Ir ó contido

Ir ó índice

Ponte metas espirituais para darlle honra ó teu Creador

Ponte metas espirituais para darlle honra ó teu Creador

Ponte metas espirituais para darlle honra ó teu Creador

“CANDO non sabes a onde vas, ningún vento é favorable”. Estas palabras dun filósofo romano do primeiro século destacan que necesitamos metas para que a vida teña sentido.

A Biblia dá exemplos de persoas que tiñan metas. Durante uns 50 anos, Noé “construíu unha arca para salva-la súa familia”. O profeta Moisés “ollaba a recompensa” (Hebreos 11:7, 26). Xosué, o sucesor de Moisés, recibiu de Xehová a meta de conquistar Canaán (Deuteronomio 3:21, 22, 28; Xosué 12:7-24).

No primeiro século da nosa era, as metas do apóstolo Paulo estaban claramente influenciadas polas seguintes palabras de Xesús: “E as boas noticias do Reino predicaranse por toda a terra habitada” (Mateo 24:14). As palabras de Xesús, incluíndo a asignación de “levarlles o meu nome [o de Xesús] ás nacións”, fixeron que Paulo tivese un papel importante cando se formaron as congregacións desde Asia Menor a Europa (Feitos 9:15; Colosenses 1:23).

Ó longo dos anos, os servos de Xehová puxéronse metas espirituais e cumpríronas. Cantos de nós nos puxemos metas espirituais? Cales podemos alcanzar e que pasos podemos dar para facelo?

Os bos motivos son esenciais

Podemos poñernos metas en calquera aspecto da nosa vida. Pero as metas espirituais non coinciden coas ambicións deste mundo. Moitos póñense metas para conseguir cartos, unha boa posición social e poder. Está claro que isto é un error! As metas que lle dan gloria a Xehová están directamente relacionadas coa nosa adoración e co que temos que facer para apoiar o seu Reino (Mateo 6:33). Esas metas baséanse no amor as persoas e a Xehová e no desexo de honralo (Mateo 22:37-39; 1 Timoteo 4:7).

Os nosos motivos teñen que ser puros cando nos poñamos metas espirituais, como ter máis oportunidades de servir a Xehová ou madurar espiritualmente. Aínda así, é posible que non poidamos alcanzar algunha das nosas metas. Como podemos poñernos metas e que haxa máis posibilidades de conseguilas?

Temos que desexar moito alcanzalas

Imos ver como cumpriu Xehová o seu propósito para crear a Terra. Definiu períodos sucesivos da creación cando dixo: “E veu o serán e logo a mañá” (Xénese 1:5, 8, 13, 19, 23, 31, SBG). Ó principio de cada período creativo, sabía moi ben cal era a súa meta e conseguiu o seu propósito de crear cousas (Apocalipse 4:11). Xob dixo que Xehová “fai todo canto lle agrada”, é dicir, todo canto se propón (Xob 23:13). Seguro que Deus se sentiu moi contento ó ver “canto fixera” e ver que “era de verdade moi bo” (Xénese 1:31).

Se queremos que as nosas metas se fagan realidade é esencial que desexemos de verdade alcanzalas. Que nos axudará a aumentar ese desexo? Incluso cando a Terra non tiña forma e estaba baleira, Xehová podía ver como terminaría sendo: unha fermosa xoia no espazo, que lle daría gloria e honra. De forma parecida, o noso desexo por cumprir o que nos propoñemos crecerá se meditamos nos resultados e nos beneficios de alcanzar esa meta. Este foi o caso de Tony, de 19 anos. Sempre recordará a primeira visita á sucursal das Testemuñas de Xehová en Europa Occidental. Desde aquel día, preguntábase como sería vivir nun lugar así. Nunca deixou de pensar nesa posibilidade e seguiu esforzándose por conseguir esa meta. Imaxínate o feliz que estaba cando aprobaron uns anos máis tarde a súa solicitude para servir na sucursal.

Se pasamos tempo con outros que xa alcanzaron as súas metas pode crecer o noso desexo. A Jayson, quen ten 30 anos, non lle gustaba predicar cando era adolescente. Pero empezou a servir como pioneiro regular cando acabou o instituto. Que lle axudou a querer ser pioneiro? El conta: “Falar con outros pioneiros e pasar tempo con eles na predicación tivo un grande impacto en min”.

Poñer as metas por escrito pode axudar

Unha idea abstracta colle forma cando escollemos palabras para expresala. Salomón dixo que as palabras apropiadas poden ser tan fortes coma aguilladas (Eclesiastés 12:11). Cando esas palabras se poñen por escrito inflúen moito na nosa mente e corazón. Por que se non lles pediría Xehová ós rei de Israel facer copias persoais da Lei? (Deuteronomio 17:18, TNM) É posible que queiramos poñer por escrito as nosas metas xunto cos obstáculos e as maneiras para alcanzalas. Pode ser de axuda identificar o que temos que aprender, que habilidades necesitamos e que persoas nos poden axudar.

Geoffrey, quen é pioneiro especial desde hai anos nun territorio illado en Asia, conta que poñerse metas axúdalle a estar máis calmado. A súa muller morreu de maneira tráxica e inesperada. Pouco despois, decidiu manterse ocupado poñéndose metas. Despois de orar e de escribir os seus plans nun papel, púxose a meta de empezar tres cursos da Biblia antes de que acabase o mes. Revisaba cada día a súa actividade e comprobaba os seus progresos cada dez días. Conseguiu alcanzar a súa meta? Pois si. É máis, agora dirixe catro cursos da Biblia.

Ponte metas a curto prazo como marcadores

Hai metas que nun principio poden parecer inalcanzables. Para Tony, de quen falamos antes, servir nunha sucursal das testemuñas de Xehová parecía un soño. Isto era porque daquela non puxera orde na súa vida e non se dedicara a Deus. Pero seguiu a guía de Xehová e púxose a meta de bautizarse. Despois de conseguila, propúxose empezar a servir como pioneiro auxiliar e despois como pioneiro regular, marcando no calendario as datas para empezar. Cando xa levaba servindo como pioneiro por un tempo, servir na sucursal xa non parecía unha meta tan irrealista.

Nós tamén deberiamos dividir as nosas metas grandes en varias pequenas. Unha meta pequena pode facer de marcador no camiño para alcanzar unha meta máis grande. Medir o noso progreso regularmente con estes marcadores pode axudarnos a manternos centrados. Orar constantemente a Xehová sobre os nosos plans tamén será de moita axuda. Como dixo o apóstolo Paulo: “Orade constantemente” (1 Tesalonicenses 5:17).

Necesitamos determinación e persistencia

Aínda tendo o plan organizado e o desexo de cumprilo, é posible que non alcancemos algunha meta. Seguro que o discípulo Marcos sentiuse moi decepcionado cando lle pasou isto. O apóstolo Paulo non quixo que fora con el na súa segunda viaxe (Feitos 15:37-40). Marcos tivo que aprender a lección e axustar a súa meta para aumentar o seu servizo. Máis tarde, Paulo mencionouno cariñosamente e tamén desfrutou de estar con Pedro en Babilonia (2 Timoteo 4:11; 1 Pedro 5:13). Pode ser que o seu maior privilexio fora escribir un relato inspirado sobre a vida e a predicación de Xesús.

No camiño para alcanzar metas poderemos encontrarnos obstáculos. En vez de darnos por vencidos, debemos observar o noso progreso, ver se aínda é razoable alcanzar a meta e cambiala se é necesario. Cando aparezan obstáculos temos que seguir adiante con determinación e persistencia. O rei Salomón asegurounos que se deixamos todo nas mans de Xehová, os nosos proxectos sairán ben (Proverbios 16:3).

Tamén teremos contratempos cando queiramos alcanzar as nosas metas. Por exemplo, os problemas de saúde ou as obrigacións familiares poden facer que non consigamos cumprir cos nosos obxectivos. Pero temos que recordar sempre que o mellor tesouro é a vida eterna, tanto no ceo coma no Paraíso na terra (Lucas 23:43, TNM; Filipenses 3:13, 14). Como podemos conseguila? O apóstolo Xoán dixo: “Quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre” (1 Xoán 2:17). Aínda cando as nosas circunstancias non nos deixen alcanzar certa meta, sempre poderemos temer a Deus e obedecer os seus mandamentos (Eclesiastés 12:13, TNM). As metas espirituais axúdannos a manternos centrados en facer a vontade de Deus. Así que usémolas para darlle gloria ó noso Creador.

[Recadro]

Metas espirituais que poderías propoñerte

○ Ler a Biblia tódolos días

○ Ler cada artigo da Atalaia e Despertade!

○ Mellorar a calidade das oracións

○ Demostrar o froito do espírito

○ Dedicar máis tempo a predicar

○ Ser mellor mestre na predicación

○ Aprender a predicar, por exemplo, por teléfono, de maneira informal e nos negocios