Ir ó contido

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

QUE impulsou a un punk antisocial a amar o próximo e a preocuparse polos demais? Que fixo que un mozo mexicano abandonase unha vida inmoral? Por que deixou o ciclismo un dos mellores ciclistas do Xapón para servir a Deus? Vexamos o que eles mesmos nos contan.

“Era maleducado, arrogante e agresivo” (DENNIS O’BEIRNE)

ANO DE NACEMENTO: 1958

PAÍS DE ORIXE: INGLATERRA

OUTROS DATOS: ERA UN PUNK ANTISOCIAL

O MEU PASADO: A miña familia paterna era irlandesa, así que me educaron como católico irlandés. Normalmente tiña que ir eu só á igrexa e, aínda que non me gustaba ir, interesábanme os asuntos espirituais. Rezaba o nosopai a miúdo. Recordo estar deitado na cama de noite, pensando no significado desa oración. Tiña o costume de pensar no que querían dicir cada unha das frases.

Cando era adolescente, involucreime no movemento rastafari e tamén me interesei en causas políticas, como a liga antinazi. Pero co que máis me cheguei a identificar foi co espírito rebelde do movemento punk. Consumía drogas case tódolos días, especialmente marihuana. A miña actitude demostraba que non me importaba nada. Emborrachábame, poñía a miña vida en perigo e non me preocupaba por ninguén. Ademais non era nada sociable. Case non falaba con ninguén, só o facía cando me parecía que a conversa podía ser interesante. Tampouco soportaba que me fixesen fotos. Pensando no pasado, doume conta de que era maleducado, arrogante e agresivo. Só era amable e xeneroso cos meus amigos.

Cando tiña uns 20 anos, comecei a interesarme na Biblia. Un amigo meu, que traficaba con drogas, empezara a ler a Biblia cando estaba no cárcere. Unha vez, tivemos unha longa conversa sobre a relixión, a igrexa e o papel de Satanás no mundo. Así que comprei unha Biblia e púxenme a estudala pola miña conta. O meu amigo mais eu tiñamos o costume de lela por separado e despois reunirnos para comentar o que aprenderamos e sacar conclusións. Así fixemos durante meses.

Estas son algunhas das conclusións que sacamos do que lemos: que vivimos nos últimos días deste mundo; que os cristiáns deben predicar as boas noticias do Reino de Deus; que os cristiáns non deben ser parte do mundo, o que inclúe a política; e que a Biblia ofrece unha sólida guía moral. Vimos claramente que a Biblia di a verdade e que ten que haber unha relixión verdadeira. Pero, cal? Puxémonos a pensar nas igrexas máis coñecidas. Pero ó reflexionar nas súas cerimonias pomposas e tamén no involucradas que están na política, démonos conta de que Xesús non tiña nada que ver con todo iso. Sabiamos que Deus non estaba apoiando esas relixións, así que decidimos analizar as menos coñecidas para ver o que tiñan que ofrecer.

Quedabamos con persoas que pertencían a estas relixións minoritarias e faciámoslles unha serie de preguntas. Como sabiamos o que di a Biblia ó respecto, rapidamente nos dabamos conta de se as súas respostas estaban de acordo co que di a Palabra de Deus. Despois daqueles encontros oráballe a Deus e dicíalle: “Se estas persoas representan a relixión verdadeira, por favor, fai que queira volver quedar con elas”. Fixemos isto durante meses, pero non conseguimos encontrar ningún grupo que nos dese respostas baseadas na Biblia e eu tampouco sentín o desexo de volver reunirme con ningún deles.

Por último, o meu amigo mais eu contactamos coas testemuñas de Xehová. Fixémoslles as mesmas preguntas que lles faciamos a todos, pero eles respondéronnolas coa Biblia. O que nos dixeron encaixaba perfectamente co que aprenderamos pola nosa conta. Entón aproveitamos para facerlles preguntas para as que aínda non atoparamos resposta na Biblia, como por exemplo, o punto de vista de Deus sobre o tabaco e as drogas. De novo, eles foron capaces de respondernos coa Biblia. Así que decidimos ir a unha das súas reunións no Salón do Reino.

Aquilo resultoume moi difícil porque era unha persoa moi pouco sociable. De feito, non me gustou nada que me viñesen saudar aquelas persoas tan amables e ben vestidas. Pensei que tiñan malas intencións, así que non quixen volver a ningunha das súas reunións. Pero, coma sempre, pedinlle a Deus que se de verdade eran a relixión verdadeira me dese o desexo de volver reunirme con elas. Despois daquela oración, sentín un enorme desexo de estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Sabía que tiña que deixar de consumir drogas, e fun capaz de deixalo rapidamente. O verdadeiro problema foi deixar o tabaco. Intenteino varias veces pero non o daba conseguido. Escoitei que outros simplemente tiraran os cigarros e non volveran fumar nunca máis, así que decidín orarlle a Xehová sobre o asunto. E grazas á súa axuda, por fin conseguín deixar de fumar. Iso ensinoume a importancia de orarlle a Xehová sinceramente e dende o corazón.

Outro cambio grande que tiven que facer tivo que ver coa miña forma de vestir e a miña aparencia. A primeira vez que fun ó Salón do Reino tiña o pelo de punta, cunha franxa azul eléctrico de diante cara atrás. Despois pinteino de laranxa brillante. Levaba pantalóns vaqueiros e unha chaqueta de coiro con slogans escritos. Eu non vía a necesidade de cambiar o meu aspecto, a pesar de que as testemuñas de Xehová me falaran da importancia deste asunto. Pero, finalmente, as palabras de 1 Xoán 2:15-17 fixéronme pensar. Alí di: “Non lle queirades ben ó mundo nin ó que hai nel. O amor do Pai non pode estar en quen lle queira ben ó mundo”. Deime conta de que a miña aparencia daba a entender que eu amaba o mundo. E se quería demostrar que amaba a Deus, tiña que cambiar. Así que iso fixen.

Co tempo, analizando as palabras de Hebreos 10:24, 25, tamén entendín que non eran só as testemuñas de Xehová as que querían que fose ás reunións, en realidade era Deus quen mo pedía. Así que comecei a asistir a tódalas reunións e a esforzarme por coñecer de verdade aquelas persoas. Despois decidín facer pública a miña dedicación a Xehová bautizándome.

OS BENEFICIOS: Conmoveume moito a forma na que Xehová nos permite ter unha amizade íntima con el. A súa compaixón e os seus coidados motiváronme a imitalo e a seguir o exemplo do seu fillo Xesucristo en tódolos aspectos da miña vida (1 Pedro 2:21). Aprendín que tratar de ter unha personalidade cristiá non significa que xa non poidas ter os teus propios gustos e preferencias. Tiven que esforzarme moito por ser unha persoa amigable e cariñosa, e agora intento imitar a Cristo na forma na que trato a miña muller e o meu fillo. Tamén me intereso moito polos meus irmáns na fe. Seguir os pasos de Cristo deume dignidade e autoestima, e ensinoume a amar o próximo.

“Tratáronme con dignidade” (GUADALUPE VILLARREAL)

ANO DE NACEMENTO: 1964

PAÍS DE ORIXE: MÉXICO

OUTROS DATOS: TIÑA UN ESTILO DE VIDA INMORAL

O MEU PASADO: Crieime cos meus seis irmáns en Hermosillo (Sonora, México). Era unha zona onde había moita pobreza. Meu pai morreu cando eu era moi pequeno, e miña nai tivo que traballar moi duro para manternos. Non tiñamos cartos para zapatos, así que tiña o costume de andar descalzo. Comecei a traballar dende moi pequeno para axudar cos gastos da casa. Como a maioría das familias, viviamos todos xuntos nunha casa moi pequena.

A maior parte do tempo, miña nai non estaba na casa e non podía coidar de nós. Cando tiña 6 anos, un rapaz de 15 abusou sexualmente de min. Estes abusos continuaron durante tempo. Como resultado, empecei a estar moi confundido coa miña sexualidade. Pensaba que era normal sentirse atraído por outros homes. Busquei a axuda de médicos e clérigos, pero todos me aseguraban que eu non tiña ningún problema e que os meus sentimentos eran normais.

Cando tiña 14 anos, decidín identificarme como unha persoa homosexual e empecei a vestirme e comportarme coma unha muller. Continuei así durante once anos e ata cheguei a vivir con varios homes. Tamén fixen un curso de peiteador e despois abrín un salón de beleza. Pero non era feliz. A miña vida estaba chea de sufrimento e traizón, e sentía que o que estaba facendo non estaba ben. Comecei a preguntarme se había xente boa e de fiar no mundo.

Pensei na miña irmá maior. Ela comezara a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová e despois bautizárase. Sempre me falaba do que aprendía, pero eu non prestaba atención. Aínda así, admirábaa pola vida que levaba e polo seu matrimonio. Podía ver canto se querían e se respectaban ela e o seu home, e que se trataban con amabilidade. Co tempo, comecei a estudar a Biblia cunha testemuña de Xehová. Ó principio, eu non mostraba moito entusiasmo pero, despois, as cousas cambiaron.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: As testemuñas de Xehová invitáronme a unha das súas reunións e aceptei ir. Foi unha experiencia completamente nova para min. Estaba acostumado a que as persoas fixesen burla de min, pero elas non fixeron iso. Ó contrario, saudáronme moi amablemente e tratáronme con dignidade. Iso impresionoume moito.

O bo concepto que tiña delas mellorou aínda máis cando asistín a un congreso. A pesar de que había moitas persoas, todas eran coma miña irmá, amables e sinceras. Pensei que ese debía ser o grupo de persoas boas e de fiar que levaba buscando tanto tempo. Quedei sorprendido polo amor e a unidade que demostraban, e por como respondían cada pregunta coa Biblia. Pero tamén me dei conta de que eran boas persoas porque se guiaban polo que di a Biblia e de que eu tiña que facer moitos cambios para unirme a elas.

De feito, tiña que cambiar a miña vida por completo, xa que estaba vivindo coma se fose unha muller. Así que cambiei a miña forma de falar, os meus xestos, a forma de moverme, a miña roupa, o peiteado e os amigos. As miñas anteriores amizades empezaron a burlarse de min e dicíanme: “Por que o fas? Estabas ben como estabas. Non estudes a Biblia. Xa tes todo o que necesitas”. Pero o cambio máis difícil foi deixar o meu estilo de vida inmoral.

Non obstante, sabía que era posible facer cambios tan grandes coma ese. As palabras rexistradas en 1 Corintios 6:9-11 (TNM) chegáranme ó corazón. Alí di: “Ou é que non sabedes que os inxustos non herdarán o Reino de Deus? Non vos enganedes. As persoas que son sexualmente inmorais, os idólatras, os adúlteros, os homes que se someten a actos homosexuais, os homes que practican a homosexualidade [...] non herdarán o Reino de Deus. E, con todo, algúns de vós erades iso. Pero fostes lavados, fostes santificados”. Xehová axudara ás persoas daquel tempo a cambiar, e a min tamén me axudou. Levoume varios anos e tiven que esforzarme moito, pero os bos consellos e o amor que recibín das testemuñas de Xehová axudáronme moito.

OS BENEFICIOS: Na actualidade levo unha vida cristiá. Estou casado e a miña muller mais eu ensinámoslle ó noso fillo a vivir de acordo cos principios bíblicos. Xa non queda nada do meu estilo de vida anterior. Agora teño unha boa relación co meu Deus, Xehová, e desfruto servíndoo. Son ancián de congregación e puiden axudar a outros a aprender as verdades da Biblia. Os cambios que realicei na miña vida fixeron tan feliz a miña nai que aceptou un curso bíblico e hoxe é unha cristiá bautizada. Ademais, unha irmá miña deixou o estilo de vida inmoral que levaba e tamén se bautizou como testemuña de Xehová.

Incluso algunhas das persoas que apoiaban o meu estilo de vida anterior, agora recoñecen que cambiei para mellor. Son moi consciente de quen me axudou a facer todos estes cambios. No pasado, busquei axuda profesional e só recibín malos consellos. Pero Xehová axudoume de verdade. Aínda que eu me sentía indigno, el fixouse en min e tratoume con amor e paciencia. O feito de que un Deus tan marabilloso, intelixente e amoroso se interesase en min e quixese que tivese unha vida mellor foi o que meu deu as forzas para cambiar.

“Sentíame insatisfeito, só e baleiro” (KAZUHIRO KUNIMOCHI)

ANO DE NACEMENTO: 1951

PAÍS DE ORIXE: O XAPÓN

OUTROS DATOS: ERA UN CICLISTA MOI COMPETITIVO

O MEU PASADO: Crieime nunha tranquila cidade portuaria na prefectura de Shizuoka, no Xapón. Eramos oito na familia e viviamos todos xuntos nunha casiña pequena. Cando eu era neno, meu pai tiña unha tenda de bicicletas e levábame con el ás carreiras. Iso fixo que me interesase no ciclismo. Entón, meu pai comezou a facer plans para que me convertese en ciclista profesional. Empezou a adestrarme cando eu aínda estaba na escola. No instituto gañei tres títulos consecutivos nos torneos nacionais que se celebran cada ano. Recibín unha oferta dunha universidade, pero decidín ingresar directamente na escola de ciclismo. Ós 19 anos, convertinme en ciclista profesional.

Naquela época, a miña meta na vida era converterme no mellor ciclista do Xapón. Quería gañar moitos cartos para que a miña familia puidese ter seguridade e estabilidade. Dábao todo nos adestramentos. E cando sentía que eran demasiado duros, ou cando estaba nunha parte moi difícil dunha carreira, repetíame a min mesmo que nacera para ser ciclista e que tiña que seguir adiante como fose! E iso fixen. Todo aquel esforzo comezou a dar bos resultados. No meu primeiro ano, gañei o primeiro premio. No meu segundo ano, reunín os requisitos para entrar na carreira que determina quen é o mellor ciclista do Xapón. Quedei segundo nesa competición por seis veces.

Como me mantiña entre os primeiros no ranking dos mellores ciclistas, era coñecido como “as pernas fortes de Tokai”, unha rexión do Xapón. Eu era moi competitivo. Co tempo, volvinme tan pouco considerado nas competicións que os outros ciclistas me tiñan medo. O meu salario aumentou, así que podía comprar todo o que quixese. Merquei unha casa que tiña unha sala de adestramento equipada coas mellores máquinas. Tamén comprei un coche importado que custaba case tanto coma unha casa. Por seguridade, comecei a investir en bens raíces e na bolsa.

Aínda así, sentíame insatisfeito, só e baleiro. Naquel tempo estaba casado e tiña tres fillos, pero non era moi paciente coa miña familia. Moitas veces perdía os estribos coa miña muller e cos meus fillos por cousas sen importancia, así que se acostumaron a estudar as miñas expresións faciais para ver se eu estaba de mal humor ou non.

Co tempo, a miña muller empezou un curso bíblico coas testemuñas de Xehová, e iso cambiou moito as cousas. Ela díxome que quería asistir ás reunións das testemuñas de Xehová, así que pensei que poderiamos ir todos en familia. Aínda recordo a noite na que un dos anciáns veu á nosa casa e comecei un curso da Biblia. O que aprendín impactoume moito.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Nunca me esquecerei da impresión que me causaron as palabras de Efesios 5:5 . Alí di: “Quen se dea á prostitución, á inmoralidade ou á cobiza (que é unha idolatría) non herdará o Reino de Cristo e de Deus”. Entón, deime conta de que o ciclismo estaba moi relacionado co mundo das apostas e que promovía a cobiza. A miña conciencia comezou a molestarme. Sentín que, se quería que Xehová estivese contento comigo, tiña que deixar as carreiras. Pero tomar esa decisión foi moi duro para min.

Acababa de rematar a miña mellor temporada, pero aínda quería máis. Por outro lado, estudar a Biblia dábame paz e calma, nada que ver co espírito competitivo que se necesitaba para gañar as carreiras! Só competín tres veces máis despois de empezar a estudar a Biblia, pero o ciclismo seguía ocupando un lugar no meu corazón. Tamén me sentía perdido, pensando en como ía manter a miña familia. Quedei trabado, non sabía que dirección tomar. E os meus parentes aínda me poñían as cousas máis difíciles para que non seguise coas miñas novas crenzas. Meu pai estaba moi decepcionado. E eu sentíame divido. Tiña tanto estrés que me acabou saíndo unha úlcera.

O que me axudou a superar esa situación tan complicada foi continuar estudando a Biblia e asistindo ás reunións. A miña fe foise facendo cada vez máis forte. Pedíalle a Xehová que escoitase as miñas oracións e que me axudase a ver a súa resposta. O meu estrés diminuíu aínda máis cando a miña muller me dixo que non necesitaba vivir nunha gran casa para ser feliz. Pouco a pouco, a miña situación foi mellorando.

OS BENEFICIOS: Aprendín que as palabras de Xesús rexistradas en Mateo 6:33 son totalmente certas. El dixo: “Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis”. Nunca nos faltou ningunha de “todas esas cousas” das que falaba Xesús, as necesidades básicas da vida. Agora gaño 30 veces menos do que gañaba como ciclista, pero, nestes últimos 20 anos, nunca me faltou o necesario, nin a min, nin á miña familia.

Mellor aínda, cando paso tempo en actividades espirituais cos meus compañeiros de crenza, síntome máis feliz e satisfeito ca nunca. Pásanme os días voando. A miña vida familiar tamén mellorou moito. Os meus fillos e as súas mulleres convertéronse en servos fieis de Xehová.