Ir ó contido

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

POR QUE renunciou á adoración de ídolos unha muller de máis de 60 anos? Que fixo que un sacerdote xintoísta deixase o santuario e se convertese nun ministro cristián? Como conseguiu vencer os seus sentimentos de abandono unha muller dada en adopción ó nacer? Deixemos que eles mesmos respondan.

“Xa non son escrava dos ídolos” (ABA DANSOU)

ANO DE NACEMENTO: 1938

PAÍS DE ORIXE: BENÍN

OUTROS DATOS: ADORADORA DE ÍDOLOS

O MEU PASADO. Crieime na aldea de So-Tchahoué que está nunha área pantanosa, preto dun lago. Como non hai estradas, a xente trasládase dun lado a outro en barcos e canoas. Vive da pesca e da cría de vacas, cabras, ovellas, porcos e aves, e constrúe as casas con madeira, palla e, ás veces, con ladrillos. Aínda que a maioría é moi pobre, non hai tanta criminalidade coma nas cidades.

Sendo eu aínda unha nena, meu pai enviounos a miña irmá e a min a un convento onde nos iniciaron na relixión fetichista tradicional. Co tempo convertinme nunha devota de Dudua (ou Oduduwa), un deus do pobo yoruba. Fíxenlle un pequeno santuario e empecei a ofrecerlle sacrificios regularmente: aceite de palma, iñames, caracois, pitos, pombas e outros animais. Estes sacrificios eran caros e moitas veces gastaba case tódolos cartos que tiña en compralos.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA. Cando empecei a estudar a Biblia, aprendín que só existe un Deus verdadeiro, Xehová, e que el non aproba a adoración de ídolos (Éxodo 20:4, 5; 1 Corintios 10:14). Deseguida me dei conta do que tiña que facer. Tirei coas imaxes e con todo o relacionado coa adoración a ídolos. Tamén deixei de consultar adiviños e de participar nos ritos tribais e funerarios.

Con máis de 60 anos non me foi fácil facer estes cambios. Ademais, os meus amigos, parentes e veciños opuxéronse moito e burláronse de min. Pedinlle a Xehová que me dese forzas para facer o que estaba ben. Animáronme moito as palabras de Proverbios 18:10, onde di: “O nome do Señor é forte torreón: acóllese nel o xusto, e acouga seguro”.

Tamén me axudou ir ás reunións das testemuñas de Xehová, onde vin por min mesma o amor cristián en acción. Impresionoume que se esforzasen por obedecer as elevadas normas morais da Biblia. Quedei convencida de que as testemuñas de Xehová son a relixión verdadeira.

OS BENEFICIOS. Poñer en práctica os principios bíblicos serviume para mellorar a relación cos meus fillos. Ademais, sinto coma se me quitasen un gran peso de enriba. Antes gastaba todo o que tiña en ídolos sen vida que nunca fixeron nada por min. Agora sirvo a Xehová, quen acabará para sempre con tódolos problemas (Apocalipse 21:3, 4). Xa non son escrava dos ídolos, senón que adoro a Xehová con todo o meu corazón. Con El síntome segura, protexida e feliz.

“Levaba buscando a Deus dende neno” (SHINJI SATO)

ANO DE NACEMENTO: 1951

PAÍS DE ORIXE: O XAPÓN

OUTROS DATOS: FOI SACERDOTE XINTOÍSTA

O MEU PASADO. Medrei nunha zona rural da prefectura de Fukuoka. Os meus pais eran moi devotos, polo que me ensinaron a venerar os deuses xintoístas dende moi pequeno. Xa de rapaz pensaba con frecuencia na miña salvación e no moito que quería axudar a quen tiña problemas. Lembro a vez que un mestre nos preguntou a tódolos nenos que queriamos ser de maiores. Os meus compañeiros tiñan obxectivos moi definidos como ser científico, pero eu dixen que soñaba con servir a Deus. Todos fixeron riso de min.

Ó terminar a secundaria, matriculeime nunha escola para ser mestre de relixión. Alí coñecín un sacerdote xintoísta que no seu tempo libre lía un libro de cor negra. Eu xa me fixara na portada, así que cando me preguntou se sabía que libro estaba a ler, contesteille: “A Biblia”. Entón díxome: “Tódolos que queiran ser sacerdotes xintoístas deberían ler este libro”.

De inmediato fun comprar unha Biblia e púxena no lugar máis visible do meu estante. Con todo, estaba tan ocupado estudando outras cousas que non atopaba tempo para lela. Por fin chegou o día en que me graduei e empecei a exercer de sacerdote xintoísta nun santuario. O meu soño fixérase realidade!

Pero pronto me dei conta de que aquilo non era o que eu imaxinaba. A maioría dos sacerdotes non se preocupaban pola xente. Moitos nin sequera tiñan fe. Un dos meus superiores chegou a dicirme: “Se queres que che vaia ben aquí, debes falar só de cuestións filosóficas. Falar da fe está prohibido”.

Todo iso decepcionoume moito. Aínda que non deixei o santuario, púxenme a examinar outras relixións. Pero canto máis buscaba, máis me desanimaba. Parecía que ningunha relixión ensinaba a verdade.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA. En 1988 coñecín a un budista que me animou a ler a Biblia. Entón lembreime do sacerdote xintoísta que anos atrás me aconsellara o mesmo. Así que decidín seguir o consello e lela. Quedei fascinado. Ás veces pasaba toda a noite lendo nela, ata que se facía de día.

O que lin impulsoume a orarlle ó Deus da Biblia. Empecei coa oración modelo que aparece en Mateo 6:9-13. Repetía esta oración cada dúas horas, mesmo mentres cumpría cos meus labores no santuario.

Tiña moitas preguntas sobre o que lía. Por aquel entón xa estaba casado e sabía que as testemuñas de Xehová daban clases da Biblia, pois tempo atrás visitaran á miña muller. Púxenme en contacto cunha testemuña e fíxenlle moitísimas preguntas. O que máis me impresionou foi que as contestase todas coa Biblia. Logo, ela encargouse de que un compañeiro seu me dese clases.

Pouco tempo despois empecei a asistir ás súas reunións no Salón do Reino. Aínda que ó principio non me dera conta, entre os presentes había testemuñas de Xehová ás que eu tratara mal. Aínda así, saudáronme cordialmente e fixeron que me sentise benvido.

Nesas reunións aprendín que Deus quere que os maridos amen e honren a súa familia. Ata entón estivera tan enfocado no meu labor de sacerdote que descoidara a miña muller e os meus dous fillos. Deime conta de que, aínda que escoitaba con atención a xente que viña ó santuario, nunca escoitara a miña muller nin unha soa vez.

Canto máis aprendía, máis preto me sentía de Xehová. Moitos versículos chegáronme ó corazón, como Romanos 10:13, que di: “Todo o que invoque o nome do Señor será salvo”. Levaba buscando a Deus desde neno, e por fin o atopara.

Xa non me sentía cómodo traballando no santuario. Ó principio preocupábame o que puidesen pensar outros se abandonaba o xintoísmo, pero sempre me dicía que o deixaría se atopaba o Deus verdadeiro noutro sitio. Por iso, na primavera de 1989, decidín seguir a miña conciencia. Deixei o santuario e púxenme nas mans de Xehová.

Aquela decisión non foi nada fácil. Os meus superiores criticáronme e insistíronme moito para que me quedase. Aínda así, o que máis me custou foi dicírllelo ós meus pais. De camiño á súa casa, sentía que a ansiedade me oprimía o peito, e as pernas tremíanme. Tiven que determe varias veces para orarlle a Xehová e pedirlle axuda.

Cando cheguei á casa dos meus pais, non me atrevín a sacar o tema. Pasaron varias horas ata que ó final, despois de moito orar, puiden dicirllo ó meu pai. Expliqueille que atopara o Deus verdadeiro noutra relixión e que, a fin de servilo, renunciaría ó xintoísmo. El quedou sen palabras e púxose moi triste. Algúns parentes mesmo viñeron á casa para facerme cambiar de idea. Non quería facerlle dano á miña familia, pero tampouco non quería deixar de facer o correcto: servir a Xehová. Co tempo, a miña familia chegou a respectarme pola miña decisión.

Claro, non bastaba con abandonar o santuario; tiña que cambiar a miña forma de pensar. A vida sacerdotal deixara unha profunda pegada en min. E aínda que intentaba esquecela, todo ó meu arredor ma lembraba.

Que me axudou a superar ese obstáculo? Dúas cousas. A primeira foi xuntar e queimar todo o que había na miña casa relacionado co xintoísmo. Queimei libros, cadros e mesmo obxectos moi caros. A segunda gran axuda foi pasar o maior tempo posible coas testemuñas de Xehová. A súa amizade e apoio conseguiron que, ós poucos, esquecese os meus anteriores hábitos.

OS BENEFICIOS. Antes tiña descoidados a miña muller e os meus fillos, o que facía que se sentisen moi sós. Pero cando seguín o consello bíblico de pasar tempo con eles, chegamos a estar máis unidos. Posteriormente, a miña muller decidiu servir a Xehová comigo. Hoxe, toda a familia —nolos dous, o noso fillo, a nosa filla e o seu home— adoramos xuntos ó Deus verdadeiro.

Cando penso na miña infancia e no meu soño de servir a Deus e axudar a outros, doume conta de que logrei iso e moito máis. Fáltanme palabras para expresar a miña gratitude a Xehová.

“No fondo sabía que me faltaba algo” (LYNETTE HOUGHTING)

ANO DE NACEMENTO: 1958

PAÍS DE ORIXE: SURÁFRICA

OUTROS DATOS: SENTIMENTOS DE ABANDONO

O MEU PASADO. Nacín nunha pequena cidade mineira de clase media chamada Germiston, onde non había moita delincuencia. Crendo que non poderían coidarme ben, os meus pais déronme en adopción catorce días despois de nacer. Crecín pensando que a cariñosa parella que me adoptara eran os meus verdadeiros pais. Pero cando souben que non era así, asaltáronme sentimentos de abandono. Parecíame que xa nada me unía a eles e que non podían entenderme.

Ós 16 anos empecei a frecuentar os bares cos meus amigos para bailar e escoitar música en vivo. Con 17 xa fumaba. Quería parecerme ás esqueléticas modelos que aparecían nos anuncios de tabaco. E ó cumprir 19 mudeime a Xohanesburgo por cuestións de traballo. En pouco tempo xa andaba coa xente equivocada dicindo groserías, fumando e bebendo sen parar tódalas fins de semana.

Con todo, facía moito exercicio. Practicaba ximnasia aerobia, squash e fútbol. Tamén me entreguei á miña carreira ata o punto de gañarme unha boa reputación na industria informática. Vivía ben e sen apuros económicos, polo que moitos me consideraban unha triunfadora. Pero a realidade era moi diferente: sentíame perdida e desilusionada coa vida. Era todo menos feliz. No fondo sabía que me faltaba algo.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA. Cando empecei a recibir clases da Biblia, aprendín que Xehová é un Deus de amor e que nos demostrou o seu agarimo regalándonos a súa Palabra. A Biblia é como unha carta que nos escribiu para guiarnos na vida (Isaías 48:17, 18). Comprendín que se quería aproveitar esa guía, tería que facer grandes cambios.

Para empezar, tiven que cambiar de amigos. Proverbios 13:20 di: “Vai onda os sabios: voltarás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir”. Tomeime en serio ese consello e, tras deixar as miñas anteriores amizades, empecei a facer amigos entre as testemuñas de Xehová.

Con todo, o meu maior reto foi deixar de fumar. Na loita por superar a miña adicción, engordei uns 14 quilos. Aquilo foi un golpe moi duro para a miña autoestima, e tardei case dez anos en perder os quilos que tiña de máis. A pesar de todo, sabía que debía librarme dese vicio. Oraba constantemente a Xehová, e el deume as forzas para conseguilo.

OS BENEFICIOS. Ante todo, a miña saúde mellorou. Ademais, conténtome co que teño. Xa non persigo a felicidade que supostamente aseguran un bo traballo, unha boa posición social e os cartos. Xunto co meu home, son feliz ensinando as verdades da Biblia ós demais, e axudei a tres das miñas antigas compañeiras de traballo a servir o Deus verdadeiro. Por outra banda, antes de que morresen os meus pais adoptivos, puiden falarlles da promesa divina dunha resurrección aquí na Terra convertida nun paraíso.

Grazas á miña estreita relación con Deus, vencín os sentimentos de abandono. Agora síntome parte da familia mundial de testemuñas de Xehová, na que teño nais, pais, irmáns e irmás (Marcos 10:29, 30).

[Imaxe]

Entre as testemuñas de Xehová vin o amor cristián en acción

[Imaxe]

Santuario onde practicaba o xintoísmo