver á lección 56, punto 2

 7. Negocios e asuntos legais

Podemos evitar moitos problemas se poñemos por escrito tódolos acordos financeiros, incluso se son con outros irmáns (Xeremías 32:9-12). Mesmo entre os cristiáns pode haber ás veces pequenos problemas relacionados cos cartos ou con outros asuntos. Pero deberían ser capaces de solucionalos de maneira rápida, pacífica e en privado.

E como deberiamos resolver asuntos máis serios como o fraude ou a calumnia? (Le Mateo 18:15-17) Xesús dixo que debiamos seguir estes tres pasos:

  1. Intentade resolver o problema entre vós (ver o versículo 15).

  2. Se iso non funciona, pídelle a un ou dous cristiáns maduros que te acompañen (ver o versículo 16).

  3. Só se o problema segue sen resolverse despois de dar os pasos anteriores, deberías falar cos anciáns (ver o versículo 17).

Na maioría dos casos non deberiamos levar os nosos irmáns ante un tribunal, porque iso falaría mal de Xehová e da congregación (1 Corintios 6:1-8). Pero pode haber situacións nas que si podería ser necesario tomar medidas legais, como un divorcio, a custodia dos fillos, a pensión alimentaria, indemnizacións de seguros, declaracións de bancarrota ou testamentos. Un cristián que vai ós tribunais para resolver estes asuntos do xeito máis pacífico posible non vai en contra do consello da Biblia.

Se se trata dun delito grave, como unha violación, o abuso de menores, unha agresión física, un roubo de certa importancia ou un asasinato, un cristián que o denuncia ante as autoridades tampouco vai en contra do consello da Biblia.

Volver á lección 56, punto 3

a Dende o 455 a. n. e. ata o 1 a. n. e. van 454 anos. Dende o 1 a. n. e. ata o 1 n. e. vai un ano porque non existe o ano cero. E dende o 1 n. e. ata o 29 n. e. van 28 anos. Isto fai un total de 483 anos.