Ir ó contido

Deberías pagar impostos?

Deberías pagar impostos?

Deberías pagar impostos?

A POUCA xente lle gusta pagar impostos. Moitos cren que eses cartos se malgastan debido á mala administración, á malversación ou ó fraude. Outros opóñense a pagalos por razóns morais. Este é o caso dalgúns habitantes dunha cidade de Oriente Medio. Eles din: “Non imos darlle cartos ó goberno para que compren as balas que matan os nosos fillos”.

Moita xente pensa igual. O defunto líder hindú Mohandas K. Gandhi expresou que a súa conciencia non lle permitía pagar impostos. El dixo: “Toda persoa que apoia de forma directa ou indirecta un estado organizado militarmente participa no pecado. Tódolos homes, novos ou maiores, son cómplices do pecado cando contribúen ó mantemento do Estado pagando impostos”.

O filósofo do século XIX Henry David Thoreau tamén se negou a pagar impostos que financiasen as guerras. El preguntou: “Debe o cidadán someter a súa conciencia ó lexislador por un só instante, aínda que sexa na mínima medida? Entón, para que ten cada home a súa conciencia?”.

O asunto dos impostos é un tema importante para os cristiáns porque a Biblia ensina claramente que deben manter unha conciencia limpa en todo (2 Timoteo 1:3). Por outro lado, a Biblia recoñece que os gobernos teñen autoridade para recadar impostos. O apóstolo Paulo escribiu: “Sométase toda persoa ás autoridades constituídas. Pois non hai autoridade senón por disposición de Deus; e as que existen, instituíunas Deus. Así, cómpre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. Por iso mesmo pagáde-los tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio. Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso” (Romanos 13:1, 5-7).

Por este motivo, os cristiáns do primeiro século eran coñecidos por pagar os seus impostos con prontitude, aínda que moitos deses cartos se destinasen a apoiar o exército. Ese tamén é o caso das testemuñas de Xehová de tempos modernos. a Como se explica esta aparente contradición? Debe un cristián ignorar a súa conciencia con respecto ó pago de impostos?

Os impostos e a conciencia

É interesante que parte dos impostos que tiñan que pagar os cristiáns do primeiro século se dedicaba a gastos militares. Este uso dos cartos recadados é o que, máis tarde, motivou a Ghandi e a Thoreau a negarse a pagar impostos.

Fíxate en que os cristiáns obedecían o mandato do capítulo 13 de Romanos, non só para evitar o castigo, senón tamén “por deber de conciencia” (Romanos 13:5). Polo tanto, aínda que un cristián non estea de acordo en como se usan os cartos dos seus impostos, continúa pagándoos para ter unha boa conciencia. Para entender esta aparente contradición, temos que recoñecer un feito importante sobre a conciencia, a voz interior que nos indica se o que facemos é correcto ou non.

Tódalas persoas temos esa voz interior, como mencionou Thoreau. Pero isto non implica que sexa sempre fiable. Para agradarlle a Deus, a nosa conciencia ten que estar en harmonía coas súas normas morais. Con frecuencia, é necesario axustar o noso modo de pensar para que estea de acordo co de Deus, xa que os seus pensamentos son superiores ós nosos (Salmo 19:8 [19:7, TNM]). Polo tanto, temos que facer un esforzo para comprender o seu punto de vista sobre os gobernos humanos. Vexamos cal é.

O apóstolo Paulo dixo que os gobernos son “funcionarios de Deus” (Romanos 13:6). Que significa isto? Basicamente, quere dicir que manteñen a orde e prestan valiosos servizos á sociedade. Ata os gobernos máis corruptos adoitan proporcionar servizo de correos e bombeiros, educación pública e forzas de seguridade. E, aínda que Deus coñece moi ben as deficiencias destas autoridades humanas, permite que existan e pídenos que as respectemos e que paguemos os nosos impostos.

Non obstante, Deus non lles permitirá gobernar sobre a humanidade por moito tempo. A súa vontade é substituír tódolos gobernos humanos polo Seu Reino celestial e curar todo o sufrimento que estes causaron ás persoas ó longo da historia (Daniel 2:44; Mateo 6:10). Pero, mentres non chega ese cambio, Deus non autorizou os cristiáns a participar en actos de desobediencia civil, xa sexa negándose a pagar impostos ou de calquera outra forma.

Que podes facer ti se, coma Gandhi, aínda pensas que é pecado pagar impostos que financien as guerras? Ben, unha paisaxe contémplase mellor dende un lugar alto, verdade? Pois o punto de vista de Deus é moito máis elevado có noso. Recordar isto axudarache a cambiar a túa forma de pensar para que se axuste á súa. A través do profeta Isaías, Deus dixo: “¡Canto máis altos son os ceos cá terra! Así son máis altos os meus plans cós vosos plans, e os meus vieiros do que os vosos vieiros” (Isaías 55:8, 9).

Autoridade absoluta?

O que ensina a Biblia sobre o pago dos impostos non significa que os gobernos humanos teñan autoridade absoluta sobre os seus súbditos. Xesús dixo que a autoridade que Deus lles deu ten límites. Cando uns xudeus lle preguntaron se a Deus lle gustaba que pagasen impostos a Roma, Xesús respondeu con esta rotunda declaración: “Dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus” (Marcos 12:13-17).

Os gobernos, representados por “César”, acuñan ou imprimen cartos e contribúen a determinar o seu valor. Así que, dende o punto de vista de Deus, teñen dereito a pedir que se lles devolvan os cartos por medio dos impostos. Con todo, Xesús ensinou que ningunha institución humana pode reclamarnos “o de Deus”, é dicir, a nosa vida e adoración. Cando as leis humanas entran en conflito coas divinas, os cristiáns temos que “obedecer a Deus antes cós homes” (Feitos 5:29).

É certo que ós cristiáns da actualidade podería preocuparnos como se usan os cartos dos nosos impostos. Pero non nos negamos a pagalos nin nos opoñemos ás autoridades nun intento de influír ou interferir nas súas decisións. Facer isto demostraría que non confiamos en que Deus solucionará os nosos problemas. Máis ben, esperamos con paciencia o momento fixado por Deus para intervir nos asuntos humanos mediante o reinado do seu Fillo Xesús, quen afirmou: “O meu reino non é deste mundo” (Xoán 18:36).

Os beneficios de obedecer o que di a Biblia

Obedecer o mandato bíblico de pagar impostos pode beneficiarte. Para empezar, non sufrirás o castigo por infrinxir a lei nin vivirás con medo a que te descubran (Romanos 13:3-5). Pero o máis importante é que terás unha conciencia limpa ante Deus e daraslle honra mediante a túa conduta. E, aínda que ás veces iso signifique ter menos cartos que os que non pagan impostos ou defraudan as autoridades, podes estar seguro de que Deus cumprirá a súa promesa de coidar dos seus servos fieis. Así o expresou David, un escritor da Biblia: “Fun mozo e agora vou vello, e nunca vin un xusto abandonado, nin os seus fillos pedindo pan” (Salmo 37:25).

Por último, entender e obedecer o mandato bíblico de pagar impostos darache tranquilidade. Deus non te considera responsable do uso que se lle dá ós teus impostos, tal e como a lei non considera responsable un inquilino polo que o dono da casa faga cos cartos da renda. Antes de aprender as verdades bíblicas, un señor chamado Stelvio loitara durante anos para que se fixesen cambios políticos no sur de Europa. El explica por que deixou de intentalo: “Tiven que admitir que o home é incapaz de crear un mundo xusto e pacífico, onde todos sexamos irmáns. Só o Reino de Deus pode producir unha sociedade diferente e mellor”.

Se lle pagas “a Deus o de Deus”, poderás ter a mesma seguridade que tiña Stelvio. E poderás ver o día no que Deus estableza o seu xusto goberno sobre a Terra e repare tódolos danos e inxustizas que causaron os gobernos humanos.

[Nota]

a Encontrarás máis información sobre o historial das testemuñas de Xehová e o pago de impostos nos números de La Atalaya do 1 de novembro de 2002, páxina 12, parágrafo 15, e do 1 de maio de 1996, páxina 16, parágrafo 7.

[Frase destacada da páxina 22]

Debemos axustar o noso punto de vista ó de Deus porque os seus pensamentos son superiores ós nosos.

[Frase destacada da páxina 23]

Ó obedecer o mandato de pagar impostos, os cristiáns temos unha boa conciencia ante Deus e demostramos confianza en que el cubrirá as nosas necesidades.

[Imaxes da páxina 22]

“Dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus”

[Recoñecementos]

Copyright British Museum