Ir ó contido

Ir ó índice

Que poden facer os pais para manterse achegados ós seus fillos?

Que poden facer os pais para manterse achegados ós seus fillos?

Que poden facer os pais para manterse achegados ós seus fillos?

“PAPÁ, como sabes tantas cousas?” Sorprendeute algunha vez o teu fillo cunha pregunta coma esta? Seguro que nese momento te sentiches orgulloso de ser pai. E aínda te sentiches máis feliz se o teu fillo che fixo caso e lle foi ben, verdade? a (Proverbios 23:15, 24).

Pero co paso do tempo, é posible que xa non te admire tanto como cando era pequeno ou quizais sintas que xa non te respecta da mesma maneira. Que podes facer para ter unha boa relación co teu fillo a medida que vai crecendo? Vexamos algúns dos desafíos ós que os pais se teñen que enfrontar.

Tres desafíos comúns

1. FALTA DE TEMPO: En moitos países, é o pai quen aporta a maior parte dos ingresos da familia. Para iso, a miúdo ten que traballar fóra da casa case todo o día, polo que non lle queda moito tempo para estar cos seus fillos. Por exemplo, en Francia, unha enquisa recente mostrou que os pais pasan unha media de menos de 12 minutos ó día cos seus fillos.

PENSA NISTO: Canto tempo lle dedicas ó teu fillo? Por que non anotas o tempo que pasades xuntos cada día durante unha ou dúas semanas? Poida que os resultados te sorprendan.

2. FALTA DE CONFIANZA CO TEU PAI: Algúns homes non tiveron moito trato co seu pai. Jean-Marie, que vive en Francia, explica: “Tiven moi pouca relación co meu pai”. Como lle afectou isto? El comenta: “Iso causoume problemas que nin imaxinara. Por exemplo, facíaseme difícil ter conversas profundas cos meus propios fillos”. Noutros casos, hai homes que coñecen ben o seu pai, pero a relación entre eles non é boa. Philippe, de 43 anos, di: “Ó meu pai custáballe demostrarme cariño e por iso agora a min cústame moito ser cariñoso co meu fillo”.

PENSA NISTO: Cres que a relación que tes co teu pai inflúe en como tratas o teu fillo? Notaches que tes os mesmos bos ou malos costumes do teu pai? Cales son?

3. INFLUENCIA CULTURAL: Nalgunhas culturas, quítaselle importancia ó papel do pai na crianza dos fillos. Luca, que se criou nun país de Europa occidental, explica: “Onde eu crecín a xente pensa que son as nais as que teñen que coidar dos fillos”. Noutras culturas espérase que o pai só se limite a castigar os fillos. George, que se criou nun país africano, di: “Na miña cultura, os pais non teñen o costume de xogar cos seus fillos por medo a perder a súa autoridade. Por iso sempre me custou moito pasar tempo co meu fillo e divertirnos xuntos”.

PENSA NISTO: Onde ti vives, que se espera dos pais? Pensan eles que a crianza dos fillos é cousa das nais? Anímaselles a demostrarlles o seu amor e cariño ós seus fillos, ou é algo que está mal visto?

Se es pai e te enfrontas a algún destes desafíos, que podes facer para superalos? Vexamos algunhas ideas.

Empeza mentres o teu fillo sexa pequeno

Dende ben pequenos, os fillos imitan os seus pais. Así que, mentres sexa pequeno, intenta pasar tempo con el para que te coñeza mellor. Como podes facelo? E de onde podes sacar o tempo para estar con el?

Sempre que sexa posible, inclúe o teu fillo nas túas actividades diarias. Por exemplo, se estás a limpar a casa, dálle unha fregona ou unha vasoira pequena para que che axude. Seguro que estará moi contento de traballar contigo e copiar o que fas. Quizais che leve máis tempo rematar o traballo, pero facer isto axudaravos a estreitar a vosa relación e, ademais, estaraslle ensinando a ser un bo traballador. Hai moito tempo, a Biblia animou os pais a incluír os seus fillos nas actividades diarias e a aproveitar esas ocasións para falar con eles e ensinarlles (Deuteronomio 6:6-9). Este segue sendo un consello útil para nós hoxe.

Ademais de traballar co teu fillo, pasa tempo xogando con el. Non só o pasaredes ben, senón que, como explican os expertos, axudaraslle a ser máis valente e a non ter medo de probar cousas novas.

Pero xogar xuntos logrará algo aínda máis importante. Un experto comenta que é máis fácil para o fillo contarlle ó seu pai o que pensa cando están xogando xuntos. Ademais, tanto polo que di como polo que fai, o pai pode demostrarlle ó seu fillo canto o quere, e o fillo pode aprender a facer o mesmo. André, que vive en Alemaña, comenta: “Cando o meu fillo era pequeno, xogabamos xuntos a miúdo. Eu abrazábao e el aprendeu a ser cariñoso comigo”.

Outro momento no que un pai pode fortalecer a relación co seu fillo é cando o neno vai para a cama. Ten o costume de lerlle unha historia antes de durmir e de escoitalo con atención cando che explique as cousas boas e malas que lle pasaron durante o día. Así seralle máis fácil comunicarse contigo a medida que se vaia facendo maior.

Continuade facendo cousas xuntos

A algúns adolescentes parece que non lles importan os esforzos que fan os seus pais para comunicarse con eles. Se che dá a impresión de que o teu fillo evita as túas preguntas ou non quere escoitar o que lle dis, non chegues á conclusión de que non quere falar contigo. Poida que estea máis disposto a abrirse se buscas outra forma de comunicarte con el.

A Jacques, un pai que vive en Francia, ás veces facíaselle difícil comunicarse co seu fillo, Jérôme. Pero, en vez de obrigalo a falar, buscou outra maneira de achegarse a el: empezaron a xogar xuntos ó fútbol. Este pai explica: “Ó rematar, sentabámonos a descansar na herba un pouco. Nese momento, meu fillo contábame o que lle preocupaba. Como estabamos sós, creouse unha amizade moi especial entre nós”.

E se ó teu fillo non lle gustan os deportes? André recorda con moito cariño as horas que o seu fillo mais el pasaban mirando as estrelas xuntos. El di: “De noite, sentados nunhas hamacas ó aire libre, tapados cunha manta e cunha cunca de té na man, comezabamos a observar o ceo nocturno e a falar do Creador das estrelas, das cousas que nos preocupaban... Falabamos de case todo” (Isaías 40:25, 26).

Pero, e se a ti non che gustan as mesmas cousas có teu fillo? Nese caso, poida que teñas que deixar a un lado as túas preferencias persoais (Filipenses 2:4). Ian, que vive en Suráfrica, conta: “A min gustábanme os deportes e ó meu fillo Vaughan os avións e os ordenadores. Así que empecei a interesarme polo que lle gustaba a el. Iamos xuntos a exhibicións aéreas e xogabamos cun simulador de voo no ordenador. Como o pasabamos tan ben xuntos, Vaughan sentíase máis libre de falar comigo”.

Reforza a súa autoestima

“Mira, papá, mira!” Díxoche isto todo ilusionado o teu fillo despois de aprender a facer algo novo? Se agora xa é adolescente, poida que non siga buscando a túa aprobación dun xeito tan evidente, pero a medida que se converte nun adulto aínda necesita saber que a ten.

Fíxate no exemplo que Xehová nos puxo ó tratar cun dos seus fillos. Cando Xesús estaba a punto de comezar unha fase crucial da súa vida na Terra, Deus díxolle en público o que sentía por el: “Este é o meu fillo benquerido, o predilecto” (Mateo 3:17; 5:48). É certo que tes a obrigación de corrixir e de ensinar ó teu fillo (Efesios 6:4). Pero tamén deberías buscar oportunidades para felicitalo polas cousas boas que di e que fai.

A algúns homes resúltalles moi difícil encomiar os seus fillos e demostrarlles canto lles queren. Isto pode ser porque se criaron en familias onde os pais se centraban máis nos erros que nos logros. Se este é o teu caso, terás que esforzarte moito para aumentar a autoestima do teu fillo. Como podes conseguilo? Luca, citado antes, ten o costume de facer as tarefas da casa co seu fillo Manuel, de 15 anos. El explica: “Ás veces dígolle a Manuel que empece unha tarefa e que me chame se necesita axuda. A maioría das veces é capaz de facelas el só. Estes logros prodúcenlle satisfacción e súbenlle a autoestima. Cando algo lle sae ben, felicítoo. E se non lle sae como el esperaba, fágolle saber canto valoro o seu esforzo”.

Tamén podes facer que o teu fillo se sinta mellor consigo mesmo axudándolle a alcanzar metas importantes na súa vida. Pero, que pasa se tarda máis do que che gustaría en conseguir estes obxectivos? Ou que pasaría se as súas metas son diferentes das que ti querías para el? Nese caso, poida que necesites cambiar as túas expectativas. Jacques, citado antes, di: “Intento axudar ó meu fillo a poñerse metas que poida alcanzar, pero tamén me aseguro de que son as súas metas, non as miñas. Despois, intento recordar que el necesita ir ó seu propio ritmo”. Se escoitas as opinións do teu fillo, o felicitas polo que fai ben e o animas a superar os seus fracasos, axudaraslle a alcanzar as súas metas.

Sendo realistas, a relación co teu fillo pasará por momentos tensos e difíciles. Pero se te esforzas ó máximo, é probable que o teu fillo te queira moito por toda a axuda e o apoio que lle deches.

[Nota]

a Aínda que este artigo se centra na unión especial que hai entre un pai e o seu fillo, os principios que se analizan nel tamén aplican á relación que hai entre un pai e a súa filla.