Ir ó contido

Son Xesús e Deus a mesma persoa?

Son Xesús e Deus a mesma persoa?

MOITAS persoas consideran que a doutrina da Trindade, é dicir, a crenza de que o Pai, o Fillo e o espírito santo son tres persoas nun só Deus, é a “doutrina central da relixión cristiá”. Aínda así, o cardeal John O’Connor dixo que a Trindade “é un misterio moi profundo que endexamais poderemos entender”. Por que é tan difícil entendela?

Unha obra especializada di: “A doutrina trinitaria non se atopa como tal nas Escrituras” (Diccionario crítico de Teología, Ediciones Akal). Por iso, moitos dos que a defenden buscaron desesperadamente na Biblia versículos que apoien esta teoría, aínda que iso implique terxiversalos.

Apoia Xoán 1:1 a doutrina da Trindade?

Un dos textos que se adoita interpretar mal é Xoán 1:1, que di: “No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus [en grego, ton theón], e a Palabra era Deus [en grego, theós]”. Neste versículo aparecen dúas formas do substantivo grego para deus. A primeira (theón) vai precedida da palabra ton, unha forma do artigo definido grego, que equivale ó galego o. Isto dános a entender que se refire ó Deus todopoderoso. Pero a segunda forma (theós) non leva o artigo definido. Esqueceríanse de poñerllo? Ímolo ver.

Por que é tan difícil entender a doutrina da Trindade?

O primeiro que hai que ter en conta é que o Evanxeo de Xoán se escribiu en koiné (grego común) e que este idioma ten normas específicas sobre o emprego do artigo definido. O biblista Archibald Thomas Robertson explica que cando suxeito e predicado levan artigo, “ámbolos dous son definidos e considéranse idénticos, son o mesmo; e, polo tanto, son intercambiables”. Pon como exemplo Mateo 13:38 que di: “A leira [en grego, o agrós] é o mundo [en grego, o kosmos]”. Esta estrutura gramatical permítenos entender que aquí o mundo tamén é a leira.

Pero, que pasa se o suxeito ten artigo definido e o predicado non, como en Xoán 1:1? Falando precisamente deste texto, o especialista James Allen Hewett di: “Nesa construción, suxeito e predicado non son o mesmo, nin idénticos nin equivalentes nin nada semellante”.

Para exemplificalo, Hewett cita 1 Xoán 1:5, que di que “Deus é Luz”. En grego a palabra Deus aparece como o theós, é dicir, co artigo definido. Pero a palabra para luz (en grego, fos) non vai precedida de artigo ningún. Que implica isto? Hewett explica: “Sempre se pode dicir que Deus é luz, pero non que a luz é Deus”. Outros exemplos semellantes atópanse en Xoán 4:24, que di que “Deus é espírito”; e tamén en 1 Xoán 4:16 que di que “Deus é amor”. Nos dous textos, os suxeitos levan en grego o artigo definido, pero os termos “espírito” e “amor”, que aparecen no predicado, non. Isto implica que suxeito e predicado non son intercambiables. Polo tanto, estes versículos non poden significar “O espírito é Deus” nin “O amor é Deus”.

Entón, que é “a Palabra”?

Moitos helenistas e tradutores da Biblia concordan en que Xoán 1:1 non pretende explicar quen é “a Palabra”, senón como é. Un tradutor da Biblia chamado William Barclay dixo: “Como [o apóstolo Xoán] non empregou o artigo definido diante do substantivo theós, o substantivo tórnase unha descrición. [...] Aquí Xoán non está identificando a Palabra con Deus. Dito de maneira sinxela, non di que Xesús sexa Deus”. Do mesmo xeito, o especialista en temas relixiosos Jason David BeDuhn di: “En grego, se nunha oración como a de Xoán 1:1c non se lle pon o artigo á palabra theós, os lectores van entender que se refire a ‘un deus’. [...] A ausencia do artigo fai que entre theós e o theós haxa unha diferenza tan clara como entre ‘un deus’ e ‘Deus’”. E engade: “En Xoán 1:1, a Palabra non é o Deus todopoderoso, senón un deus, é dicir, un ser divino”. Na obra Juan. Texto y Comentario, de Juan Mateos (tradutor da Nueva Biblia Española) en colaboración con Juan Barreto, dise algo semellante sobre Xoán 1:1, 2: “Dos tres casos que aparece nestes [versículos] o termo ‘Deus’, a primeira e a terceira leva[n] artigo determinado (o Deus); a segunda, non o leva (un Deus, un ser divino)”. Na súa obra Análisis Gramatical del Griego del Nuevo Testamento, o erudito católico Max Zerwick di: “‘A Palabra era divina’, pred[icado] sen art[igo], insiste sobre a natureza da Palabra”. E a obra protestante Clave Lingüística del Nuevo Testamento Griego aporta a mesma explicación.

Xesús distinguiu con claridade entre el e o seu Pai

Entón, hai motivos para que a identidade de Deus sexa “un misterio moi profundo”? Xesús non o cría. Nunha das súas oracións distinguiu con claridade entre el e o seu Pai. Dixo: “E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo” (Xoán 17:3; cursiva nosa). Se cremos estas palabras de Xesús e entendemos os ensinos claros da Biblia, respectarémolo polo que é: o Fillo divino de Deus. E, á vez, adoraremos a Xehová como o “único Deus verdadeiro”.