Ir ó contido

Mantén o alcohol no seu sitio

Mantén o alcohol no seu sitio

Mantén o alcohol no seu sitio

TONY, que perdeu a vida hai uns anos nun accidente de moto por culpa do alcohol, puido desfrutar dunha vida moi diferente se admitise que tiña un problema coa bebida. Como era capaz de beber moito sen que se notase, pensaba que iso non era un problema. Pero estaba moi equivocado. Por que?

En primeiro lugar, porque o consumo excesivo de alcohol nubráballe o xuízo. Aínda que non se dese conta, o órgano que controlaba a súa condición física, mental e emocional, o seu cerebro, non funcionaba ben porque estaba sobrecargado de alcohol. Canto máis bebía, menos consciente era de que o alcohol lle estaba afectando.

En segundo lugar, porque tiña un desexo moi forte de continuar bebendo. Un home chamado Allen tamén negaba que tivese problemas co alcohol. El admite: “Intentaba ocultar canto bebía e sempre poñía escusas e quitáballe importancia ó meu problema co alcohol. O meu único obxectivo era continuar bebendo”. A pesar de que os demais podían ver claramente que Tony e Allen tiñan un problema coa bebida, os dous repetíanse continuamente que tiñan todo baixo control. Pero era ó revés, era o alcohol o que os controlaba a eles. Necesitaban facer algo. Que se pode facer nestes casos?

Actúa!

Moitas persoas que abusaban do alcohol conseguiron cambiar grazas a estas palabras de Xesús: “Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno” (Mateo 5:29).

Por suposto, Xesús non estaba animando a ninguén a amputarse ningún membro. O que quería dicir era que deberiamos cortar ou quitar da nosa vida as cousas que poidan danar a nosa amizade con Deus. Aínda que deixar o alcohol pode resultar moi doloroso, facelo vainos protexer de actitudes ou situacións que poden levarnos a converternos en alcohólicos. Así que, se xa che dixo alguén que está preocupado porque nota que estás bebendo moito, toma medidas para limitar o teu consumo de alcohol. a E se te dás conta de que non es capaz de controlar o que bebes, déixao por completo. Por moi difícil que che resulte, vai ser menos doloroso que arruinar a túa vida.

E se non es alcohólico pero tes o costume de beber moito? Que medidas podes tomar para manter o alcohol no seu sitio?

Onde encontrar axuda

1. Ten fe no poder que teñen as oracións frecuentes e sinceras. A Biblia dá o seguinte consello a tódolos que queren agradarlle a Xehová: “En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús” (Filipenses 4:6, 7). Pero, que poderías mencionar nas túas oracións para que Deus che dea paz?

Sé honesto, admite que tes un problema co alcohol e acepta que ninguén pode facer os cambios necesarios por ti. Se lle contas a Xehová o que pensas facer para superar este problema, el bendicirá os teus esforzos por encontrar alivio e evitar problemas máis graves. A Biblia di: “Quen esconde as súas faltas, non prosperará; quen as confesa e corrixe, encontrará piedade” (Proverbios 28:13). Xesús tamén dixo que lle podemos pedir a Xehová o seguinte: “Non nos sometas á tentación, mais líbranos do Malo” (Mateo 6:13). Pero, onde podes atopar resposta ás túas oracións e que podes facer para actuar de acordo con elas?

2. Obtén forzas da Palabra de Deus. En Hebreos 4:12 di: “A palabra de Deus é viva e dinámica [...]. Ela xulga os proxectos e os pensamentos”. A moitas persoas que antes bebían en exceso axudoulles ler tódolos días versículos da Biblia e meditar neles. Un escritor da Biblia dixo: “Benaventurado aquel que non se guía polo consello dos malvados, [...] senón que ten o seu contento na vontade do Señor e nela remoe día e noite [...] e todo o que fai acaba ben” (Salmo 1:1-3).

Allen recibiu as forzas que necesitaba para vencer o seu problema co alcohol ó estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. El dixo: “Estou convencido de que se non fose pola Biblia e polos principios bíblicos que me axudaron a deixar de beber, xa estaría morto”.

3. Aprende a controlarte. A Biblia menciona que antes de formar parte da congregación cristiá algúns foran borrachos. Pero despois foron lavados “no Espírito do noso Deus” (1 Corintios 6:9-11). Como foi posible? O espírito santo axudoulles a cultivar o autocontrol necesario para deixar as borracheiras e as festas descontroladas. A Biblia di: “Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito” (Efesios 5:18; Gálatas 5:21-23). Ademais, Xesucristo prometeu que “o Pai no ceo lles dará espírito santo ós que llo piden”. E tamén dixo: “Así que vos digo: seguide pedindo e darásevos” (Lucas 11:9, 13, TNM).

Para agradarlle a Xehová e cultivar autocontrol tes que ler e estudar a Biblia. Tamén tes que orarlle con frecuencia e de corazón. E se te sentes desanimado, recorda esta promesa de Deus: “O que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna. Non cansemos de face-lo ben, que, coma esmorecer non esmorezamos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita” (Gálatas 6:8, 9).

4. Escolle boas compañías. A Biblia di: “Vai onda os sabios: voltarás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir” (Proverbios 13:20). Fálalle ós teus amigos sobre a túa decisión de limitar o teu consumo de alcohol. E non te sorprendas se algún deles te critica ou te quere facer cambiar de opinión. A Palabra de Deus advirte que é probable que algúns dos teus amigos se estrañen e te insulten porque ven que xa non andas con eles nas “esmorgas, borracheiras e infames idolatrías” (1 Pedro 4:3, 4). Neses casos, é mellor que cortes a túa amizade con esas persoas.

5. Ponte límites claros. A Biblia di: “E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto” (Romanos 12:2). Para decidir que cantidade de alcohol vas consumir, pensa no que que di a Biblia, e non no que pensen os teus amigos ou no que faga o “mundo presente”. Se así o fas, Xehová estará moi contento contigo. Pero, como podes saber cales son os teus límites?

Calquera cantidade de alcohol que che impida pensar con claridade ou limite a túa capacidade de razoar, xa é demasiado. Así que, se decides beber, non sería sabio que te puxeses un límite tan alto que non estivese claro se estás sobrio ou borracho. Sé franco contigo mesmo á hora de valorar canto deberías beber. Pensa nunha cantidade concreta e segura que estea dentro dos límites da moderación e nunca pases por alto ese límite.

6. Aprende a dicir que non. A Biblia di: “Simplemente, cando digades ‘si’, que sexa si, e, cando digades ‘non’, que sexa non” (Mateo 5:37, TNM). Aprende a dicir que non cando alguén, aínda que teña boas intencións, che insista para que bebas. Iso si, recorda facelo de forma educada. Como di Colosenses 4:6: “Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada”.

7. Busca axuda. Pídelles axuda a amigos comprensivos que amen a Xehová. Eles van respectar a túa decisión de controlar a cantidade de alcohol que consumes. Como di a Biblia: “Mellor son dous ca un: tirarán bo proveito do traballo de entrambos. Se caen, un pode axudar ó outro” (Eclesiastés 4:9, 10; Santiago 5:14, 16). O Instituto Nacional sobre o Abuso do Alcohol e o Alcoholismo dos Estados Unidos aconsella: “Deixar a bebida pode ser difícil ás veces. Pídelles axuda a familiares ou amigos para poder alcanzar o teu obxectivo”.

8. Mantente firme. Santiago 1:22, 25 di: “Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas. En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación”.

Como podes vencer a adicción

É certo que non tódolos que abusan do alcohol acaban converténdose en alcohólicos. Pero é fácil que as persoas que beben demasiado ou con moita frecuencia se volvan dependentes do alcohol, tanto física como psicoloxicamente. E, para vencer esa adicción, poderían necesitar algo máis ca forza de vontade e axuda espiritual. Allen, mencionado antes, explica: “Cando estaba tratando de deixar o alcohol, tiña moita dor física por culpa da síndrome de abstinencia. Foi aí cando me dei conta de que, ademais da axuda espiritual que estaba recibindo, tamén necesitaba recibir tratamento médico”.

Moitos alcohólicos tamén chegaron a esa conclusión. Déronse conta de que necesitaban axuda médica para loitar contra a adicción ó alcohol. b Algúns tiveron que ser hospitalizados para soportar a síndrome de abstinencia. Outros necesitaron recibir tratamento para poder controlar a necesidade que senten de tomar alcohol ou para deixar de consumilo. O Fillo de Deus, que podía facer milagres, recoñeceu: “Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico” (Marcos 2:17).

Os beneficios de escoitar a Deus

Os bos consellos que están na Biblia veñen do Deus verdadeiro. El quere o mellor para nós, non só a curto prazo, senón para sempre. Allen, que leva vinte e catro anos sen consumir alcohol, emociónase ó recordar o pasado. El di con bágoas nos ollos: “Foi marabilloso ver que podía cambiar, e aprender que Xehová quería axudarme a reconducir a miña vida, que El me entende, que se preocupa por min e me axuda cando o necesito. É impresionante”.

Así que, se tes un problema co alcohol, non penses que non vas poder cambiar. Non te rendas. Allen e moitas outras persoas foron capaces de reducir o consumo de alcohol ou de deixalo por completo. Eles non se arrepinten dos esforzos que tiveron que facer. E ti tampouco o farás.

Sexa que decidas beber con moderación ou non volver tomar alcohol nunca máis, ten sempre presentes estas amorosas palabras de Xehová: “Oxalá tiveses feito caso dos meus preceptos: entón a túa prosperidade sería coma un río, e o teu triunfo coma as ondas do mar” (Isaías 48:18).

[Nota]

a Mira o recadro “ Estou perdendo o control?” na páxina 8.

b Existen numerosos centros, hospitais e programas de desintoxicación para alcohólicos. A Atalaia non recomenda ningún tratamento en particular. Cada quen debe pensar con coidado nas opcións que ten dispoñibles e tomar unha decisión persoal que estea en harmonía cos principios bíblicos.

[Recadro/​Imaxe]

 Estou perdendo o control?

Pregúntate:

Bebo máis alcohol ca antes?

Bebo con máis frecuencia ca antes?

As bebidas que tomo son cada vez máis fortes?

Bebo para calmar o estrés ou para esquecer os problemas?

Díxome algún amigo ou algún familiar que bebo demasiado?

Causoume o alcohol problemas na casa, no traballo ou estando de viaxe?

Cústame pasar unha semana sen beber alcohol?

Síntome incómodo cando outros non consumen alcohol?

Escóndolle ós demais a cantidade de alcohol que bebo?

Se respondes afirmativamente a unha ou máis destas preguntas, é posible que teñas que controlar a cantidade de alcohol que consumes.

[Recadro/​Imaxe]

Como tomar boas decisións sobre o alcohol

Antes de beber alcohol, pensa:

É sabio que beba alcohol ou debería evitalo?

Consello: Se sabes que che custa parar, mellor non bebas.

Canto vou beber?

Consello: Pon un límite antes de que o alcohol cho impida.

Cando vou beber?

Consello: Non o fagas antes de conducir, de realizar actividades que requiran estar alerta ou de participar en actividades relixiosas. Tampouco durante o embarazo ou se estás tomando certos medicamentos.

Onde vou beber?

Consello: Faino nun ambiente saudable. Non o fagas en segredo nin diante de persoas ás que lles moleste que outros beban.

Con quen vou beber?

Consello: Podes facelo cando esteas con amigos ou familiares responsables. Non o fagas diante de persoas que teñan problemas co alcohol.

[Recadro/​Imaxe]

A Biblia axudou a unha persoa que tiña problemas co alcohol

Supot, de Tailandia, era un bebedor empedernido. Ó principio só bebía pola noite, pero pouco a pouco empezou a facelo pola mañá e tamén ó mediodía. Moitas veces, só bebía polo feito de emborracharse. Entón, comezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. Cando aprendeu que a borracheira non é aceptable ós ollos de Deus, deixou a bebida. Pero non por moito tempo. Volveu recaer neste hábito e a súa familia quedou desolada.

Con todo, Supot aínda amaba a Xehová e quería adoralo como se merece. Os seus amigos continuaron axudándolle e animaron a súa familia a pasar máis tempo con el e a non dalo por perdido. Foi xusto nese momento cando a clara advertencia que se encontra en 1 Corintios 6:10 lle fixo ver a gravidade da situación. Alí di que os borrachos non herdarán o Reino de Deus. Entón, deuse conta de que tiña que facer todo o posible para solucionar o seu problema coa bebida.

Nesta ocasión, Supot estaba totalmente decidido a deixar o alcohol. Finalmente, grazas ó poder do espírito santo de Deus, á guía da súa Palabra e á axuda da súa familia e da congregación, reuniu as forzas que necesitaba para gañarlle a loita ó alcohol. A súa familia púxose moi contenta cando se bautizou como mostra da súa dedicación a Deus. Agora desfruta de ter unha amizade estreita con el, algo que sempre desexou, e usa o seu tempo para axudar a outros a achegarse máis a Xehová.