Ir ó contido

Ir ó índice

Sobre que orar?

Sobre que orar?

DE TÓDALAS oracións cristiás, moitos consideran que a máis repetida é o nosopai, unha oración que ensinou Xesús. E, con todo, tamén é das menos comprendidas. Millóns de persoas repítena de corrido día tras día, mesmo varias veces ó día, sen pensar no que implica. Pero Xesús nunca quixo que se fixese así. Por que o sabemos?

Porque, xusto antes de ensinala, el mesmo dixo: “Cando vos poñades a rezar non sexades lareteiros [ou: “non usedes vas repeticións”, Reina-Valera, 1960]” (Mateo 6:7). E Xesús non se ía contradicir xusto despois ensinando unha oración que tivese que memorizarse e repetirse palabra por palabra, non cres? O que Xesús quería era ensinar cales debían ser os temas prioritarios ó orar. Así pois, analicemos en detalle ese modelo de oración que aparece en Mateo 6:9-13.

“Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome”

Para empezar, Xesús lémbralles ós seus discípulos que as oracións deben dirixirse unicamente ó seu Pai, Xehová. Pero por que di despois que o seu nome precisa ser santificado?

Porque, xa dende o principio da historia, o nome de Deus foi obxecto de calumnias. O seu inimigo, Satanás, dixo que Xehová é un mentireiro e un egoísta, e que non ten dereito a gobernar as súas criaturas (Xéneses 3:1-6). Os que se puxeron do seu lado ensinan que Deus é insensible, cruel e vingativo ou mesmo negan que crease tódalas cousas. Algúns ata quitaron o nome de Deus da Biblia e prohibiron usalo.

Con todo, as Escrituras prometen que Deus acabará con esa inxustiza (Ezequiel 39:7). E cando o faga, tamén se encargará de tódalas túas necesidades e problemas. Como o fará? Xesús explícao xusto despois.

“Veña o teu Reino”

Hoxe, os mestres relixiosos non se poñen de acordo sobre que é o Reino de Deus. Non pasaba o mesmo en tempos de Xesús. O pobo xudeu coñecía ben as antigas profecías que falaban dun Mesías, un Salvador escollido por Deus, que dirixiría un goberno que cambiaría o mundo (Isaías 9:5, 6 [9:6, 7, TNM]; Daniel 2:44). Ese goberno divino santificará o nome de Xehová sacando á luz as mentiras satánicas, derrotando o Demo e poñendo fin a tódalas súas obras. Entre outras cousas, acabará coa guerra, a enfermidade, a fame e mesmo coa morte (Salmo 46:10 [46:9, TNM]; 72:12-16; Isaías 25:8; 33:24). De modo que cada vez que lle pedimos a Deus que veña o seu Reino, estámoslle a pedir que se cumpran estas promesas.

“Fágase a túa vontade así na terra coma no ceo”

Estas palabras garanten que a vontade de Deus se cumprirá na Terra igual que xa se cumpre nos ceos, onde vive Deus. Alí, nada pode impedir que se faga a vontade de Deus. De feito, Xesús xa derrotou a Satanás e o seu exército no ceo e botounos á terra (Apocalipse 12:9-12). Esta terceira petición, igual que as anteriores, lémbranos a importancia de concentrarnos na vontade de Deus, e non na nosa. Ó fin e ó cabo, nada beneficia tanto toda a creación como que se faga a Súa vontade. Mesmo Xesús, malia ser perfecto, dixo: “Que non se faga a miña vontade, senón a túa” (Lucas 22:42).

“Dános hoxe o noso pan de cada día”

Xesús tamén indicou que algunhas das nosas peticións poden ser máis persoais. Como vemos, non hai nada de malo en orar para que Deus nos axude a satisfacer as nosas necesidades diarias. De feito, ó facelo, estamos a recoñecer que é Xehová quen “a todos dá vida e alento” (Feitos 17:25). A Biblia compárao a un pai cariñoso que desfruta de darlles ós seus fillos o que precisan. Pero, coma un bo Pai, nunca lles dará algo que poña en perigo o seu benestar, por moito que llo pidan.

“Perdoa as nosas débedas”

Que débeda temos con Xehová? E por que necesitamos que nola perdoe? Aínda que moitos neguen a súa existencia ou minimicen a súa gravidade, a Biblia explica que o pecado é a orixe dos nosos peores problemas, entre eles a morte. E como nacemos pecadores, cometemos erros que ofenden a Deus. Así pois, se queremos vivir eternamente, é imprescindible que Deus nos perdoe esta débeda (Romanos 3:23; 5:12; 6:23). Pero a Biblia tamén nos lembra que Xehová é bo e está disposto a perdoarnos (Salmo 86:5).

“Líbranos do Malo”

Os seres humanos necesitamos urxente e desesperadamente a protección divina. Quizais moitos se neguen a crer na existencia do “Malo”, é dicir, de Satanás. Non obstante, para Xesús era moi real; de feito, chamouno “o príncipe deste mundo” (Xoán 12:31; 16:11). Non contento con corromper e manexar ó seu antollo este mundo, o Demo tamén quere corrompernos a nós e así impedir que cultivemos unha estreita relación co noso Pai, Xehová (1 Pedro 5:8). Pero non temos razóns para terlle medo, pois Deus é moitísimo máis forte e desexa protexer a quen o ama.

Por suposto, hai moitos outros temas sobre os que podemos orarlle a Deus. En 1 Xoán 5:14 di: “estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” Noutras palabras, podemos contarlle a Deus tódalas nosas preocupacións, sabendo que nunca as considerará de pouca importancia (1 Pedro 5:7).

E que se pode dicir do momento e o lugar para orar? Di a Palabra de Deus algo sobre iso? Responderemos esta pregunta no seguinte artigo.