Ir ó contido

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

QUE impulsou a un home a volver á relixión na que o criaran os seus pais? Como atopou un mozo a figura paterna que anhelara toda a súa vida? Deixemos que eles nolo expliquen.

“Necesitaba volver a Xehová” (ELIE KHALIL)

ANO DE NACEMENTO: 1976

PAÍS DE ORIXE: CHIPRE

OUTROS DATOS: FOI COMA O FILLO PRÓDIGO

O MEU PASADO: Aínda que nacín en Chipre, crieime en Australia. Os meus pais son testemuñas de Xehová e fixeron todo o que puideron para que eu tamén amase a Xehová e a súa Palabra, a Biblia. Aínda así, cando era adolescente empecei a rebelarme. De noite, escapaba da casa e xuntábame con outros rapaces. Roubabamos coches e metiámonos en moitos problemas.

Ó principio facía estas cousas ás escondidas, porque non quería decepcionar os meus pais, pero pouco a pouco fun perdendo o medo. Fíxenme amigo de persoas moito maiores ca min que non amaban a Xehová e que eran unha moi mala influencia. Ó final, díxenlles ós meus pais que non quería ter nada que ver coa súa relixión. Con paciencia intentaron axudarme, pero eu rechacei tódolos seus esforzos. Os meus pais quedaron desfeitos.

Despois de marchar da casa empecei a probar as drogas. Ata cheguei a cultivar e vender grandes cantidades de marihuana. Tamén empecei a levar unha vida inmoral e a pasar moito tempo de festa en clubs nocturnos. Co tempo, comecei a ter moi mal carácter. Se alguén dicía ou facía algo que non me gustaba enfadábame moito e, ás veces, ata lles berraba e lles pegaba. De feito, facía todo o contrario do que me ensinaran os meus pais.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Fíxenme moi amigo doutro mozo que tamén tomaba drogas e que perdera o seu pai sendo moi novo. Moitas veces quedabamos despertos ata moi tarde falando. Algunhas desas noites abríase comigo e contábame o moito que botaba de menos o seu pai. Como eu me criara escoitando falar da esperanza da resurrección, sen darme conta empecei a falarlle sobre Xesús. Expliqueille que el resucitara mortos e que prometeu facer o mesmo no futuro (Xoán 5:28, 29). Díxenlle: “Imaxina volver a ver o teu pai. Todos podemos chegar a vivir para sempre nun paraíso aquí na Terra”. Aquelas palabras tocáronlle o corazón.

Noutras ocasións, o meu amigo quixo falar de temas como os últimos días ou a doutrina da Trindade. Collín a súa Biblia e mostreille varios versículos que explican a verdade sobre Xehová, Xesús e os últimos días (Xoán 14:28; 2 Timoteo 3:1-5). Canto máis lle falaba ó meu amigo acerca de Deus, máis pensaba eu en Xehová.

Pouco a pouco, as sementes da verdade da Biblia que os meus pais se esforzaran tanto por plantar empezaron a espertar e a medrar con forza no meu corazón. Por exemplo, ás veces, estando de festa e tomando drogas cos meus amigos, de repente acordábame de Xehová. Moitos dos meus amigos dicían amar a Deus, pero a súa conduta dicía todo o contrario. Non quería ser coma eles. Así que me dei conta do que tiña que facer: volver a carón de Xehová.

Pero unha cousa é saber o que tes que facer e outra cousa moi diferente é facelo. Algúns cambios foron fáciles. Por exemplo, non me custou moito deixar as drogas. Tamén deixei as miñas antigas amizades e empecei a estudar a Biblia cun ancián da congregación.

Con todo, outros cambios foron moito máis difíciles de facer. O que máis me custou foi aprender a controlar o meu xenio. Ás veces conseguíao durante un tempo, pero despois volvía caer. Cando iso pasaba sentíame moi mal e pensaba que era un caso perdido. Moi desanimado ía falar co ancián que estudaba a Biblia comigo. El foi moi paciente e cariñoso, e axudoume moitísimo. Unha vez díxome que lese un artigo da revista La Atalaya que falaba sobre a importancia de non renderse. a Despois, comentamos que pasos podía dar a próxima vez que me enfadase. Pouco a pouco, grazas a aquel artigo e ás moitas oracións que lle fixen a Xehová, fun capaz de controlar o meu xenio. Por fin, en abril do ano 2000, bauticeime como testemuña de Xehová. Sobra dicir que os meus pais estaban moi emocionados.

OS BENEFICIOS: Agora síntome en paz e cunha conciencia limpa, porque sei que non estou contaminando o meu corpo con drogas nin levando unha vida inmoral. Sen importar o que estea facendo, sexa traballar, ir ás reunións ou desfrutar do meu tempo libre, son moito máis feliz.

Doulle grazas a Xehová porque os meus pais nunca deixaron de intentar axudarme. Tamén penso nas palabras de Xesús que aparecen en Xoán 6:44: “Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai”. Emocióname saber que fun capaz de volver a Xehová porque el quixo traerme de volta.

“Anhelaba ter un pai” (MARCO ANTONIO ALVAREZ SOTO)

ANO DE NACEMENTO: 1977

PAÍS DE ORIXE: CHILE

OUTROS DATOS: TOCABA NUN GRUPO DE DEATH METAL

O MEU PASADO: Crieime coa miña nai en Punta Arenas, unha agradable cidade no Estreito de Magalláns, preto do extremo sur do continente americano. Meus pais separáronse cando eu tiña 5 anos. Eu sentinme abandonado e anhelaba ter un pai.

Miña nai estudaba coas testemuñas de Xehová e levábame con ela ás reunións que se celebraban no Salón do Reino. Pero eu odiaba ir, e a miúdo collía unha perrencha de camiño ó Salón. Cando tiña 13 anos deixei de ir ás reunións.

Para aquela época, xa me gustaba moito a música e vía que tiña talento. Cando tiña 15 anos xa estaba tocando heavy metal e death metal en festivais, bares e festas privadas. Como me relacionaba con músicos moi bos, empecei a interesarme pola música clásica e a estudar no conservatorio da miña cidade. Ós 20 anos mudeime á capital, Santiago de Chile, para seguir cos meus estudos. Tamén seguín tocando en grupos de heavy metal e death metal.

Para aquela época sentíame baleiro e non era feliz. Para sentirme mellor emborrachábame e tomaba drogas cos meus compañeiros da banda, ós que consideraba a miña familia. Tiña unha actitude rebelde e iso notábase na miña aparencia. Vestía de negro, deixara crecer a barba e o pelo chegábame case ata a cintura.

Con frecuencia, a miña actitude facía que me metese en pelexas e tivese problemas coa policía. Unha vez, estando borracho, ataquei un grupo de traficantes que nos estaban molestando a min e os meus amigos. Déronme tal malleira que acabei coa mandíbula fracturada.

Pero o golpe que máis me doeu veu das persoas que máis quería. Un día, descubrín que a miña moza me estivera enganando durante anos co meu mellor amigo. Aínda por riba, os meus amigos sabíano e non me dixeran nada. Sentinme moi humillado.

Entón volvín a Punta Arenas, onde empecei a traballar de violonchelista e ensinando música. Tamén seguín tocando e gravando con diferentes bandas de heavy metal e death metal. Naquela época, coñecín unha rapaza moi guapa que se chamaba Sussan e empezamos a vivir xuntos. Un tempo despois, Sussan soubo que a súa nai cría na doutrina da Trindade e que eu non. Así que me preguntou: “Entón, cal é a verdade?”. Eu respondinlle que sabía que a Trindade era mentira pero que non era capaz de explicarllo coa Biblia. Non obstante, sabía quen llo podía demostrar: as testemuñas de Xehová. Entón, fixen algo que levaba anos sen facer: oreille a Xehová para pedirlle a súa axuda.

Uns días máis tarde vin un home que se me facía coñecido e pregunteille se era testemuña de Xehová. Aínda que era evidente que a miña aparencia o puxera nervioso, foi moi amable comigo e contestou as preguntas que lle fixen sobre as reunións que se celebraban no Salón do Reino. Estaba convencido de que aquel encontro non era por casualidade e que en realidade era a resposta á miña oración. Cando fun ó Salón do Reino, senteime na última fila para que ninguén me vise. Pero moitos recoñecéronme de cando era neno. Viñeron darme a benvida e abrazáronme con tanto cariño que sentín moitísima paz, era coma se volvese á casa. Cando vin o irmán que me daba clases da Biblia cando eu era neno, pedinlle volver a estudar outra vez.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Un día lin Proverbios 27:11 que di: “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”. Impresionoume moito pensar que un simple mortal pode facer feliz o Creador do Universo. Comprendín que Xehová era o Pai que toda a vida anhelara ter.

Eu quería agradarlle ó meu Pai celestial e facer a súa vontade, pero levaba anos sendo escravo das drogas e do alcohol. Cheguei a entender as palabras de Xesús rexistradas en Mateo 6:24, onde di: “Ninguén pode servir a dous amos”. Mentres loitaba por facer estes cambios na miña vida, o principio bíblico de 1 Corintios 15:33 fíxome pensar. Alí di: “Malas compañías estragan bos costumes”. Deime conta de que non podía facer eses cambios se seguía indo ós mesmos sitios e andando coa mesma xente. O consello da Biblia era claro. Se quería servir a Deus, tiña que tomar medidas drásticas para deixar atrás todas aquelas cousas (Mateo 5:30).

A miña paixón pola música fixo que deixar de tocar e de escoitar heavy metal fose a decisión máis difícil que tiven que tomar nunca. Pero grazas ós irmáns da congregación finalmente conseguino. Deixei de emborracharme e de tomar drogas. Tamén cortei o pelo, afeitei a barba e deixei de vestir só de negro. Cando lle contei a Sussan que quería cortar o pelo chamoulle tanto a atención que dixo: “Vou ir contigo ó Salón do Reino para ver que pasa alí”. Gustoulle moito o que viu e, ó pouco tempo, ela tamén empezou a estudar a Biblia. Finalmente, Sussan mais eu casamos, e en 2008 bautizámonos como testemuñas de Xehová. Agora somos felices servindo a Xehová xunto con miña nai.

OS BENEFICIOS: Libreime dun mundo onde os amigos te traizoan e non es verdadeiramente feliz. Segue gustándome moito a música, pero agora son máis selectivo. Utilizo a miña experiencia para axudar ós membros da miña familia e a outras persoas, especialmente á xente nova. Quero axudarlles a ver que, aínda que o que este mundo ofrece pode parecer atractivo, ó final non é máis ca lixo (Filipenses 3:8).

Na congregación si que hai verdadeiro amor e paz, e alí puiden encontrar amigos leais. Pero o máis importante de todo é que atopei o Pai que tanto anhelaba: Xehová.

[Nota]

a Este artigo, titulado “La perseverancia ayuda a triunfar”, saíu na revista La Atalaya do 1 de febreiro de 2000, páxinas 4 a 6.

[Frase destacada]

“Fun capaz de volver a Xehová porque el quixo traerme de volta.”