Ir ó contido

Ir ó índice

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

QUE motivou un ladrón adicto ó xogo a superar a súa adicción e a cambiar de vida? Le a súa historia.

“Encantábanme as carreiras de cabalos” (RICHARD STEWART)

ANO DE NACEMENTO: 1965

PAÍS DE ORIXE: XAMAICA

OUTROS DATOS: ERA XOGADOR E LADRÓN

O MEU PASADO: Crieime nunha zona pobre e moi poboada de Kingston, a capital de Xamaica. Era unha zona onde escaseaba o emprego e había moita delincuencia. As bandas criminais atemorizaban as persoas. Oía disparos case tódolos días.

A miña nai traballaba sen descanso para manternos a min, o meu irmán e a miña irmá máis novos. Tamén se asegurou de que tivésemos unha boa educación. A min non me interesaba moito a escola, pero encantábanme as carreiras de cabalos. A miúdo faltaba a clase para ir ó hipódromo. Incluso cheguei a montar algúns dos cabalos que había alí.

En pouco tempo fíxenme adicto ás apostas. Levaba unha vida inmoral e andaba con moitas mulleres. Tamén fumaba marihuana e roubaba para manter aquel estilo de vida. Tiña moitas pistolas, pero afortunadamente non morreu ninguén nos moitos atracos nos que participei.

Co tempo, a policía detívome e acabei no cárcere. Pero, cando saín, seguín facendo o mesmo. De feito, volvinme peor ca antes. Aínda que tiña cara de boa persoa, en realidade era teimudo, irritable e cruel. Só pensaba en min mesmo.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Neste período tan escuro da miña vida, miña nai empezou a estudar a Biblia e fíxose testemuña de Xehová. Os cambios positivos que vin na súa personalidade espertaron a miña curiosidade. Quería saber que era o que a fixera cambiar, así que eu tamén comecei a ter conversas sobre a Biblia coas testemuñas de Xehová.

Deime conta de que o que ensinaban as testemuñas de Xehová era diferente das outras relixións. Ademais, todo o que dicían estaba baseado na Biblia. Eran o único grupo que coñecía que predicaba de casa en casa como fixeran os primeiros cristiáns (Mateo 28:19; Feitos 20:20). Pero o que me convenceu de que eran a relixión verdadeira foi o auténtico amor que se demostraban uns ós outros (Xoán 13:35).

O que aprendín da Biblia motivoume a facer grandes cambios. Por exemplo, aprendín que Xehová odia a fornicación e que para agradarlle tiña que cambiar o meu estilo de vida (2 Corintios 7:1; Hebreos 13:4). Algo que me tocou o corazón foi saber que Xehová ten sentimentos e que as miñas accións poden alegralo ou entristecelo (Proverbios 27:11). Así que decidín deixar de consumir marihuana, desfacerme das miñas armas e esforzarme por mellorar a miña personalidade. Algúns dos cambios que fixen foron moi difíciles para min, como abandonar o meu estilo de vida inmoral e deixar as apostas.

Ó principio, non quería que os meus amigos soubesen que estaba estudando a Biblia coas testemuñas de Xehová. Pero todo cambiou cando lin o que dixo Xesús en Mateo 10:33: “Quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial”. Estas palabras animáronme a contarlles ós meus amigos que estaba estudando coas testemuñas de Xehová. Quedaron pasmados! Non podían crer que alguén coma min quixese facerse cristián. Pero díxenlles que xa non quería ter nada que ver coa vida que levaba antes.

OS BENEFICIOS: A miña nai alegrouse moito ó ver que estaba axustando a miña vida ós principios bíblicos. Agora xa non ten que preocuparse de que estea facendo algo malo. Tamén temos algo en común que nos une e do que podemos conversar: o noso amor por Xehová. Ás veces, recordo como era antes e sorpréndome ó ver tódolos cambios que fun capaz de facer grazas á axuda de Deus. Xa non me atrae a vida inmoral e materialista que levaba.

Se non deixase que a Biblia guiase a miña vida, seguramente xa estaría morto ou no cárcere. En cambio, teño unha muller e unha filla marabillosas e somos felices servindo xuntos a Xehová. Estou moi agradecido de que Xehová me permita formar parte dunha amorosa irmandade cristiá e de que alguén se esforzase por ensinarme as verdades da Biblia. Tamén valoro moito as oportunidades que teño de axudar a outros a aprender o que esta di. E, sobre todo, doulle grazas a Xehová pola bondade e o amor que me mostrou ó atraerme ó seu carón.

[Frase destacada da páxina 11]

“Algo que me tocou o corazón foi saber que Xehová ten sentimentos e que as miñas accións poden alegralo ou entristecelo.”

[Imaxe da páxina 11]

Vin que miña nai facía cambios positivos na súa personalidade.

[Imaxe da páxina 11]

Coa miña muller e a miña filla.