Ir ó contido

Ir ó índice

A quen orar?

A quen orar?

VAN tódalas oracións ó mesmo sitio, sen importar a quen llelas diriximos? Na actualidade moitas persoas pensan que é así. Os partidarios dos movementos interconfesionais e os que defenden que tódalas relixións son boas adoitan apoiar esta idea. Pero, é iso certo?

O certo é que a Palabra de Deus di que moitas oracións non se dirixen a quen se lle teñen que dirixir. Tempo atrás, cando se escribiu a Biblia, era habitual facerlles pregarias ós ídolos. Con todo, Deus advertiulle ó seu pobo en repetidas ocasións que non o fixese. O Salmo 115:4-6 di que os ídolos “teñen orellas e non oen”. É imposible ser máis claro. Que sentido ten orarlle a un deus que non te pode oír?

Para salientar esta idea, analicemos o impactante relato bíblico no que o fiel profeta Elías lles propuxo unha proba ós sacerdotes de Baal. Elías oraríalle ó seu Deus e eles oraríanlle a Baal, e aquel que respondese demostraría ser o Deus verdadeiro. Os profetas de Baal aceptaron o reto e empezaron os seus rogos. Durante horas clamaron intensamente, mais “nin había resposta nin quen lles fixese caso” (1 Reis 18:29). Pasoulle o mesmo a Elías?

Todo o contrario, xusto cando terminou de orar, Deus enviou lume do ceo para consumir a ofrenda do profeta. Cal foi a diferenza? A resposta atópase na oración de Elías, rexistrada en 1 Reis 18:36, 37. Nesta breve oración, dunhas trinta palabras no hebreo orixinal, chamou a Deus tres veces polo seu nome: Xehová.

Que tiña isto de especial? Baal, que significa literalmente “dono” ou “amo”, era o nome do deus dos cananeos que tiña moitas variantes locais. Pero o nome de Xehová é especial, pois só se lle aplica a el en todo o Universo. El mesmo dixo: “¡Eu, Iavé, este é o meu Nome! A miña gloria a outro non lla dou” (Isaías 42:8).

Pois ben, sería lóxico esperar que a oración que fixo Elías e as que fixeron os profetas de Baal chegasen ó mesmo sitio? Imposible. O culto a Baal incluía sacrificios humanos e ritos de prostitución idolátrica, que denigraban e pervertían as persoas. Pola contra, a adoración a Xehová era digna e non obrigaba o pobo a realizar ningún tipo de práctica degradante. É obvio que as oracións a Xehová non podían chegar a Baal. Sería como mandarlle unha carta a un amigo moi respectado e que lle chegase a alguén con outro nome e de moi mala reputación.

O desafío que Elías lles lanzou ós profetas de Baal demostrou que non tódalas oracións van ó mesmo sitio

Quen lle ora a Xehová, estalle a orar ó Creador, o Pai de todos os seres humanos. * O profeta Isaías dixo nunha oración: “Ti, Señor, e-lo noso Pai” (Isaías 63:16). Xesús referíase a el cando lles dixo ós seus seguidores: “Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus” (Xoán 20:17). Xehová é o Pai de Xesús. É o Deus a quen Xesús lle orou e a quen lle tiñan que orar os seus discípulos (Mateo 6:9).

Pero manda a Biblia orarlles a Xesús, a María, ós santos ou ós anxos? Non, só se lle debe orar a Xehová. Por que? Primeiro, porque a oración é unha forma de adoración e as Escrituras din que só se debe adorar a Xehová (Éxodo 20:5). E segundo, porque a Biblia di que é el quen escoita as oracións (Salmo 65:3 [65:2, TNM]). En efecto, aínda que delegou moitas das súas responsabilidades, hai unha que non cedeu a ninguén: escoitar as nosas oracións.

Así pois, para que Xehová escoite as túas oracións, tes que dirixirllas a el. A Biblia di: “Todo o que invoque o nome do Señor será salvo” (Feitos 2:21). Significa iso que escoita absolutamente tódalas oracións que se lle dirixen a el? Ou fai falta algo máis?

^ par.9 Algunhas tradicións relixiosas din que está mal pronunciar o nome de Deus, mesmo cando lle oramos. Pero este nome aparece unhas 7000 veces nos manuscritos bíblicos orixinais, a miúdo en oracións e salmos que fixeron servos fieis de Xehová.