Ir ó contido

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Aceptan as testemuñas de Xehová fraccións sanguíneas?

As testemuñas de Xehová non aceptamos sangue. Cremos firmemente que a lei de Deus sobre o sangue non se pode cambiar para adaptala ós criterios que hai en cada momento. Non obstante, xorden novas cuestións. Na actualidade, o sangue pode dividirse en catro compoñentes principais, e estes á súa vez poden dividirse en compoñentes máis pequenos chamados fraccións. Á hora de decidir se imos aceptar ou non estas fraccións, os cristiáns non deberiamos pensar só nos posibles beneficios ou riscos médicos. Para nós o máis importante debería ser obedecer o que di a Biblia e o efecto que vai ter na nosa relación con Deus a decisión que tomemos.

O que di a Biblia sobre o sangue é claro. Analicemos algunhas ideas que nos poden axudar a tomar a nosa decisión.

Xa nos tempos de Noé, Xehová dixo que debiamos considerar o sangue como algo especial (Xénese 9:3, 4). Máis adiante, as leis que Deus lle deu ó pobo de Israel demostraban que o sangue é sagrado. Deus díxolles: “Enfrontareime con calquera individuo da familia de Israel ou estranxeiro residente no medio voso, que coman sangue”. Se un israelita rechazaba a lei de Deus, podía ser unha mala influencia para os demais. Por iso Deus engadiu que se alguén o facía, exterminaríao do seu pobo (Levítico 17:10). Tempo despois, nunha reunión celebrada en Xerusalén, os apóstolos e os anciáns decidiron que os cristiáns teñen que “absterse [...] do sangue”. Facer isto é igual de importante que absterse da inmoralidade sexual e da idolatría (Feitos 15:28, 29).

Que significaba “absterse” naquel tempo? Os cristiáns non comían nin bebían sangue, nin fresca nin coagulada. Tampouco comían carne de animais que non estivesen desangrados nin alimentos ós que se lle engadía sangue, como se fai coa morcilla. Consumir sangue dalgunha destas maneiras violaría a lei de Deus (1 Samuel 14:32, 33).

Antigamente, a maioría das persoas non cría que consumir sangue estivese mal. Sabémolo polo que escribiu Tertuliano, que viviu uns 200 anos despois de Cristo. El mencionou que en Roma había xente que selaba alianzas bebendo sangue. Tamén explicou que algunhas persoas bebían o sangue dos que morrían nos anfiteatros romanos porque pensaban que iso curaba a epilepsia.

Os cristiáns consideraban incorrectos aqueles costumes. Os romanos sabíano e por iso usaban alimentos que contiñan sangue para poñer a proba a integridade dos cristiáns verdadeiros. Tertuliano escribiu que, se os cristiáns non comían sangue de animais, non hai razón para pensar que bebesen sangue humano.

Hoxe en día, moitas persoas non cren que aceptar sangue por razóns médicas sexa desobedecer a Deus. Por suposto, as testemuñas de Xehová queremos vivir, pero ó mesmo tempo estamos decididas a obedecer a lei de Xehová sobre o uso do sangue. Entón, que implica para nós na actualidade obedecer esa lei?

Despois da Segunda Guerra Mundial os médicos empezaron a facer cada vez máis uso das transfusións de sangue. Xa naquel momento as testemuñas de Xehová comprendemos que ese procedemento ía en contra da lei de Deus, e así o seguimos crendo. Non obstante, a medicina foi cambiando co tempo. Na actualidade, a maioría das transfusións non son de sangue completo, senón dun dos seus compoñentes principais: 1) glóbulos vermellos, 2) glóbulos brancos, 3) plaquetas ou 4) plasma. Dependendo do estado do paciente, os médicos poderían prescribirlle só algún deses catro compoñentes principais. Iso permite que unha soa unidade de sangue sirva para varios pacientes. As testemuñas de Xehová cremos que aceptar sangue completo ou algún dos seus catro compoñentes principais vai en contra da lei de Deus. Manter esta postura baseada na Biblia protexeunos de moitos perigos, entre eles de enfermidades como a hepatite e a sida, que se poden transmitir a través do sangue.

Pero, como agora é posible obter tamén fraccións máis pequenas dos catro compoñentes principais, xorden algunhas preguntas: Como se usan esas fraccións? E, que pode axudar a un cristián a decidir se as vai aceptar ou non?

O sangue é complexo. Incluso o plasma —formado nun 90% por auga— transporta unha gran cantidade de hormonas, sales inorgánicas, enzimas e nutrientes, incluídos minerais e azucre. Tamén transporta proteínas, como a albumina, factores de coagulación e anticorpos para combater enfermidades. Os expertos illan e usan moitas das proteínas do plasma. Por exemplo, unha delas úsase para controlar o sangrado en persoas que padecen hemofilia, unha enfermidade que dificulta que as feridas curen. Para tratar algunhas enfermidades, os médicos tamén poden prescribir inxeccións de gammaglobulina extraída do plasma de persoas xa inmunizadas. Estes son só algúns exemplos do uso que lles poden dar os médicos ás fraccións procedentes do plasma. a

Do mesmo xeito, os outros tres compoñentes principais tamén poden procesarse para extraer deles fraccións máis pequenas. Por exemplo, dos glóbulos brancos pódense obter os interferóns e as interleucinas, que se utilizan no tratamento dalgunhas infeccións víricas e dalgúns tipos de cáncer. Por outro lado, estanse desenvolvendo novos medicamentos que tamén inclúen fraccións sanguíneas. Estes tratamentos non son transfusións de sangue completo nin de ningún dos seus catro compoñentes principais, pero implican o uso de partes ou fraccións destes. Poderían aceptar os cristiáns tratamentos médicos que inclúan estas fraccións? Non podemos dar unha resposta. A Biblia non fala deste tipo de tratamentos, polo que cada cristián debe tomar a súa propia decisión baseándose na súa conciencia.

Algúns rechazarán todo derivado sanguíneo, incluídas as fraccións que axudan a loitar contra algunhas enfermidades. Así é como entenden o mandato de Deus de “absterse [...] do sangue”. Razoan que a lei dada a Israel esixía que o sangue que saía dunha criatura debía ser vertido “na terra” (Deuteronomio 12:22-24). Que ten que ver este texto coas fraccións sanguíneas? Para preparar a gammaglobulina, os factores de coagulación elaborados a partir do sangue etc., hai que recoller e procesar sangue. Por iso algúns cristiáns rechazan estes produtos, igual que rechazan as transfusións de sangue completo ou dos seus catro compoñentes principais. E debemos respectar a súa decisión.

Outros cristiáns toman unha decisión distinta. Tamén rechazan as transfusións de sangue completo, glóbulos vermellos, glóbulos brancos, plaquetas ou plasma, pero permiten que os médicos os traten cunha fracción extraída dos compoñentes principais. E, mesmo neste caso, pode haber diferenzas. Poida que un cristián acepte unha inxección de gammaglobulina, pero non necesariamente dea o seu consentimento para recibir unha inxección que conteña un elemento extraído dos glóbulos vermellos ou brancos. Por que chegan algúns cristiáns á conclusión de que poden aceptar tratamentos que impliquen o uso de fraccións sanguíneas?

A sección “Preguntas de los lectores” de La Atalaya do 1 de xuño de 1990 indicou que algunhas proteínas do plasma, é dicir, algunhas fraccións, pasan do sangue da nai ó sistema sanguíneo independente do feto. Deste xeito, o feto recibe da nai inmunoglobulinas que lle dan unha valiosa inmunidade. Por outro lado, a medida que os glóbulos vermellos do feto acaban o seu ciclo vital, unha parte deles pasa á nai para que o seu corpo os elimine cos seus propios residuos. Algúns cristiáns poida que cheguen á conclusión de que, como algunhas fraccións sanguíneas pasan dunha persoa a outra nese medio natural, eles poden aceptar unha fracción de sangue obtido a partir do plasma sanguíneo ou dos glóbulos.

Posto que non tódolos cristiáns toman a mesma decisión sobre aceptar ou non fraccións sanguíneas, significa iso que é unha cuestión sen importancia? Non. É un asunto moi serio. Como vimos antes, as testemuñas de Xehová rechazan as transfusións tanto de sangue completo como dos seus compoñentes principais. A Biblia mándalles ós cristiáns “absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta” (Feitos 15:29). En cambio, cando se trata de fraccións dos compoñentes principais, cada cristián debe tomar a súa propia decisión en conformidade coa súa conciencia despois de meditar profundamente e orar.

Moitas persoas están dispostas a aceptar calquera tratamento que pareza ofrecer beneficios inmediatos, mesmo cando presente certos riscos, como é o caso dos produtos sanguíneos. Os cristiáns sinceros procuramos ter unha visión máis ampla e equilibrada, o que implica ter en conta outros factores á parte dos físicos. Para as testemuñas de Xehová é moi importante recibir asistencia médica de calidade. Por iso avaliamos os beneficios e os riscos de todo tratamento. Non obstante, cando este supón a administración de produtos derivados do sangue, temos moi presente o que pensa Deus, “a fonte da vida” (Salmo 36:10 [36:9, TNM]). Non queremos que a decisión que tomemos afecte negativamente a nosa relación persoal con el.

Para os cristiáns, é unha bendición ter a mesma confianza que tivo o salmista, quen escribiu: “O Señor é adarga e escudo, o Señor outorga gloria e favor. Non nega ben ningún ós que camiñan na inocencia. Señor dos exércitos, benia quen en ti confía” (Salmo 84:12, 13 [84:11, 12, TNM]).

[Nota]

a Algunhas compañías farmacéuticas elaboraron produtos sintéticos que non se obteñen a partir do sangue e que poden usarse en lugar das fraccións sanguíneas que se utilizaban no pasado.

[Recadro da páxina 31]

PREGUNTAS QUE LLE PODERÍAS FACER Ó MÉDICO

Se te van operar ou che van administrar un tratamento que puidese incluír o uso dun produto sanguíneo, pregunta:

Sabe todo o persoal médico implicado que son testemuña de Xehová e que dei instrucións de que non me administren transfusións de sangue baixo ningunha circunstancia, o que inclúe sangue completo, glóbulos vermellos, glóbulos brancos, plaquetas ou plasma sanguíneo?

Se pensas que o medicamento que che van administrar podería estar elaborado a partir de plasma sanguíneo, glóbulos vermellos, glóbulos brancos ou plaquetas, pregunta:

Elaborouse o medicamento a partir dun dos catro compoñentes principais do sangue? Se é así, podería explicarme a súa composición?

Que cantidade deste medicamento se me administraría e de que maneira?

Se a miña conciencia me permite aceptar esta fracción, que riscos habería?

Se a miña conciencia non me permite aceptar esta fracción, que outros tratamentos habería dispoñibles?

Canto tempo teño para analizar este asunto e informalo da miña decisión?